Mantéñense as exixencias de máis persoal para a ESAD após tres días de folga

Esta mañá celebrouse unha nova concentración en Vigo

Vigo -

Coincidindo cun acto oficial de inicio de curso na cidade unha representación do alumnado e do profesorado interpelou ao Xefe Territorial e esixiu a solución ao conflito creado pola propia Consellaría tras os recortes indiscriminados no único centro que imparte as ensinanzas de arte dramática en Galiza.

Seguen as mobilizacións do profesorado e do alumnado da Escola Superior de Arte Dramática de Galiza despois das tres xornadas de folga que foron secundadas polo 100% do profesorado e alumnado do centro.

Coincidindo cun acto oficial de inicio de curso na cidade de Vigo, tivo lugar unha nova concentración do profesorado e o alumnado deste centro ás portas do IES Ricardo Mella, que contou coa presenza e o apoio de delegados e delegadas da CIG-Ensino.

No decurso da protesta, desde a CIG-Ensino déuselle traslado tanto ao alcalde, Abel Caballero, como ao Xefe Territorial, Cesar Pérez Ares, das demandas que toda a comunidade educativa e o sindicato mantén, no sentido de que se atendan as necesidades do centro, especialmente no que ten a ver cos postos de traballo, que pasaron de 42 a 34 docentes en cinco anos.

Reunión co Xefe Territorial o luns 24

Ante a demanda dunha negociación urxente para dar resposta ás demandas da comunidade educativa da ESAD forzouse o compromiso do xefe territorial de manter unha reunión o próximo luns 24 na sede da Xunta na cidade de Vigo.

Nesa xuntanza unha delegación do profesorado e do alumnado trasladarán as razóns que existen para recuperar na súa totalidade o cadro de persoal necesario para impartir docencia nas mesmas condicións que antes dos recortes impostos pola inspección educativa e que esixen unhas ensinanzas superiores como as que se ofertan neste centro educativo.

Mantéñense as mobilizacións: actos de protesta no centro e na Consellaría

Á espera do que dea de si a reunión co xefe territorial da Consellaría de Educación, mantéñense vivas as mobilizacións, logo das decisións adoptadas na asemblea que tivo lugar na tarde de onte, 19 de setembro, na propia ESAD. Así, todos os días haberá actos reivindicativos no propio centro e está convocada unha concentración diante da sede da Consellaría de Educación para o mércores 26.  O conflito e as mobilizacións seguirán se non existe unha resposta acaída por parte da Administración Educativa.

A CIG-Ensino exixe que rematen os recortes e as agresións contra a ESAD e o seu profesorado e que restitúan todos os postos de traballo necesarios que se demandan desde o centro á vez que se aparte das súas función ao  inspector responsábel dos recortes.

Volver