O domingo 29 de novembro convócasenos a participar nunhas Eleccións Xerais que se desenvolven nun contexto de profunda incerteza económica, social e política, marcado polo encarecemento da vida, a precariedade laboral, o deterioro dos servizos públicos e o aumento das desigualdades.
Unha realidade que golpea especialmente a clase traballadora galega, que cada vez ten máis dificultades para garantir unhas condicións de vida dignas mentres os beneficios das grandes empresas continúan medrando. A suba dos prezos da alimentación, da electricidade, dos combustíbeis e da vivenda, xunto cos baixos salarios e a inestabilidade laboral, está a condenar milleiros de persoas á precariedade. Traballar xa non garante saír da pobreza .
Mentres o gran capital acumula beneficios aproveitando a especulación e a falta de regulación, asistimos ao deterioro dos servizos públicos, aos recortes e á privatización de prestacións esenciais. A vivenda convértese nun negocio, a atención á dependencia non dá resposta ás necesidades sociais e o acceso a servizos públicos de calidade está cada vez máis condicionado pola capacidade económica.
A esta situación súmase a deriva militarista de Europa, o incremento do gasto en armamento e a subordinación á OTAN, desviando recursos que deberían destinarse á protección social e ao benestar da maioría. Non podemos aceptar que se nos esixan sacrificios mentres se multiplican os beneficios empresariais e os investimentos militares.
Vimos de paralizar Galiza nunha folga xeral, a do 11 de novembro, que foi convocada pola CIG precisamente para dar resposta e exixir medidas diante desta grave crise. Agora, este domingo, temos unha nova oportunidade de manifestar, nesta caso nas urnas, as demandas da Galiza en loita por unha vida digna .
A pasada lexislatura confirmou que o PSOE e SUMAR, goberno autodenominado “máis progresista da historia”, non só non fixeron unha política realmente social, senón que mantiveron vixentes medidas antisociais que o anterior goberno do PP puxo en marcha. Medidas tan lesivas como as reformas laborais, a Lei Mordaza ou as reformas das pensións, renunciando a derrogalas malia ter oportunidade para facelo. Por moi “progresista” que se defina un goberno, se aplica as mesmas políticas neoliberais non é o goberno que a clase traballadora galega necesita .
Pola contra, precisamos políticas que poñan a economía ao servizo das maiorías sociais e non dos beneficios do capital. É imprescindíbel transformar as estruturas económicas que producen desigualdade e precariedade. E iso require vontade política para confrontar os intereses do gran capital.
Esta realidade ten tamén unha dimensión nacional. Galiza non pode seguir sendo un territorio do que se extraen recursos, enerxía e riqueza mentres se nos nega a capacidade de decidir sobre o noso futuro. Precisamos soberanía económica e política, instrumentos propios e unha representación capaz de defender os intereses do noso pobo sen subordinacións a Madrid.
O avance da extrema dereita, do españolismo e dos discursos fascistas é unha ameaza engadida. O gran capital alimenta estas posicións para dividir a clase traballadora, debilitar os dereitos conquistados e reforzar a explotación e a represión.
Está en xogo a capacidade de frear o avance da dereita e da ultradereita españolista, mais tamén a posibilidade de que se poidan impulsar cambios reais e profundos nas políticas económicas e sociais
Por iso, estas eleccións son fundamentais . Está en xogo a capacidade de frear o avance da dereita e da ultradereita españolista, mais tamén a posibilidade de que se poidan impulsar cambios reais e profundos nas políticas económicas e sociais . Unha cuestión que, porén, ocupa pouco espazo nunha campaña electoral dominada pola polarización, os insultos e os bulos populistas, mentres apenas se fala dos graves problemas que afectan á maioría social.
É necesaria unha representación propia galega forte no Congreso e no Senado, sen dependencia nin submisións a Madrid, que leve a nosa voz e defenda os intereses da nosa clase traballadora e do pobo galego
Desde a CIG facemos un chamamento ao conxunto da clase traballadora galega para que participe activamente nestas eleccións . Igual que estamos presentes nas rúas, nas mobilizacións e na defensa cotiá dos nosos dereitos, debemos acudir tamén ás urnas. É o momento de actuar con coherencia e dignidade, combatendo tamén co voto quen fai políticas antisociais e antiobreiras e apostando por quen defende un modelo económico e social máis xusto, solidario e democrático. Porque a nosa voz ten que estar presente tamén onde se toman as decisións, e porque o futuro de Galiza depende tamén da nosa capacidade para decidilo .
Nas urnas debemos actuar en coherencia coa loita que desenvolvemos cada día. Do mesmo xeito que a clase traballadora galega aposta maioritariamente polo sindicalismo nacionalista e de clase para defender os seus dereitos, nas eleccións xerais debemos apoiar forzas políticas propias, autenticamente galegas, nacionalistas e de esquerdas .
Galiza en loita por unha vida digna. Polos dereitos da clase traballadora. Pola soberanía e a emancipación nacional de Galiza.