Manifestación en Santiago o domingo día 14 para rexeitar a instalación de Altri

Nacional - 04 Dec 2025

As Plataformas Ulloa Viva e En Defensa da Ría de Arousa (PDRA), e o resto das asociacións, colectivos e organizacións que integran a mesa de coordinación nacional contra Altri -entre elas a CIG- teñen convocada unha manifestación nacional este domingo 14 de decembro, coincidindo co primeiro aniversario da mobilización que o 15 de decembro de 2024 ateigou a Praza do Obradoiro para rexeitar a instalación da macrocelulosa.

De novo a marcha de protesta sairá da Alameda ás 12:00 horas, nesta ocasión baixo o lema ‘Desde a Ulloa ata o mar, polas que somos e as que virán’ para berrar alto e claro ‘Altri non. Fóra xa’. Dende os colectivos convocantes chaman a sociedade galega a expresar “masivamente e de maneira moi clara o rexeitamento a un proxecto que ataca directamente o modo de vida da comarca da Ulloa, a calidade das augas do río Ulla e a supervivencia da pesca e o marisqueo na Ría de Arousa”. 

Os colectivos convocantes chaman a sociedade galega a expresar “de forma clara o rexeitamento a un proxecto que ataca directamente o modo de vida da comarca da Ulloa, a calidade das augas do río Ulla e a supervivencia da pesca e o marisqueo na Ría de Arousa"

Por iso amósanse convencidos de que, de igual maneira que o pobo galego fixo fronte á marea negra do Prestige e ás vagas de lumes, “poñeremos fin a este despropósito de proxecto que representa Altri”. Lembran que foi unha “mobilización histórica” a que deixou a Altri fóra do PERTE da descarbonización e das axudas públicas de 250 millóns de euros que a empresa demandaba, e confían en que esta nova protesta deixe a compañía fóra definitivamente da planificación eléctrica, captación de auga e autorización ambiental integrada da Xunta.

“É máis necesario ca nunca continuar coa presión mobilizadora para soterrar dunha vez por todas este proxecto paralizando as autorizacións pendentes da Xunta”, evitando deste xeito as posteriores reclamacións xudiciais de tipo económico “que vai interpoñer Altri para tentar indemnizacións con cargo ás arcas públicas”.

Neste senso, consideran que o anuncio do Goberno español de non incluír na Planificación Eléctrica 2025-2030 a liña eléctrica e a subestación necesarias para o Proxecto Gama “vai no camiño das nosas demandas para que non sexa autorizado o proxecto de Altri-Smarttia”. Porén “o noso obxectivo é impedir a volta atrás nesta Planificación eléctrica 2030”, e por iso “ faremos seguimento na tramitación, mesmo formulando alegacións, para que a aprobación definitiva desta Planificación sexa firme”. Sinalaron ademais que neste contexto “temos que alegar como resposta diante dos anuncios da Xunta e das empresas que conforman o proxecto Gama de que alegarán contra a decisión do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (Miteco).