Manifestación do sector sanitario, en Compostela, pola recuperación dos acordos suspendidos

O luns 19 de xuño, con saída ás 11:00 horas de San Caetano
Nacional - 16 Xun 2017

CIG, CCOO, UGT, CSIF, SATSE e SAE convocan para o vindeiro luns, día 19 de xuño, ás 11:00 horas, unha manifestación con saída da porta principal do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano, para exixir da consellaría de Sanidade a convocatoria da mesa sectorial e negociar un calendario de recuperación dos acordos retributivos, de condicións de traballo e carreira profesional suspendidos desde o ano 2009.

O obxectivo das organizacións sindicais con esta mobilización, é desbloquear esta situación, negociar o calendario de recuperación e que no exercicio orzamentario de 2018 xa haxa unha partida destinada á recuperación destes acordos.

Entenden  que non poden permanecer suspendidos indefinidamente e que a consellaría non pode eliminar as competencias da Mesa sectorial, nomeadamente a da negociación. Lembran que levan moito tempo solicitando que este punto se inclúa na orde do día da mesa e denuncian que a consellaría se nega de forma sistemática a abordar esta cuestión.

Advirten que, de non obter resposta do SERGAS endureceran as mobilizacións á volta do verán.