Manifestación de SOS Sanidade en Santiago o 12 de febreiro pola defensa e a mellora do sistema público
A plataforma SOS Sanidade Pública vén de anunciar a convocatoria dunha manifestación nacional o vindeiro domingo 12 de febreiro en Santiago de Compostela pola defensa e a mellora do sistema público. Con esta marcha, que arrincará dende a Alameda ás 12:00 horas, o colectivo pretende deixar claro tamén que “queremos a nosa Atención Primaria”.
Dende SOS Sanidade denuncian que a Consellaría leva anos recortando e desmantelando os recursos do sistema público galego, especialmente na Atención Primaria, coa finalidade de reducir gasto e favorecer a sanidade privada, “que medra de maneira imparábel”. Censuran tamén que os responsábeis do Sergas sexan incapaces de planificar e xestionar a Atención Primaria, “poñendo en cuestión a continuidade deste sistema”.
Entre outras cousas, citan as reducións de persoal, a prioridade pola consulta telefónica por enriba da presencial, as dificultades para contactar cos centros e conseguir cita, o peche de consultas, centros e PAC, etc, “cuestións que impiden o acceso normal á asistencia sanitaria por parte da poboación e crean listas de agarda inaceptábeis”.
Como consecuencia, desapareceu da Atención Primaria a promoción, prevención, rehabilitación, participación e o traballo comunitario, mentres que o persoal está sometido a unha situación de presión, inestabilidade e precariedade “incompatíbeis cunha atención de calidade”.
Por iso dende SOS Sanidade están a promover mocións nos Concellos e nas Deputacións nas que se reclama apoio para a Iniciativa Lexislativa Popular promovida pola plataforma, coa que se pretende que o Parlamento galego debata e aprobe unha serie de medidas encamiñadas a establecer a atención presencial ao paciente como regra xeral para as consultas médicas; fixar uns mínimos na dispoñibilidade de centros e persoal por habitante, para salvagardar a calidade da atención; acabar coa inestabilidade e a precariedade do persoal e realizar, como mínimo, unha convocatoria anual de prazas; reabrir as consultas, centros de saúde e PAC de urxencias pechados durante os últimos anos.
Incrementar o persoal médico, de enfermaría, administrativo dos centros de saúde e redimensionar os seus cadros de persoal, incorporando novas categorías profesionais aos equipos como psicoloxía, fisioterapia, atención temperá, logopedia, etc., para desmedicalizar a atención e ofrecer unha asistencia integrada.
Mais tamén recuperar as Xerencias de Atención Primaria para dotalas de capacidade de planificación e autoxestión e acabar co seu sometemento aos hospitais. “Que sexan o elemento esencial para organizar e integrar a Atención Primaria cos hospitais, saúde pública, asistencia social e atención á dependencia”; desenvolver as conclusións do Consello Técnico de Saúde de Galiza; e poñer en marcha o Consello de Saúde de Galiza e os Consellos de Saúde de Área Sanitaria, “para que a poboación teña capacidade real de planificar, decidir e avaliar a actividade dos centros”.
Aprobación urxente
Todas estas medidas, recollidas na ILP, deberían aprobarse de maneira urxente polo Parlamento dada a gravidade da situación da Atención Primaria, “en risco real de desmantelamento e privatización”, e ir acompañadas dun incremento do orzamento de Atención Primaria até alcanzar o 25% do total.
Nas mocións incídese en que as institucións locais son esenciais no proceso de recuperar os recursos, garantir a accesibilidade á asistencia, desmasificar as consultas, reabrir os centros e PAC pechados e acabar coas listas de espera que son incompatíbeis cunha asistencia racional e de calidade, “antes de que sexa demasiado tarde”.
Por iso se lles insta a acordar, ademais de apoiar a ILP, colaborar activamente na recollida de sinaturas e nas mobilizacións e actividades informativas de carácter unitario que se realicen.