Manifestación de Queremos Galego o 23 de febreiro en Compostela baixo o lema ‘Lingua vital xa!’

Nacional - 11 Feb 2025

Queremos Galego, plataforma da que a CIG fai parte, anima a cidadanía a participar na manifestación que sairá, o 23 de febreiro, ás 12 horas, da Alameda de Santiago de Compostela e rematará na Praza do Obradoiro, onde está previsto celebrar unha actuación musical. Nesta data, escollida por ser o Día de Rosalía, a plataforma de defensa da nosa lingua chama a transformar a emerxencia lingüística en forza reparadora, reclamando “Lingua vital xa!”.

Para facilitar os desprazamentos, haberá transporte desde todas as comarcas e a información dos puntos de saída e horarios estará dispoñíbel na web queremosgalego.gal.

Impulso ao galego

Queremos galego denuncia un “pacto do enterro do galego”, fronte ao que a cidadanía está a reaxir “co impulso á vida do noso idioma, vital para o noso pobo”. Porque a lingua é vital para a existencia de Galiza e os poderes públicos teñen que garantila, en todos os espazos e para todos os usos. Como parte das accións de axitación, a plataforma organizou durante o mes de xaneiro plenarios comarcais por toda a xeografía para artellar un intenso traballo de recuperación do noso idioma en todos os espazos. 

A marcha a pé sairá dende a Alameda ás 12:00 horas

De aí o lema da manifestación deste 23 de febreiro, ‘Lingua vital xa!’, co que se quere evidenciar a enerxía que todo un pobo vai mostrar o Día de Rosalía para transformar a emerxencia lingüística en forza reparadora. “Do mesmo xeito que Rosalía inaugurou o rexurdir da lingua galega na literatura, o día do seu nacemento comezará o rexurdir do noso idioma co compromiso e implicación do pobo galego”, asevera o colectivo.

Non hai que perder de vista que a Xunta de Galiza iniciou un proceso sobre o Plan Xeral de Normalización Lingüística, mais lonxe de pretender a súa aplicación, avaliar o seu cumprimento e actualizalo onde for preciso, o que busca o Goberno galego con este proceso é deseñar un novo Plan á medida de Rueda, para derrogar a oficialidade formal do galego.

Emerxencia lingüística

Queremos Galego alerta de que, neste momento, a Xunta non só non está a traballar para eliminar as liñas vermellas, “senón que están impoñendo outras novas” á vista da aprobación dunha lei que abre a porta a que a TVG deixe de usar a nosa lingua, do rexistro dun proxecto de lei de Intelixencia Artificial que non contempla ningunha medida para asegurar o dereito de uso e oferta de galego no uso desta tecnoloxía na administración, ou da votación contra á aplicación do PXNLG ou da oficialidade do galego na UE, necesaria para que o galego estea contemplado nos requisitos lingüísticos da lexislación europea”.

Todo isto cando os datos poñen en evidencia o estado de emerxencia lingüística do galego con niveis de descoñecemento e emprego inéditos na historia da lingua. Resultado do predominio e da hexemonía do castelán intensificada nos últimos 15 anos co aumento da exclusión do idioma propio de Galiza da oferta en todos os ámbitos, nomeadamente no ensino, mais tamén no lecer infantil e xuvenil, administración, xustiza, televisión e audiovisual ou nas actividades comerciais e económicas.

Por todo isto, se o PXNLG era necesario hai 20 anos, hoxe é urxente que entidades sociais de todo tipo e institucións se poñan a traballar conxuntamente para activalo; e que toda a cidadanía se mobilice para acadar un novo rumbo para a lingua.