As plataformas Galiza por Palestina e Galiza pola Paz –da que fai parte a CIG– convocan unha manifestación nacional, baixo o lema ‘Galiza con Palestina. Resistencia, liberdade e paz’, que terá lugar o vindeiro domingo, día 4 de outubro, ás 12:00 horas, con saída da Alameda compostelá.
As convocantes fan un chamamento a participar nesta marcha para denunciar o xenocidio que padece o pobo palestino, desde hai case oito décadas, que pasou a un xenocidio rápido, desde hai máis tres anos, e a unha paz de mentira desde hai un. Unha causa que hoxe continúa a ser a máis urxente e maior das causas da humanidade.
As convocantes chaman a participar na marcha para denunciar o xenocidio do pobo palestino dende hai décadas
A limpeza étnica que o imperialismo e o sionismo practican contra o pobo palestino, en Gaza e en Cisxordania e mais na cidade ocupada de Xerusalén, deixou xa máis de 73 mil persoas asasinadas, máis de 170 mil feridas, moitas delas con discapacidades permanentes, e moitas delas crianzas, mortas ou orfas.
O pobo galego leva anos a mobilizarse pola paz e a vida digna na Palestina, polo dereito dos pobos á autodeterminación e por unha paz real e sen tutelas.
Con esta nova mobilización exíxese un cesamento do fogo real, coa apertura plena e permanente de todos os pasos fronteirizos, a fin do bloqueo e a entrada masiva e sen atrancos de axuda humanitaria, auga, combustíbel e material sanitario e educativo. Isto, xunto a unha investigación exhaustiva e independente do xenocidio e dos crimes contra a humanidade cometidos por Israel.
Condénase ademais a complicidade da Unión Europea cos intereses do sionismo; exíxese a suspensión inmediata e efectiva do Acordo de Asociación e de todas as relacións preferentes con Israel; denúnciase o incremento do gasto militar que só serve para nos empobrecer; reclámase do Estado español que faga efectiva a ruptura das relacións comerciais e militares coa entidade xenocida; a fin da lei mordaza e, da Xunta de Galiza, que tome postura clara na defensa da legalidade internacional.
Exíxese, en síntese, a aplicación plena do dereito internacional, nomeadamente o dereito de autodeterminación do pobo palestino, do río Xordán ao mar Mediterráneo, e o dereito ao retorno de todas as persoas refuxiadas.