Unha manifestación na Coruña centrará a xornada de folga convocada para este xoves nos bancos AEB

Nacional - 27 Feb 2024

O próximo xoves, 29 de febreiro, as traballadoras e traballadores dos bancos AEB (Santander, BBVA, Sabadell, Bankinter, Deutsche Bank…) están chamados a secundar unha xornada de folga para reivindicar un convenio digno. A folga está convocada polas centrais sindicais CIG, ELA, SEC (BBVA) e Intersindical-CSC e, no caso de Galiza, a mobilización central será na Coruña cunha manifestación que sairá ás 11:30h, da Praza de Vigo.

O obxectivo deste paro de 24 horas -que coincide coa mesa de negociación do convenio prevista para ese mesmo día- é demandar a recuperación e o mantemento do poder adquisitivo do persoal; rexeitar a ampliación da mobilidade xeográfica forzosa a 50km; denunciar a presión e o acoso comercial ao que están sometidas a traballadoras e traballadores no sector; así como reclamar a redución da carga de traballo e recuperar o emprego.

"Entendemos que este é o momento de loitar polas nosas condicións laborais", asevera Rosa María Conde, responsábel do sector bancario da CIG-Banca. Critica a postura "absolutamente inmobilista" da patronal nas últimas tres reunións da mesa de convenio, e os miserentos incrementos salariais ofertados malia os milmillonarios beneficios que obtiveron as entidades durante o ano 2023.

Subas de miseria nun momento de beneficios récord

Explica que mentres se  duplica a retribución dos accionistas e dos consellos de dirección, a proposta de suba salarial da patronal para os próximos catro anos (2024, 2025, 2026 e 2027) é dun 8%.  Un 2,75% para 2024, un 2,25% para 2025, e un 1,50% para 2026 e 2027. "Sen recoñecer a perda de poder adquisitivo dos últimos dez anos con respecto ao IPC, acrecentada nos últimos tres anos,  e que supón que as traballadoras e traballadores do sector xa acumulamos un 15% de merma da nosa capacidade adquisitiva".

No anterior convenio (2019-2023), asinaron unha suba dun 2,5% para os cinco anos, apelando a unha situación delicada do sector e a un entorno económico cheo de incerteza. "Mais agora, con beneficios récord, os bancos non queren repercutir ao persoal a excelente situación económica".

A patronal pretende precarizar máis as condicións laborais

Conde sinala que a mesa de negociación do XXV Convenio Colectivo de Banca está aberta dende o 31 de outubro, cunha proposta salarial e de condicións laborais da patronal que, lonxe de recoñecer o sacrificio e o esforzo do persoal na última década, supón perpetuar a perda de poder adquisitivo e afondar na precarización do traballo na banca.

A este respecto, a representante da CIG lembra que nos últimos dez anos o sector levou a cabo despedimentos colectivos de miles de traballadoras e traballadores, non voluntarios, e  cunha especial incidencia no  colectivo menores de 50 anos. Esta destrución de emprego estivo acompaña do  peche de miles de oficinas e como resultado deste proceso de adelgazamento e concentración, "a carga de traballo incrementouse notabelmente e a calidade de servizo á clientela viuse afectada moi negativamente. Onde antes había días oficinas con oito persoas cada unha, agora queda unha soa  oficina con dez persoas".

De igual forma, nos momentos máis duros da pandemia, cando o sector foi sinalado como esencial, o persoal dos bancos, ademais de atender presencialmente nas oficinas, fixo innumerábeis prolongacións de xornada para dar resposta ás necesidades financeiras  de moitas empresas e particulares. "Sendo recompensados cos maiores ERE na historia do sector, entre os anos 2020 e 2021", denuncia Conde.

Ampliar a mobilidade forzosa até os 50km

Como consecuencia destes despedimentos e peches masivos de oficinas, "as entidades argumentan agora que necesitan unha maior flexibilidade no convenio para cubrir as necesidades de persoal nas oficinas". Pero para atender estas necesidades, en lugar de contratar máis persoal, a patronal AEB propón incrementar a mobilidade xeográfica forzosa de 25 a 50km.

Ese incremento, alerta Conde, na práctica supón maiores dificultades no caso de territorios como Galiza, nos que non se dispón dun trasporte público de calidade que cubra todas as necesidades, e a propia orografía e dispersión de poboación dificultan a mobilidade. A isto súmase o custe engadido que conlevarían os desprazamentos consecuencia desa mobilidade, "que son asumidos polas traballadoras e traballadores, o que implica unha nova rebaixa no poder adquisitivo".

Presión brutal para colocar produtos á clientela

Xunto a isto, a CIG rexeita a presión comercial brutal á que está sometida o persoal dos bancos, coa imposición duns obxectivos imposíbeis de alcanzar, que incrementan considerabelmente a carga de traballo, e que dificultan o cumprimento da xornada laboral. Estes obxectivos, en moitos casos, "atentan contra a propia normativa MIDIF (que ten a función principal de protexer a clientela), cando as propias entidades, de forma encuberta, obrigan a comercializar de forma indiscriminada determinados produtos financeiros".

Por todo iso, a CIG, xunto con ELA, SEC (BBVA) e La Intersindical, acordaron convocar esta xornada de folga de 24 horas, porque "a responsabilidade social dos bancos debe comezar polos seus propios cadros de persoal, facéndoos partícipes da recuperación do sector, igual que foron partícipes dos sacrificios nos últimos anos".