Máis recortes no Hospital de Monforte: a dirección acorda amortizar unha praza de telefonista

CIG-Saúde rexeita que a centraliña sexa desviada durante as fins de semana ao Hospital de Lugo

Monforte -

Dende o mes de agosto, a centraliña do Hospital de Monforte será desviada durante as fins de semana ao Hospital de Lugo, xa que a dirección acordou amortizar unha praza de telefonista. CIG-Saúde oponse a esta medida, que vén sumar un novo recorte aos servizos que ofrece o hospital comarcal.

A amortización dunha das prazas de telefonista suporá que a centraliña sexa  atendida de luns a venres dende Monforte e nas fines de semana as chamadas será desviadas ao servizo de telefonista do Hospital de Lugo (HULA). "As telefonistas do noso hospital sempre van dar mellor atención aos usuarios e ás usuarias e resolverán as súas dúbidas, xa que coñecen o funcionamento do noso centro. Ademais teñen información de primeira man porque están en contactos directo cos servizos e, en caso de ser necesario, sempre poderán derivar a consulta ao departamento correspondente", subliñan dende CIG-Saúde de Monforte.

Desmantelamento de servizos

Para a Federación de Saúde esta medida afonda no desmantelamento que aos poucos se fai dos servizos do hospital comarcal, polo que demandan da dirección que manteña a praza de telefonista. "Se se trasladan as chamadas ao Hospital Lucus Augusti perderase calidade na atención ao público", advirte a CIG-Saúde. Neste senso, explican que a dirección comunicou a súa intención de reconverter esa praza nunha de auxiliar administrativa. "A CIG sempre demandou a creación dunha praza de auxiliar, xa que existe un déficit de persoal no servizo de secretaría de quirófano, pero non se pode crear unha e amortizar outra".

Por iso, solicitan que non se desvíen as chamadas na fin de semana, nin se amortice a praza de telefonista, e ao tempo CIG-Saúde reclama a creación da praza de auxiliar administrativo. 

Volver