Máis do 60% do profesorado secundou a folga contra os recortes no ensino público
Profesorado, alumnado e ANPAS tomaron o pasado 25 de setembro as rúas de Compostela, coincidindo coa xornada de folga convocada para denunciar a política de recortes e propaganda do PP na Xunta de Galiza e para reclamar a recuperación de dereitos. Unha folga na que a CIG-Ensino situou por riba do 60% a porcentaxe de asistencia, cun incremento moi importante en infantil e primaria a respecto dos paros de 2023, “o que demostra a fartura e o malestar do profesorado coas políticas da Consellaría”.
“A resposta do profesorado secundando a folga e asistindo masivamente á manifestación é a máis contundente dos últimos anos”, valorou a secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, durante unha xornada na que tamén se exixiu “poder traballar en liberdade, sen censuras nin imposicións da Consellaría”.
Arroxo advertiu que “non imos permitir que ninguén nos diga como facer o noso traballo, nin que educación en valores temos que transmitir. Seguiremos denunciando, tamén nas aulas porque é a nosa responsabilidade, o plan de exterminio do galego, o xenocidio en Palestina e a depredación medioambiental que algunhas empresas queren facer do noso territorio”.
Recuperar dereitos
Con esta xornada de loita, o ensino non universitario reclamaba, máis unha vez, a recuperación de dereitos, nomeadamente o horario lectivo recortado desde os anos 2011 e 2012, nos que se subiron a 25 horas en infantil e primaria e a 20 no resto de ensinanzas, respectivamente.
Xunto a isto demandaron avanzar en dereitos, como na redución de ratios en todas as etapas, maior persoal para atender a diversidade, eliminación da burocracia inútil e o recoñecemento salarial e profesional que merece o traballo docente.
A isto súmanse os recortes perpetrados este mesmo verán coa non convocatoria das prazas de atención preferente, nin das asesorías técnicas da Consellaría, a supresión de RAOGAL e a eliminación das licenzas por formación retribuídas. Ademais, nos primeiros días do curso comprobouse que “nin os fondos europeos cos que se financia o Plan Mega -e dos que a Xunta se apropiou para si- eran capaces de parchear as múltiples demandas de profesorado ou de persoal coidador para atender o alumnado con necesidades que hai nos centros”.
Neste senso, a secretaria nacional da CIG-Ensino denunciou que o abandono do alumnado máis vulnerábel se produce en todas as etapas educativas e criticou o exceso de burocracia “inútil disfrazada de sistema de calidade”. Valorou que o recente anuncio do Goberno estatal para blindar o horario lectivo semanal, “de momento queda en boas intencións”, pois no anteproxecto de lei permítese a excepcionalidade de chegar até as 21 horas, “así que xa sabemos ao que se vai agarrar a Xunta para non devolvernos o que é noso”.
A privatización da educación é, para Arroxo, outro dos males que tamén que se incrementa de forma acelerada ano tras ano. Por iso, preguntouse “canto hai de proxectos eminentemente educativos e canto de negocio hai detrás” de programas como Edixgal, Polos Creativos, Educalidade ou FP dual. A CIG-Ensino tampouco ve as melloras asinadas hai agora dous anos polo daquela candidato Rueda e os sindicatos “que lle deron as costas ao profesorado e en lugar de estar hoxe aquí preferiron asinar un folio en branco”.
Cómpre loitar
Arroxo reafirmou a necesidade da convocatoria desta folga porque “é a nosa principal ferramenta como traballadores e traballadoras para amosar o noso malestar, a nosa fartura”. Alertou respecto da pretensión da Consellaría de “dividirnos, burocratizarnos e calarnos” e clamou porque “agora máis ca nunca temos que reaccionar, dicir abonda xa, porque o noso obxectivo común é a mellora do ensino público galego, e que se nos respecte e se nos trate dignamente, tanto a nivel profesional como salarial”.