Máis de 80.000 persoas esixen en Compostela o rexeitamento definitivo do proxecto de Altri

A manifestación, convocada baixo o lema ‘Desde a Ulloa ata o mar, polas que somos e as que virán’, coincidiu co primeiro aniversario da histórica mobilización do pasado 15 de decembro
Nacional - 14 Dec 2025

Unha vez máis, o pobo galego consciente botouse á rúa na defensa do territorio para berrar alto e claro “Altri non, fóra xa”. Máis de 80.000 persoas colapsaron hoxe o centro de Santiago de Compostela e ateigaron a Praza do Obradoiro para esixir a paralización das autorizacións pendentes da Xunta e o rexeitamento definitivo do proxecto dunha macrocelulosa que ataca directamente o modo de vida da comarca da Ulloa, a calidade das augas do río Ulla e a supervivencia da pesca e o marisqueo na Ría de Arousa.

A marcha convocada polas Plataformas Ulloa Viva e En Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e polo resto das asociacións, colectivos e organizacións que integran a mesa de coordinación nacional contra Altri -entre elas a CIG- arrincou da Alameda ao mediodía baixo o lema ‘Desde a Ulloa ata o mar, polas que somos e as que virán’ para conmemorar tamén o primeiro aniversario da histórica mobilización celebrada na capital de Galiza o pasado 15 de decembro para rexeitar a instalación da pasteira.

Daquela logrouse que Altri ficase fóra do PERTE da descarbonización e das axudas públicas de 250 millóns de euros que a empresa demandaba, polo que os organizadores agardan que a protesta de hoxe sirva para excluíla definitivamente da planificación eléctrica, captación de auga e autorización ambiental integrada da Xunta. “É necesario soterrar dunha vez por todas este proxecto paralizando as autorizacións pendentes do Goberno galego” para evitar as posteriores reclamacións xudiciais de tipo económico “que vai interpoñer Altri para tentar indemnizacións con cargo ás arcas públicas”.

Isto é precisamente o que se reclamaba no manifesto que se leu ao remate da manifestación: “Teñen que rexeitar e arquivar de inmediato un proxecto que atenta contra os nosos intereses como pobo. Afirmamos co berro máis fondo das nosas gorxas que a auga é nosa, e non da celulosa. Un goberno que se gabe de preocuparse polos seus cidadáns, presentes e futuros, non pode hipotecar a 75 anos vista 46 millóns de litros de auga diarios cunha concesión para o lucro dunha empresa”.

Porque o progreso na nosa terra “non é saquear este país”, senón “respectar a nosa paisaxe natural e cultural, o modelo produtivo e de vida das sociedades. É impulsar que os seus beneficios queden na nosa terra e repartan riqueza. É apoiar o noso rural e a vertebración do territorio”. Calquera actividade humana crea impactos, “mais nós eliximos modelos industriais que sexan compatibles coa nosa riqueza e non proxectos extractivistas, como o de Altri ou Cobres San Rafael, que priorizan o lucro privado a costa dos nosos recursos”.

No manifesto álzase a voz tamén contra o tratamento de Galiza como unha colonia e ínstase a denegar a autorización ambiental integrada e a defender os nosos recursos hídricos denegando a concesión da auga. “Señor presidente da Xunta: non está a venda nen a nosa auga, nen o noso territorio nen a nosa saúde. Fronte á cobiza dunha empresa extractivista que pretende arrasar a nosa vida, a que as nosas avoas nos deixaron, queremos deixar claro que Galiza non terra de sacrificio: é fogar, é memoria, é futuro, é un territorio harmónico. Arrincando os nosos bosques déixannos sen raices”. Por iso se deixa moi claro: “Non o imos permitir, non se pode arrincar a dignidade dun pobo vivo”.

Polo tanto, reclámanlle á Xunta, ·a quen ten a obriga de coidar a nosa paisaxe e protexer as nosas vidas, os nosos traballos e os nosos negocios·, que faga o que é xusto en todos os aspectos: pensar na saúde da cidadanía, na xestión responsable do territorio e da auga e no bo uso da terra e do mar. “Por nós, polas nosas fillas e polos que aínda non naceron, pola memoria do que fomos e pola esperanza do que queremos ser. Polas que somos e polas que virán”.