Máis de 500 bombeiros/as de todo o país percorren as rúas de Ourense para rexeitar a privatización dos parques

A Mesa Intersindical reclama a xestión directa do servizo polas Administracións públicas
Vigo - 18 Abr 2016

Máis de 500 bombeiros/as públicos e privados das catro provincias galegas participaron na manifestación convocada pola Mesa Intersindical en Ourense para rexeitar a privatización dos parques comarcais e reclamar un modelo de xestión directa por parte das Administracións. A mobilización, celebrada co lema 'Rescátanos', contou co apoio da Plataforma de Bombeiros Públicos e da Coordinadora Unitaria de Bombeiros Profesionais. 

(Galería de imaxes)

A marcha arrincou ao mediodía do parque municipal de bombeiros/as e rematou ás portas do edificio da Deputación Provincial -a única das catro que non se pronunciou a favor de abandonar o actual modelo de xestión privada- arredor das 13.30 horas tras percorrer as principais rúas da cidade e pasar por diante da casa consistorial.

A protesta, que contou co apoio da Plataforma de Bombeiros Públicos Galegos e da Coordinadora Unitaria de Bombeiros Profesionais, concluíu coa lectura dun manifesto e cunha tirada de petardos e botes de fume, tras o que os participantes celebraron unha comida de confraternidade no parque municipal.

A Mesa Intersindical, da que fai parte a CIG, decidiu convocar a mobilización debido á inquietude que está a xerar no sector a intención do Consorcio Provincial de Extinción de Incendios e Salvamento de Ourense de sacar a concurso a xestión dos parques de bombeiros/as do Carballiño, Verín, Xinzo e Valdeorras. “Os tres últimos xa se atopan dirixidos por empresas privadas, mentres que o primeiro, logo de seren construído e dotado de vehículos e material con cartos públicos, preténdese poñer en funcionamento baixo xestión privada”, denuncian.

Lembran que o órgano de goberno do Consorcio está composto de xeito paritario pola Xunta de Galiza e pola Deputación de Ourense e sinalan que se ben é certo que o presidente provincial, Manuel Baltar, xa deixou claro o seu interese por continuar coa xestión privada do servizo público de bombeiros/as, a Vicepresidencia da Xunta está a 'marear a perdiz'. “Por unha banda aseguran que non teñen inconveniente en valorar a proposta de rescate do servizo, e pola outra amosan claramente a súa postura en prol de deixar en mans privadas a xestión dos parques galegos”, critican.

A mobilización fai parte da campaña de protestas que o colectivo desenvolve baixo o lema “Rescátanos” para reclamar a xestión directa do servizo por parte das Administracións públicas, o que segundo os cálculos da Mesa Intersectorial permitiría un aforro de até un 30%. Na actualidade unicamente sete dos máis de 30 parques existentes no país están baixo xestión pública, e os arredor de 420 traballadores/as afectados/as levan máis de dous anos en folga para denunciar esta situación.