Loitar para avanzar

Marta Dacosta Alonso -

Mentres documentamos os motivos da folga do 8 de marzo, o partido que goberna acúsanos de politizar esta loita, naturalmente, facemos política si, é o que temos que facer, como a fai o partido que goberna

 Estes días participei nunha mesa redonda nun centro educativo. As profes convidáronnos para explicar a nosa experiencia. Falar de como comprobamos, cada día, que vivimos nunha sociedade patriarcal e capitalista que nos nega e ningunea. E cada unha de nós foi exemplificando como, cando dicimos paternalismo (mansplaining, dinlle), invisibilidade, teito de cristal… non repetimos conceptos elaborados e definidos en documentos, senón que falamos de realidades comprobábeis. Nas entrevistas de traballo en que as mulleres novas son interrogadas sobre cantos fillos teñen ou pensan ter, e se non son novas non serven. Nas reunións en que nos cansamos de pedir a palabra ou non reaccionan co mesmo grao de convición ante unha proposta se a facemos nós ou a fai un compañeiro. Nas negociacións en que a parte empresarial ou a Administración que temos en fronte míranos con desprezo e mesmo se atreve a dicirnos: “neniñas (sic, tamén ás que pasan de cincuenta) é que vós non sabedes o complicado que é isto…”. Ou cando o inspector de quenda nos trata por señoritas (nós non lle dixemos señorito) ou o xa mencionado neniña…

 Para argumentar os motivos que nos levan a convocar esta folga, a CIG elaborou un informe en que dá conta da situación laboral da muller: maior taxa de desemprego, maior temporalidade, salarios máis baixos, desprotección da maternidade, etc. E como consecuencia, pensións máis baixas.

 Mentres documentamos os motivos, o partido que goberna acúsanos de politizar esta loita, naturalmente, facemos política si, é o que temos que facer, como a fai o partido que goberna enviando ás súas acicaladas presidentas de comunidade ou ministras, peiteadas de perruquería e cambiando de modeliño cada pouco, a dicirnos que elas van traballar coma sempre, porque elas son quen de conciliar… mais non nos din a costa de cantas mulleres, nin a que prezo.

 O presidente da Xunta sae a véspera do 8 de marzo nos medios de comunicación presumindo de que Galiza vai ser a primeira comunidade que teña un plan de igualdade para as e os traballadores da Administración. Madía leva, sen tempo non era! Iso era o que lle viña reclamando a CIG desde que estes plans son obrigatorios para as empresas de máis de 250 traballadores/as . Por certo que, nesas empresas, se non teñen plan de igualdade poden ser sancionadas pola Inspección de Traballo. Mais a Xunta…

 A CIG-Ensino tamén lle reclamou un plan de igualdade á Consellaría de Educación. En 2015, para demostrarlle a súa urxente necesidade, até lle presentamos un estudo de como nos afecta ás docentes o teito de cristal, pois nun ámbito profesional en que as mulleres somos o 70%, o número de homes que exercen o cargo de director, supera o de mulleres directoras.

 Agora falta ver o contido dese plan. Ver se ten algunha efectividade ou é un mero documento que sostén a propaganda do anuncio e mantén as mulleres en desigualdade. Porque non só no mundo da empresa comprobamos esas denuncias que a CIG acaba de facer sobre a situación laboral da muller. Tamén no ámbito da Administración. Así as traballadoras do Consorcio de Igualdade e Benestar representan ese sector feminizado con salarios máis baixos. Ou as traballadoras que imparten os cursos CELGA e que tiveron que loitar arreo para manter uns contratos de traballo que non chegan aos dous meses. Ou as traballadoras dos CIM, contratadas polos concellos con cargo a fondos recibidos da Xunta, que teñen xornadas parciais que fan delas mulleres que cobran menos e se van converter en mulleres con pensións inferiores ás dos homes da súa idade.

 Mais o 8 de marzo todos van facer declaracións de boa vontade. Isto vai ser unha marabilla, todos nos apoian, que ben imos estar…

 O que non sabemos é cando, nin en que mundo.

Por iso facemos folga, nós, as mulleres. Por iso saímos á rúa. Hoxe, mañá, pasado…  Seguiremos loitando e si, por suposto, facendo política, política para cambiar esta sociedade inxusta en que non queremos vivir.

 

[Gondomar, 7 de marzo de 2018]

Volver