Loita de clases e represión franquista en Cee

Hai 80 anos o fascismo asasinaba oito sindicalistas da fábrica de Brens aliñados contra o golpe militar
Cee - 09 Dec 2016

O 9 de decembro de 1936, ás sete da mañá, o franquismo fusilou en Punta Herminia (A Coruña) os operarios da Fábrica de Brens e veciños de Cee ou da bisbarra Florentino Canosa Barreiro, Norberto Recamán, José Lago Fernández, Teófilo Mejuto Leis, Perfecto Transmonte Costa, Jesús Chouza Figueiras, Manuel García Castiñeira e Domingo López Domínguez. É hora de resarcir a memoria dos que deron a vida polo pobo, pois son verdadeiros mártires da liberdade.

Estes operarios da Fábrica de Brens, xunto a outros traballadores e veciños de Cee e da bisbarra coma Jacobo González Mosquera, Avelino Trillo Casal, Cándido Lema Santos, José Díaz Cernadas, Manuel López, Domingo Trillo ou Roberto Mayán foran delatados en sucesivas declaracións e informes do entón xefe da Fábrica de Brens, Eduardo Garrone de Cristóforis, quen ilustrou un relato subxectivo para presentar ante os golpistas aos mencionados veciños coma persoas “indesexables” e “perigosas” polo simple feito do seu compromiso político e sindical; e moi nomeadamente, acusounos de liderar unha folga sindical de operarios da Fábrica de Brens, organizada o 21 de xullo de 1936 en contra do golpe militar e en defensa da propia factoría e da liberdade do noso pobo.

Principalmente por estas declaracións, o mando sublevado detivo e instruiu unha causa militar contra oito operarios, que conclúe o 8 de decembro de 1936 coa súa condena a morte sob o pretexto de teren liderado a dita folga en oposición ao alzamento franquista, executándoos tal día coma hoxe, hai 80 anos.

É notorio que os estamentos políticos xamais resarciron a memoria daqueles veciños represaliados, e mesmo fusilados, por defender o réxime democrático, a veciñanza e os postos de traballo dun alzamento militar ilegal, asasino e con tintes fascistas. Porén, o seu delator, Eduardo Garrone de Cristóforis, viu recoñecidos os seus “servizos” co título de “fillo adoptivo” da nosa localidade. Asi mesmo, o lider daquel golpe militar e ditador durante 40 anos no Estado español, Francisco Franco Bahamonte, tamén recibiu o título de “alcalde honorario” da vila. Ambos continúan obstentando as ditas condecoracións nos nosos días e un monolito falanxista permanece nas inmediacións da factoría.

É necesario que a sociedade tome conciencia da barbarie vivida polo noso pobo durante o alzamento militar asasino e antidemocrático de 1936, que lonxe do que se ten contado para nada foi tranquilo nin pacífico nesta bisbarra, senón que supuxo o exterminio dos referentes políticos, sociais e sindicais da época. É a hora de resarcir a memoria daqueles que deron a vida polo seu pobo, pois son verdadeiros mártires da liberdade.

Cómpre agradecer ao historiador e natural de Corcubión Luis Lamela o seu empeño en rescatar do esquecemento a memoria destes veciños de Cee e da Costa da Morte vítimas da barbarie.

Documento que certifica as execucións.