Levan ao Xulgado a inactividade da Xunta no que ten que ver coas condicións dos axentes forestais

A CIG e UGT denuncian o conselleiro de Facenda por incumprir os acordos laborais pactados no ano 2016

Nacional -

As centrais sindicais CIG e UGT veñen de presentar unha denuncia na sala do contencioso administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) contra o conselleiro de Facenda por incumprir os acordos subscritos en 2016 a respecto das condicións laborais dos axentes forestais e medioambientais, en concreto co que ten que ver coa redacción dun regulamento de funcións.

As organizacións promotoras da denuncia critican a inactividade da Xunta a respecto dun persoal que na actualidade se atopa nunha situación precaria. Lembran que se acumulan os compromisos de mellorar as súas condicións de traballo e os incumprimentos do pactado coa representación sindical. Neste senso, inciden en que é fundamental a redacción dun regulamento de funcións da escala de axentes medioambientais xa que leva sen el dende a súa creación no ano 2000. 

As centrais reclaman a redacción dun regulamento de funcións para o colectivo

Porén, no acordo asinado o 15 de setembro de 2016 as Consellerías de Facenda, Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e Medio Rural comprometíanse a redactar oantedito regulamento no ano 2016, xa que o único regulamento de funcións vixente data de 1997 e só recolle a unha parte do persoal.

Actualmente o colectivo de axentes medioambientais segue sen regulamento de funcións, a pesar de que as organizacións sindicais lle fixeron chegar á Xunta varias propostas nos últimos 10 anos co fin de regular a escala e definir cuestións como estrutura, organización, funcións específicas, segunda actividade, xubilación anticipada, dereitos e deberes, estrutura horaria, etc. “A dirección xeral de Función Pública e as direccións das Consellerías competentes (Medio Rural e Medio Ambiente) fixeron oídos xordos cos compromisos acordados”, censuran.

A vía xudicial como única saída

Aínda así, o 11 de abril de 2017 as centrais sindicais solicitan de novo unha xuntanza para iniciar a redacción deste regulamento e, ao mesmo tempo, fan o traballo que a Administración non fixo nestes 18 anos e preséntanlle un borrador.

De novo, tras a pasividade da Xunta, o 15 de novembro dese mesmo ano solicítase unha reunión coa dirección xeral de Función Pública, e advírteselle por parte das organizacións sindicais que de non negociaren o regulamento acudirían á vía xudicial.

Finalmente, o 16 de abril os reprensentantes dos traballadores/as non teñen máis saída que acudir ao Xulgado para presentar a denuncia polo incumprimento do acordo. A demanda na sala do contencioso administrativo do TSXG contra a Consellaría de Facenda baséase na inactividade da Administración.

Volver