Laura Arroxo, elixida nova secretaria nacional da CIG-Ensino
O IX Congreso da CIG-Ensino, desenvolto baixo o lema “A forza do compromiso”, elixiu a Laura Arroxo como secretaria nacional con 160 votos a favor, 0 nulos e 0 en branco, en substitución de Suso Bermello.
No proceso, celebrado o 7 de xuño en Compostela, tamén se escolleu a nova Executiva federal, que queda conformada por Laura Arroxo, Xosé Manuel Nogueira Rodríguez, Marta Ferreirro Fernández, Ana Rodiño Domínguez, Diego Boquete Sánchez, Henrique García Vázquez, Elena Añel Cabanelas, Xosé Anxo Terán Coesaña, Maruxa Martínez Nogueira e Montse Pernas Bellas. Así mesmo, no Congreso elixíronse as persoas para o Consello Confederal da CIG.
As e os delegados aprobaron o Informe de Xestión da Executiva saínte, que salienta o crecemento da afiliación nun 20%, o reforzo do papel hexemónico e referencial da CIG no ensino público non universitario, a consolidación como 1ª forza no ámbito universitario e o medre espectacular en sectores como centros de menores, educación especial e infantil 0-3.
No relatorio de Acción Sindical defendeuse un sistema educativo público, laico, inclusivo e en galego, que fomente o pensamento crítico e a identidade cultural. Entre outros, marcou como obxectivos loitar pola recuperación de dereitos laborais, por un marco galego de relacións laborais, e combater a precariedade e privatización. O Relatorio de Organización reiterou o modelo combativo do sindicato, cunha estrutura descentralizada e comisións especializadas.
A nova secretaria nacional, Laura Arroxo, lembrou que o IX Congreso coincide coa celebración do 50 aniversario da creación do sindicalismo nacionalista no ensino e posicionou a CIG-Ensino como un “dique contra as políticas de recortes”, chamando á unidade do profesorado e da comunidade educativa para defender o ensino público, a igualdade e a lingua galega.