Italia: Seis notas sobre a Liga de Salvini

Giaime Pala -

En Italia, a reconstrución dunha esquerda digna de tal nome só será posíbel se se recupera un discurso, e unha práctica, que devolvan o principio de esperanza a unhas clases populares atinxidas pola atomización social e a precariedade das súas vidas laborais

I

 Nunha nota carceraria, redactada pensando na experiencia da esquerda italiana que acababa de ser ilegalizada polo réxime fascista de Mussolini, Antonio Gramsci considerou oportuno reflexionar sobre “a tendencia a subestimar o adversario” en política. Tendencia que vía como un “documento da inferioridade do que a ten; téndese puerilmente a subestimar rabiosamente o adversario para poder crer que será vencido sen ningunha dúbida. Por iso hai escuramente nesa tendencia un xuízo acerca da propia incapacidade e debilidade (que quere animarse), e mesmo podería recoñecerse nela un conato de autocrítica (que se avergoña de si mesma, que ten medo de se manifestar explicitamente e con coherencia sistemática)”. Lembreime desta nota ao ler a chea de laio, caricaturizacións e insultos que boa parte do mainstream mediático italiano, próximo ao Partido Demócrata (PD) e a Silvio Berlusconi, dirixiu no último mes ao novo protagonista da política italiana, isto é, o secretario da Liga, e novo ministro do Interior, Matteo Salvini. Como é posíbel -veñen dicir estes medios- que o país caia en mans dun político de dereita dura, xenófobo, de oratoria demagóxica e cun partido detrás que hai apenas cinco anos a piques estivo de desaparecer do mapa electoral por escándalos de corrupción?

 Polo agora, as respostas a estas preguntas brillan pola súa ausencia, porque -e aquí volvo ao pensador sardo- a demonización e ridiculización do adversario serve de escusa para obviar a análise racional da recente derrota electoral e dos propios erros. Máxime se falamos da Liga, unha organización que, segundo as enquisas destas últimas semanas, xa está en torno ao 30% dos votos, leva a voz cantante no goberno recentemente creado xunto ao Movemento 5 Estrelas (M5E) e, como volveron confirmar as eleccións municipais do día 24 de xuño, está penetrando no electorado tradicionalmente de esquerdas. Neste artigo propóñome esbozar algunhas consideracións que poidan axudar a encadrar o éxito desta senda nacionalpopulista.

II

 Máis vale dicilo enseguida e sen reviravoltas: a Liga domina a escena italiana polo momento porque Matteo Salvini é o mellor político italiano. Non importa o desgusto -no meu caso, notábel- que poida causar tamaña afirmación. Conta o feito de que unha análise política seria ten que partir da honestidade intelectual e recoñecer as capacidades do adversario o que se quere derrotar. En efecto, Salvini demostrouse un líder non só terribelmente eficaz á hora de comunicar as súas ideas políticas, senón tamén capaz de ter algunhas intuicións brillantes, como a de que a vella “Liga Norte” rexionalista, folclórica e neoliberal acabara o seu percorrido, e que o seu relanzamento pasaba por convertela nun partido nacional, nacionalista italiano e cunha mensaxe social ambigua pero potencialmente atractiva para os traballadores (procura do pleno emprego, mantemento dos servizos sociais e do sistema de pensións, maior participación do Estado na economía, etc.). En segundo lugar, Salvini deu proba da súa astucia e paciencia: soubo controlar o tempo das negociacións para formar goberno, convenceu a Berlusconi para non romper a coalición de centrodereita malia o acordo de goberno selado co M5E e non esixiu inutilmente a presidencia do goberno.

 Alén diso, soubo apontoar unha clase dirixente experimentada na xestión de numerosos concellos e rexións do rico norte do país. Para dicilo rápido: a Liga non é a Front National, é dicir, un partido “lixeiro” e que até o de agora baseou a súa estratexia electoral no tirón electoral de Marie Le Pen. Logo da transformación do Partido Demócrata nun partido de cadros e cunha militancia minguante e avellentada, a Liga é, a día de hoxe, o único partido realmente existente en Italia, cunha base electoral activa, dominante no norte e en expansión no centro e (aínda que menos) no sur da península. Unha base que Salvini consente, gaba e visita para que os seus militantes e simpatizantes se sintan parte non só dunha estrutura política senón tamén dunha comunidade social unida por un vínculo case afectivo.

 En definitiva, estamos ante unha organización homoxénea, disciplinada e que se volve forte ante as críticas dos grandes xornais italianos. No fondo, e falando agora en termos estritamente metodolóxicos, a Liga é un partido leninista, se entendemos o adxectivo nun sentido amplo pero non impreciso: como sinónimo de organización, determinación, ideas claras e coherencia estratéxica. Non sorprende, pois, que estea dominando o seu socio de goberno, o Movemento 5 Estrelas, ao que impón a súa axenda política e as súas prioridades de goberno. Aínda que nas eleccións de marzo de 2018 obtivo case o dobre de votos, o partido de Beppe Grillo sofre o protagonismo da Liga por mor da súa indeterminación ideolóxica e fraxilidade organizativa. Mentres dure o goberno, Salvini será o seu home máis forte en detrimento do pouco carismático e “filogrillino” Giuseppe Conte.

III

 O programa de goberno subscrito pola Liga e o M5E foi cualificado por máis dun analista político de “mestura de neoliberalismo e populismo”. Non é para menos, xa que –fóra dunha política dura cos inmigrantes- presenta medidas fiscalmente regresivas como a introdución dun imposto único para familias e empresas (flat tax) xunto á vontade de aprobar unha renda básica para os parados e un novo impulso aos investimentos públicos. O obxectivo é reactivar a economía cunha diminución da presión fiscal e o aumento da demanda interna, anémica desde 2010 por mor da política de austeridade, e baixar o nivel de débeda pública italiana mediante o crecemento do PIB do país. Agora ben, tal e como está formulado o programa é inviábel, porque implica non respectar a redución do déficit público imposta pola Comisión Europea. Diso decátanse os dous partidos, e sobre todo a Liga, que ten un peso maior nos ministerios económicos e que conta nas súas fileiras con economistas máis preparados que os do M5E.

 A teor do dito, pesa a sensación de que a Liga non subscribiu un auténtico programa de goberno, senón máis ben unha folla de ruta flexíbel que terá que ser adaptada sobre a marcha e en función dunha enervante negociación coa burocracia de Bruxelas e os demais países da zona euro. Contrariamente ao que afirman algúns xornais españois, a Liga non intentará sacar o país da moeda única. A súa estratexia é ben clara e vertébrase en torno á idea de que Italia non é a Grecia de Varoufakis: aínda que leve unha década en crise económica, non deixa de ser a terceira economía e o segundo país industrial da UE, polo que é “demasiado grande para caer”. Por iso é polo que a súa marxe de negociación e de presión é moito máis ampla. En suma, os economistas da Liga pensan que Italia podería ser forte no ámbito da negociación precisamente porque agora é débil no ámbito económico. Desde Mario Monti en diante, os gobernos italianos partían da premisa de que Italia era politicamente débil na UE porque o era tamén economicamente. Polo tanto, pensaban que a prioridade era reforzar Italia neste segundo plano, seguindo as ordes europeas (aínda que estas provocasen paro e desequilibrios nas contas públicas), para despois poder ir a Bruxelas a dar batalla por unha política macroeconómica máis expansiva (cousa que nunca ocorría, porque o país –repito- debilitábase ao seguir aquelas ordes).

 A convición da Liga de que a actual debilidade económica do país é ao mesmo tempo a súa forza, ou –se se prefire dicir doutro xeito- que a moeda única non pode existir sen a adhesión de Italia, dálle seguridade para ter unha actitude máis enérxica ante os socios europeos e, chegado o caso, poñer vetos ás propostas de reforma do euro que sexan desfavorábeis para a economía italiana. De xeito que, xusto no momento en que se achega o final do Quantitative Easing do BCE, todos os escenarios están abertos. O único que non aceptará o goberno, ou cando menos a Liga, é acatar a lóxica -seguida até o de agora- pola cal o mantemento do país na moeda única pasa pola aceptación do mercantilismo alemán. Se o goberno de Berlín non mostra unha actitude colaborativa, por exemplo minorando o seu superávit comercial a través dun aumento dos salarios e da inflación, o goberno italiano mostrarase combativo e virán curvas na UE.

IV

 A falta dunha esquerda transformadora -punto sobre o cal volverei ao final- o problema reside en que os partidos da oposición (desde os socioliberais de “Libres e Iguais” e do PD até Berlusconi) non poden facer outra oposición ao novo goberno que non sexa -no mellor dos casos e, como veremos deseguido, non sen contradicións- a relativa aos dereitos dos inmigrantes. Porque, desde un punto de vista económico, todos estes partidos apoiaron as medidas de austeridade e supresión de dereitos sociais iniciadas co terceiro goberno de Berlusconi (2008-2011) e intensificadas polos gobernos de Mario Monti, Enrico Letta, Matteo Renzi e Paolo Gentiloni; a saber: contención do gasto público, dura reforma do sistema de pensións, inclusión na Constitución Italiana da regra de ouro orzamentaria, aprobación do Pacto Fiscal Europeo, abrogación do artigo 18 do Estatuto dos Traballadores -que establecía que unha persoa cun contrato a tempo indefinido dunha empresa con máis de quince traballadores non podía ser despedida se non era por causas xustificadas-, aprobación dunha perigosa (para o maltreito sistema bancario italiano) unión bancaria europea, en tanto que baseada no sistema do bail-in, etc.

 O resultado final desta política austeritaria foi desastroso: o país acaba de deixar atrás unha década de deflación, depreciación salarial e crecemento anémico durante a cal perdeu o 20% da súa produción industrial, na que o paro alcanzou os dous díxitos e dez millóns de persoas caeron na pobreza (segundo datos do Eurostat de 2017), e en que a débeda publica pasou do 106% do PIB de 2008 ao 130% de 2018. Aínda así, e ante unha poboación na súa maioría exhausta que, desde 2013, emitía sinais inequívocos de descontento político, estes partidos nunca formularon unha autocrítica seria da súa acción de goberno. Pola contra, seguen reivindicando as súas decisións económicas, cualificadas de inevitábeis, para impedir o que-?en algo contrafáctico, tan indemostrábel como tremendista- definen sempre como “a bancarrota do país”.

 Está claro que o Movemento 5 Estrelas se beneficiou da súa chegada tardía ao Parlamento e de non participar en ningún deses gobernos. En parte pódese dicir o mesmo da Liga, que se instalou na oposición tras a defenestración de Berlusconi en novembro de 2011. Co cal, polo menos no que respecta á economía, tivérono doado para se presentaren ante as clases traballadoras como forzas socialmente máis á esquerda que un centroesquerda oficial que, aínda hoxe, segue estando incomprensibelmente orgulloso da súa política económica.

V

 Mesmo no tocante á cuestión dos inmigrantes e refuxiados, a oposición carece de eficacia e credibilidade. De entrada porque a política de peche das fronteiras estaba no programa que Berlusconi subscribiu con Salvini na campaña electoral de principios de 2018. E en segundo lugar porque, máis aló da linguaxe asilvestrada e da xesticulación barata, a liña de Salvini é continuísta coa do seu predecesor no Ministerio do Interior, é dicir, o dirixente do Partido Demócrata Marco Minniti. Desde finais de 2016, despois de que Italia acollese centenares de miles de inmigrantes e refuxiados, o novo ministro Minniti levou adiante unha política centrada na construción de novos centros de acollida, no aumento das expulsións de extracomunitarios africanos que non fuxían de conflitos bélicos e no asinamento dun acordo económico con corenta tribos libias para frear a chegada de novos inmigrantes. Estas medidas funcionaron, posto que en 2017 o número de desembarcos caeu en picado, aínda que foi criticada por diferentes organizacións humanitarias por mor das condicións inhumanas ás que as milicias libias, pagadas polo goberno italiano, sometían os inmigrantes e refuxiados que chegaban ao seu país.

 Este cambio na política migratoria do goberno de Matteo Renzi tivo a súa orixe en cálculos simplemente electorais. Explícome. Como afirmou hai un ano a ex ministra de Exteriores Emma Bonino, contra 2015 Renzi pediu aos gobernos europeos facerse cargo de todos os inmigrantes que alcanzasen as costas italianas. Os medios de comunicación entenderon (sen que fosen desmentidos polo PD) que, a cambio deste compromiso, o daquela presidente do goberno obtivo de Bruxelas unhas lixeiras marxes de flexibilidade fiscal e de gasto público -dos que, efectivamente, gozou ao longo do seu mandato-. O problema é que, ante a chegada masiva de inmigrantes -e no medio dunha situación de deflación e paro elevado- a campaña antiinmigrantes de Salvini tivo impacto no electorado; e máis naquel que tiña dificultades para chegar a final de mes. E a nova política de man dura de Minniti, pensada para recuperar o consenso perdido cunha viraxe á dereita, chegaba xa tarde. Así, na última campaña electoral, o líder da Liga puido presentarse como o home que actuaría coa mesma dureza do PD e que, a diferenza deste, “europeizaría o problema”, no sentido de obrigar -polas boas ou polas malas- os demais gobernos europeos a colaboraren na solución aceptando ás respectivas cotas de inmigrantes que a Comisión Europea fixou, inutilmente, en 2015.

 E se digo que tamén podería ser polas malas é porque Salvini é consciente de xogar con vantaxe, xa que esta cuestión é a única que non pode solucionar o poder monetario de Mario Draghi (que até o momento foi o verdadeiro factor que mantivo unida a unha UE en crise permanente). Quero dicir con iso que a posición do líder da Liga, como confirman as enquisas, obtivo un amplo respaldo entre a poboación italiana porque na práctica apenas difire da anterior e porque salienta as contradicións duns socios europeos que deixaron soa a Italia ante un problema que afectaba a todo o continente. Esta é a razón pola que a intensa campaña dos medios de comunicación afíns ao PD contra a xenofobia da Liga non só non funcionou, senón que mesmo parece tela reforzado. Como dixo Salvini hai máis dun ano, sempre a propósito do problema dos inmigrantes e os refuxiados, entre o orixinal e a fotocopia os italianos terminarían escollendo o orixinal. Quod est demonstrandum.

VI

 Unha oposición solvente a Salvini non virá dunha resposta moralizante e, como vimos, basicamente hipócrita do PD sobre o drama dos inmigrantes. Nin, como pensa un xornal como La Repubblica, da aplicación do proxecto de Emmanuel Macron na península italiana. Mentres se insista en repetir fórmulas desgastadas acerca da necesidade dunha “modernización” neoliberal do país, á vez que unha parte crecente dos cidadáns non pode cubrir dignamente as súas necesidades básicas, a Liga pode durmir tranquila. O tempo da esquerda falsamente optimista á Renzi, que se dirixía ás “excelencias” do país e aos mozos que cultivaban un abstracto cosmopolitismo por facer o Erasmus, rematou para sempre.

 Salvini entendeu no seu momento que, despois de anos de devastación socioeconómica, o que emerxía no país era unha imperiosa demanda de protección social que el, como todo populista dereitista, fai súa pero que interpreta mal e coa ferocidade de quen exclúe o que non pertence á “comunidade nacional”, Porén, esta demanda de protección é lexítima e sobre ela redactouse a Constitución Italiana de 1948, nada do consenso antifascista. A poderosa esquerda italiana de posguerra, que aínda hoxe moitos lembran, construíuse interactuando coas clases subalternas, dándolles dignidade humana, interpretando as súas necesidades materiais e construíndo xunto a elas un novo sentido común e unha nova visión do mundo. Aínda que os tempos muden, e as circunstancias sociais sexan diferentes, non hai motivos para pensar que, no esencial, este xeito de pensar a (e de facer) política teña que cambiar. Sobre todo para o pouco que quedou á esquerda do PD, que, desde hai unha década, é vítima do ensimesmamento e a autorreferencialidade.

 En Italia, a reconstrución dunha esquerda digna de tal nome só será posíbel se se recupera un discurso, e unha práctica, que devolvan o principio de esperanza a unhas clases populares atinxidas pola atomización social e a precariedade das súas vidas laborais. A esperanza dun futuro mellor que, para rematar pero non por iso menos importante, desactive os medos que alimentan a política de Salvini e abra o camiño a unha política de acollida aos inmigrantes que sexa realmente solidaria.

 

[Artigo tirado do sitio web Mientras tanto, núm. de xullo de 2018]

Volver