Intenso calendario de mobilizacións nas auxiliares para esixir a incorporación dos acordos no convenio

Até o 6 de novembro haberá accións de protesta e manifestacións e, se non hai acordo, folga dende o día 7
Ferrol - 19 Out 2018

Representantes das centrais sindicais CIG, CCOO, UGT e MAS comparecían en rolda de prensa este venres nas portas de Navantia para informar do calendario de mobilizacións que se vai a desenvolver até o vindeiro 6 de novembro para esixir á patronal provincial que asuma a inclusión dos acordos das auxiliares no convenio colectivo do metal. Ademais, a partir desa data, se non hai avances na reunión prevista coas agrupacións empresariais da provincia, o persoal está chamado a iniciar unha folga no sector das auxiliares.

Este venres, estanse desenvolvendo asembleas de traballadores/as conxuntas nos estaleiros de Fene e Ferrol nas quendas de mañá e tarde, para informar do acontecido na reunión do pasado mércores coa patronal provincial, que, a pesar do acordo asinado na Mesa do Naval de Ferrol, continúa a pór trabas para a inclusión deste documento no convenio colectivo. Neste senso, Vicente Vidal, secretario comarcal da CIG-Industria, censurou a actuación da avogada da patronal, que tentou cuestionar non só os termos do texto, senón mesmo a lexitimidade das empresas do sector que asinaron o acordo.

Vidal reiterou que as condicións impostas pola patronal son inasumíbeis, dende o momento no que pretenden que os acordos caduquen en novembro de 2019, pois isto suporía que a súa vixencia remata mesmo antes de que os traballadores/as poidan cobrar o 100% do plus. Pero ademais, preténdese que as empresas locais se constitúan en patronal e se negocie un convenio de auxiliares, algo ao que a CIG se opón radicalmente.

Encontro coas empresas do sector

Por esta razón, a representación social tamén mantivo hoxe un encontro coas empresas auxiliares, no que alén de informar das protestas, instaron a presionar a patronal do metal para avanzar na inclusión dos acordos no convenio e dotalos así de eficacia. Neste senso, nesa xuntanza cuestionouse o papel de determinados empresarios de Ferrol "que semellan estar xogando un papel sucio, pretendendo dilatar o conflito e que non se avance na resolución do conflito".

Vidal matizou que nestes intres o principal é darlle carácter de legalidade aos acordos dentro do marco do convenio do metal, para que o seu cumprimento sexa obrigado e "nos estamos dispostos pasar por outra cousa".

Marchas a pé até as Pías, manifestación na Coruña e folga

Con este contexto de fondo, as organizacións sindicais propuxeron ás asembleas desenvolver un intenso calendario de mobilizacións para presionar á patronal provincial e que reconsidere a súa postura bloqueadora e inxusta. Dende a CIG-Industria lanzouse un chamamento á participación masiva nestas mobilizacións, dada a transcendencia social que ten para a comarca regular as condicións laborais e salariais deste colectivo formado por miles de traballadores/as e a dependencia económica de Ferrolterra do sector naval. As accións previstas son:

- Martes 23 e mércores 24 de outubro, mobilizacións cos delegados e delegadas aínda por concretar.

- Xoves 25 de outubro, marcha a pé do persoal das auxiliares dende os estaleiros de Fene e Ferrol, confluíndo na Ponte das Pías. A acción realizarase entre as 10 e 12 horas.

- Mércores 31 de outubro, manifestación na Coruña do persoal das auxiliares e de Navantia con saída dende a explanada do edificio sindical na Avenida de Alfonso Molina, até a sede da patronal provincial na Praza de Luís Seoane.

- Mércores 7 de novembro, se non hai avances na xuntanza do día 6 coa patronal provincial, iniciarase folga nas auxiliares.

Para facilitar o desenvolvemento do calendario de mobilizacións, as centrais sindicais xa rexistraron a convocatoria de folga na industria auxiliar, efectiva a partir do 24 de outubro.