Intensifícase o conflito laboral na concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo
O conflito aberto en Vitrasa pola negociación dun convenio colectivo digno estase a intensificar nas últimas semanas, unha vez que a empresa apostou pola vía represiva –con sancións e expedientes que poden supoñer despidos– e achegou unha proposta insuficiente. O persoal da concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo demanda unha actualización dos salarios tras varios anos conxelados e a incorporación de distintas melloras laborais.
Por iso o pasado 25 de novembro iniciou unha folga indefinida e un calendario de mobilizacións para forzar a renovación do convenio, caducado dende 2021. Un convenio que tería que incluír tamén unha redución da xornada anual do colectivo de condución, ademais de regular o descanso diario e garantir o goce das vacacións en período estival.
Pero Vitrasa negábase a negociar mentres o Concello non autorizase un reequilibrio económico para compensar a baixada de persoas viaxeiras na pandemia. E incumpría o convenio no que ten que ver cos horarios de entrada e saída ou coas horas de comida, ingresaba con atraso nóminas e vulneraba acordos paralelos ao convenio. A maiores, intentou aplicar una baixada drástica dos soldos e un aumento da xornada que foi paralizada xudicialmente.
Neste tempo o persoal desenvolveu mobilizacións periódicas, incluíndo paros parciais e días de folga completos, sen lograr que empresa se sentase a negociar. Os contactos abríronse agora tras anunciar o alcalde que aplicaría o reequilibrio, mais Vitrasa non accedeu a retirar as sancións e achegou unha proposta insuficiente, que non contempla ningún incremento do IPC para 2021, 2022 e 2023, os anos nos que non quixo negociar. Iso si, pretende que se desconvoque a folga mentres teñen lugar as conversas, algo que o comité rexeita. Polo que o paro e as protestas continuarán até que se pacte un convenio que mellore as condicións laborais.