Indulto xa para Carlos e Serafín!

As centrais convocan unha nova mobilización o xoves en solidariedade cos dous traballadores condenados a prisión
Vigo - 09 Mai 2017

Os sindicatos CIG, CCOO e UGT convocan unha nova mobilización para reclamar o indulto a Carlos Rivas e Serafín Rodríguez, os dous traballadores condenados a tres anos de cadea por participar na folga provincial do transporte en 2008. A concentración solidaria terá lugar este xoves 11 diante do Marco de Vigo ás 20.00 horas.

Os afectados levan máis de tres anos agardando por unha medida de graza que evite a súa entrada en prisión e que está a ser reclamada por institucións como o Concello de Vigo, a Deputación de Pontevedra e o Parlamento galego, partidos políticos e colectivos sociais, así como polo conxunto da cidadanía.