Indignación en Correos de Ourense por traslados forzosos e recortes

Denuncian os inconvenientes da reubicación obrigatoria de todo un distrito e de enlaces rurais

Ourense -

A xefatura da Zona 1ª vén de impor reformas e recortes drásticos que implicarán o traslado forzoso da totalidade do persoal da Cartería 1, adscrito ao Distrito 4 de Ourense, así como dos carteiros rurais da Cartería 2. Esta “política de feitos consumados”, que implica tamén a amortización de dúas prazas, provocará “grandes transtornos” tanto para traballadores/as como para usuarios.

O recente anuncio vén de acender os ánimos nos traballadores/as adscritos á Cartería 1, situada na explanada da Estación do Tren, que manifestan nunha dura misiva o seu “completo e total desacordo” cunhas medidas impostas de xeito unilateral e sen calquera diálogo co persoal.

A queixa vén xustificada pola pretensión de trasladalos á Cartería 2, na rúa Fernández Bordás (zona das Camelias), o que suporía “un enorme transtorno” por viviren a maioría deles nas inmediacións do seu actual centro de traballo e non existir transporte público desde A Ponte até o novo emprazamento. De igual xeito, segundo a denuncia, os carteiros/as rurais da Cartería 2 serían reubicados na nº1.

Denuncian, ademais, o recorte por amortización de dúas prazas, nos distritos 1 e 4 respectivamente. E por se fora pouco, alertan de que se poderían xerar “friccións innecesarias” entre compañeiros/as nunha operación que califican de “intercambio de cromos”.

Así mesmo, critican a falta de razóns de peso para os traslados ao “non mellorar nin por distancia nin comunicacións a ubicación actual”. Os maiores desprazamentos virían acompañados de maiores cargas de traballo e retrasos na correspondencia, que se sumarían aos xa existentes “con seis seccións sen cubrir só nesa unidade” e con grande recarga de traballo.

Por todo isto aseguran que “non van consentir” a aplicación destas medidas, sen desbotar calquera medida de presión.

Volver