Imposto de Sociedades, trampas a prol do capital

Manuel Mera - 31 Ago 2023

Á cantidade perdida de ingresos impositivos neste período, polas múltiples excepcións ao pagamento do imposto de sociedades, hai que sumar a política de salvamento da banca e as axudas ás empresas en coa escusa das dificultades por mor da crise de 2008, a pandemia, e agora o efecto búmerang pola sancións a Rusia e outras nacións

 No xornal do pasado venres 25 publicouse en Nós Diario un interesante artigo, de Xacobe Ferreiro, acerca do imposto de sociedades, que é de lectura obrigada para todos/as aqueles que queiran afondar en cales foron as políticas económicas do Goberno central, para alén do relato con fins electorais. A análise toma como base un informe do ano 2012 até 2021 (ou sexa una década), da Axencia Tributaria, polo que non pode ser sospeitoso de interpretacións condicionadas pola clase traballadora. Segundo este informe por distintas iniciativas de exencións fiscais dos gobernos na época (tanto da dereita como da esquerda sistémica) deixáronse de ingresar polo imposto de sociedades 1,15 billóns de euros, deles 787.190 mil millóns corresponden ás grandes compañías, que só contribuíron cun 5,9% dos beneficios, e mesmo moitas por debaixo do 1%. Políticas a prol do empresariado que permiten entender os grandes lucros do sector enerxético, banca, entre outras, mesmo en momentos tan preocupantes para a maioría social como o actual.

 Á cantidade perdida de ingresos impositivos neste período, polas múltiples excepcións ao pagamento do imposto de sociedades, hai que sumar a política de salvamento da banca e as axudas ás empresas en coa escusa das dificultades por mor da crise de 2008, a pandemia, e agora o efecto búmerang pola sancións a Rusia e outras nacións (como China, Venezuela, etc.), todo isto implicou un custo extra que asumiron os orzamentos públicos. Un gasto que no fundamental foi custeado mediante unha redución dos servizos básicos, un grande aumento da débeda pública que todos e todas teremos que pagar no futuro; ao que se suma unha inflación que comeu unha parte dos salarios, malia que aumentou a contestación laboral permitindo recuperar en certos sectores e empresas o poder adquisitivo (cun papel destacado da CIG neste tema).

 En relación cos orzamentos públicos tampouco se pode obviar o importante aumento do gasto da parte referida a defensa, coa escusa dunha presunta agresión rusa, cando en realidade se trata de manter privilexios subimperialistas, dado que son os Estados Unidos os que conducen a locomotora, e intentan por todos os medios evitar o avance dun mundo multipolar. Tamén habería que se preguntar até que punto a axenda verde non está tamén condicionada e que -sendo unha necesidade a defensa do ecosistema- se intenta utilizar perversamente para seguir dando pulo ao proceso de centralización e concentración en función dos intereses das grandes potencias e súas corporacións. Este aspecto foi denunciado na reunión do BRICS en Suráfrica. Un aspecto a ter en consideración non só en relación aos países do chamado sur global, senón tamén respecto daqueles que conforman a periferia dentro da UE, como é o caso da Galiza. Preguntémonos cales son as tendencias dominantes: aquelas que dan folgos ao PIB?... acaso sustentan o equilibrio demográfico?... diversifican a economía e reducen a dependencia exterior de produtos básicos?... melloran as condicións laborais?... fortalecen a soberanía popular?...

 Ou, no referente a Galiza, seguiremos exportando enerxía eléctrica primaria asumindo o gasto do traslado (caída tensión, custo da rede), investindo no exterior unha gran parte dos beneficios empresariais, que multiplican varias veces o capital que entra en Galiza, creando fóra do país emprego e folgos á economía... E por se non abondase, pagando en Madrid unha boa parte dos impostos de sociedades (empresariais) polos beneficios obtidos na actividade produtiva galega como consecuencia de termos unha morea de empresas de enclave.

 A produción pública e mais a privada forman un todo cando se trata da actividade económica e do poder. Cómpre lembrar ademais que en practicamente todas as coloniais en África os gobernos da metrópole investían máis que o que recollían en impostos, e este diferencial negativo compensábase dabondo mediante a actividade privada, tanto polos grandes beneficios das corporacións, como polo ter a produción un carácter primario na cadea de valor. Unha tendencia que, baixo outras formas, se mantivo intacto co neocolonialismo. Causa das actuais revoltas en Malí, Burquina Faso, Guinea, Níxer... (tamén en Gabón?).

 

[Galiza, 31 de agosto de 2023]