Imperialismo defensivo: de populismos e migracións

Albert Recio Andreu - 04 Xul 2018

A globalización reestruturou a economía mundial e impactou na economía e a sociedades capitalistas centrais. E o seu impacto afectou tanto á estrutura produtiva e ao emprego como ao funcionamento do sector público

I

 A dinámica do capitalismo baseouse na expansión permanente. En termos espaciais e en termos dun crecente número de actividades suxeitas á lóxica da rendibilidade privada. As sociedades capitalistas desenvolvéronse dentro do proceso que o historiador Alfred Crosby chamou atinadamente de creación de “novas Europas”. Un proceso a través do cal Europa exportou persoas, tecnoloxías, animais, vexetais e parasitos para tentar reproducir noutras latitudes o mesmo tipo de produción que existía en Europa. Crosby chamou acertadamente a este proceso “Imperialismo Ecolóxico” porque do que se trataba era de reproducir o hábitat produtivo europeo. Esta primeira fase colonizadora inclúe moitas das características que podemos atopar nas sucesivas fases do capitalismo: papel crucial da esfera pública que garante condicións básicas do proceso (do financiamento das primeira exploracións, á construción de infraestruturas e a garantía dos mecanismos coactivos básicos), proxectos de enriquecemento privado acubillados baixo esta intervención, destrución das condicións sociais e materiais que garantían a vida dos pobos colonizados, ignorancia dos impactos ambientais, recurso recorrente á violencia tanto pública como privada. A historia posterior experimentou numerosas variacións do proceso mais a tendencia á expansión, á reprodución de modelos produtivos e sociais, non cesou. A globalización neoliberal do último período foi unha nova variante dun vello proceso adaptado ás novas condicións do mundo poscolonial e ás potencialidades que ofrecían as tecnoloxías do transporte e as comunicacións.

 Hai moitos aspectos comúns nestes procesos. En primeiro lugar, un esquecemento bastante persistente das condicións sociais e ambientais que sustentan a posibilidade dun proceso produtivo reproducíbel. Isto é moi obvio na economía extractiva da minaría (e de gran parte da pesca) ou na destrución de comunidades humanas xerada polo escravismo, mais a súa continuidade é evidente tanto na relación que establece a economía capitalista co mantemento da vida (basicamente realizado na esfera doméstica) como na continuada ignorancia dos ciclos naturais e a proliferación de desastres ecolóxicos. En segundo lugar, a persistencia dunha visión eurocéntrica, racista con respecto ao resto de poboacións coas que se interacciona. Sen este supremacismo moral sería máis difícil autolexitimar o escravismo, a expulsión das poboacións indíxenas, a servidume e a rapina que caracterizan gran parte das nosas relacións co Sur. En terceiro lugar, a xa comentada colaboración público-privada, na que o sector público garantiu os elementos de forza e as infraestruturas básicas de xeito que empresas e individuos se limitaron a desenvolver os seus “proxectos” privados dentro do contexto que os facía viábeis. E en cuarto lugar, unha permanente transformación da xeografía produtiva do planeta, con tendencias á concentración espacial das actividades, a desertización doutros espazos, etc. Quizais a resultante máis evidente é a imparábel tendencia á urbanización.

II

 Na actual fase de globalización mantéñense moitos destes elementos, pero outros alteráronse de forma relevante. En primeiro lugar, gran parte da produción mundial se desprazou cara a países diferentes das “vellas e novas Europas”. Aínda que esta expansión estivo inicialmente propiciada polas deslocalizacións produtivas desde os países centrais, non se pode pasar por alto que países como China, Xapón ou Corea do Sur teñen un grao de autonomía nada despreciábel e tamén neles a combinación entre a esfera pública e o capitalismo privado xoga un papel esencial á hora de determinar o seu modelo de desenvolvemento. En segundo lugar, a empresa capitalista experimentou unha notábel mutación, especialmente o núcleo de grandes empresas que controlan as decisións produtivas básicas. Unha transformación que afecta tanto á organización da produción, como ao papel xogado polo área financeira e o núcleo central do poder empresarial. Dun modelo de produción concentrado no espazo e baseado en estruturas produtivas moi ríxidas pasouse a un modelo de empresa rede que supón tanto a externalización (xeográfica e contractual) de moitos procesos como a modularización das actividades internas. A financeirización non só implica a formación dun complexo sistema financeiro (e a conversión de parte da actividade nunha especie de casino) senón que significa unha verdadeira transformación nas pautas de xestión das empresas “produtivas”. E o núcleo central da actividade desprazouse desde o control directo da produción ao dominio dos dereitos que conceden poder de mercado: marcas, patentes, contratos de xestión. E en terceiro lugar, o despregamento dunha inmensa rede mundial de transportes e comunicacións, que non só favorece a circulación de todo tipo de fluxos financeiros e mercadorías senón que xera iconas, imaxes e percepcións a escala planetaria (escribir isto en pleno mundial de fútbol é unha obviedade).

 Con todo iso, as grandes empresas, os ricos do planeta, alcanzaron un inusitado nivel de poder e de enriquecemento. Pero a custa de facer emerxer ou de reforzar novos problemas e de xerar novos conflitos. O recoñecemento das inaturábeis desigualdades (de clase, de xénero) entre países ou o perigo do cambio climático son só algún dos máis prementes.

III

 Neste contexto é onde debe situarse o debate sobre as migracións. Estas foron habituais ao longo da historia humana e han ter un papel relevante na xeración de moitos cambios sociais e políticos. O imperio romano e o mundo escravista afundíronse en parte pola presión das migracións externas. O capitalismo moderno consolidouse en parte por un proceso migratorio masivo cara ás novas Europas. Unha migración, por unha banda, voluntaria e, por outra, forzada (de escravos africanos, de convictos europeos).

 As migracións teñen que ver tanto con procesos de atracción como de expulsión. A xente emigra para prosperar ou simplemente porque se lle fai insufríbel a vida no seu lugar de orixe. Ás veces son autónomas, desorganizadas, e outras son impulsadas polos futuros empregadores. Este último caso adoita ser frecuentemente o que ocorre ao principio de calquera fluxo migratorio entre territorios anteriormente pouco relacionados: a primeira inmigración importante de mulleres para traballar no servizo doméstico no Estado español, a primeiros da década de 1980, proveu de Filipinas, un país afastado e cuxo idioma habitual era o tagalo e o inglés. Estas mulleres viñeron porque sectores burgueses non atopaban man de obra barata en España e unha orde relixiosa se dedicou a organizar o “mercado”, a facilitar non só o transporte senón a certificar a moralidade do proceso. Unha vez establecida unha “praia de desembarco”, o proceso pode adquirir maior autonomía.

 A diferenza das fases iniciais do capitalismo, os fluxos predominantes na actualidade son do tipo Sur-Norte (aínda que non hai que perder de vista o impacto que xeran os desprazamentos en sentido inverso, maiormente directivos de multinacionais, axentes de organismos públicos e ONG, así como intervencións armadas). Estes fluxos obedecen tanto a efectos de expulsión como a efectos de atracción. Entre os primeiros destacan os conflitos armados, os impactos do cambio climático, a expulsión de campesiños, a pobreza e a ausencia de perspectivas nos países de orixe, e tamén os efectos-chamada: hai espazos do mercado laboral que se cobren sistematicamente con estranxeiros, como é o caso de gran parte dos servizos de coidados, e os cambios demográficos nos países europeos indican que este efecto será persistente e continuo. Non pode tampouco desprezarse o atractivo que o mundo rico exerce para moitas persoas, en termos económicos e de liberdade individual. Neste último caso é bastante probábel que a globalización dos medios de comunicación contribúa a reforzar o fenómeno, na medida en que o discurso implícito que irradian dos medios adoita sublimar a visión das caras amábeis do sistema e agochar en cambio os defectos. No seu conxunto, trátase dunha migración consubstancial á propia dinámica do sistema. Moitos dos procesos de expulsión están directamente relacionados con intereses dos países ricos (como as guerras polo control de recursos minerais) ou os efectos do noso modelo de desenvolvemento (por exemplo o cambio climático). Noutros casos as migracións cobren necesidades específicas dos países ricos e noutros máis “os nosos” aparellos de propaganda alentan as ilusións de moita xente. Non se pode pretender que se globalicen os fluxos de información, de materiais, de bens e de información, e que non ocorra o mesmo cos movementos de poboación.

IV

 A globalización reestruturou a economía mundial e impactou na economía e a sociedades capitalistas centrais. E o seu impacto afectou tanto á estrutura produtiva e ao emprego como ao funcionamento do sector público. Durante moitos anos o estado non só xogou un papel esencial en crear as bases para o desenvolvemento capitalista, senón que tamén constituíu o espazo onde puido desenvolverse o conflito social e onde se puideron poñer en práctica medidas e regulacións orientadas a limitar o poder do capital e paliar os seus efectos. A acción do estado requiriu o desenvolvemento, en todas asa partes, dunha cultura nacionalista entre a poboación. Un nacionalismo que serviu para mobilizar a xente cando se requiriu (por exemplo nas guerras), para lexitimar as aventuras imperiais mais tamén para xustificar medidas de protección de dereitos sociais. E provocou que moita xente interprete o mundo en chave dual -estranxeiros e nacionais- ou que avalíe o desenvolvemento en chave de mérito nacional, ignorando o impacto que ten isto no resto do mundo.

 Hoxe, nos países centrais, unha parte importante desta poboación socializada no nacionalismo e o supremacismo europeo vive no medio dunha gran anguria. Con medos xustificados -desemprego, deterioración das condicións do emprego, dos servizos sociais, etc.- ou non. Educada ademais nunha infracultura de individualismo consumista que dificulta o entendemento de procesos básicos, como os impactos ambientais, e que dificulta unha avaliación sosegada de dilemas colectivos[1]. E fronte a estes desafíos ábrese un enorme campo de acción para os reaccionarios defensores do peche social. Esta é a chave dos novos movementos de dereitas que se están impoñendo en moitas das vellas e novas Europas e que están poñendo en xaque a base de calquera política democrática. Pois baséanse en aceptar como normal un trato discriminatorio, racista, fronte “xente de fóra”, así como en promover unha forma de facer política baseada no caudillismo.

 Un desafío que non poderá só darse en termos ético-democráticos. Aínda que a defensa de principios básicos é ineludíbel. O problema de fondo é que a globalización neoliberal (favorecida polas novas tecnoloxías e o malgasto enerxético no que estamos instalados), como toda a globalización anterior, nunca foi un proxecto universal. Esixía manter enormes desigualdades entre grupos sociais diferentes. Non só en beneficio das elites, senón tamén da xente duns países determinados. A análise do capitalismo real resulta incompleto se se limita a considerar a propiedade e as relacións de clase. Hai que engadirlle o papel do patriarcado na reprodución social e as estruturas de xénero. E o do imperialismo como mecanismo de imposición de condicións de desigualdade entre habitantes de países diferentes. E o efecto que todo iso sumado xera sobre a base material da nosa existencia, a natureza.

 Loitar contra o capitalismo hoxe, responder ao seu modelo explotador e depredador, require máis que nunca dun pensamento cosmopolita, orientado a elaborar propostas de desenvolvemento viábel, xusto e desexábel para o conxunto da sociedade. Se algo bo nos debería deixar a fase neoliberal debería ser que nos sitúa inevitabelmente fronte á necesidade de pensar unha economía en chave planetaria, de humanidade. A volver aos vieiros que trataba de esbozar o “proletarios de todo o mundo, unídevos” mais sen caer no seu optimismo inxenuo.

 Hoxe as sociedades capitalistas máis desenvolvidas parecen orientarse cara a un imperialismo cara a dentro, con barreiras, con carnés de acceso exclusivo (Israel é posibeemente unha versión extrema deste modelo). Pero non é nin desexábel nin posibelmente viábel a longo prazo. Necesitamos urxentemente retomar a procura dun globalismo igualitario, ecolóxico, cosmopolita.

_____________________________________________________________________________

Notas

[1] Nas cidades actuais dúas dos grandes debates cotiáns teñen que ver coa posesión de cans e co automóbil. Calquera intento de regulación de ambas as cuestións choca cunha feroz oposición do “partido canino” e o “partido do coche” (moi transversais ambos en termos de clase, xénero ou nacionalidade) baseado na defensa da liberdade de elección e ignorante dos impactos sociais e ambientais de ambos os tipos de consumo.

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Mientras Tanto, núm. de xullo de 2018]