ILUNION paga por debaixo de convenio a persoal subcontratado a través dun CEE para limpeza do Hospital Provincial

Denuncian que a Xerencia do CHUS é coñecedora desta situación e que, porén, non adoptou ningunha medida
Compostela - 10 Out 2018

O comité de empresa de ILUNION, concesionaria do servizo de limpeza do hospital provincial, denunciou esta mañá en rolda de prensa, a excesiva carga de traballo do persoal; a inexistencia de reforzos na limpeza durante as peonadas e a situación laboral na que se atopan as traballadoras con discapacidade subcontratadas neste centro de traballo a través dun Centro Especial de Emprego (CEE) da propia empresa ULUNION.

Respecto do exceso de carga de traballo tanto a presidenta do comité, Carmen Cambón, como o representante da CIG, Anxo Noceda, denunciaron que se lle está requirindo ao persoal a realización de máis traballos dos especificados no prego de condicións e dos ofertados sen que, por outro lado, se contrate persoal a maiores para facer esas funcións. “Preténdese que co persoal mínimo do prego se desenvolva moito máis traballo do que estaba inicialmente previsto”, asegurou Anxo Noceda.

Xunto a isto denunciaron tamén a carga de traballo derivada das peonadas, que se traducen en actividade en horas de tarde e coas que se pretenden reducir as listas de espera. Peonadas polas que o persoal do SERGAS cobra a maiores do salario, pero que supoñen unha sobrecarga tamén para o persoal de limpeza que ten que asumir, a maiores dos labores previstos na súa xornada normal, até 20 ou 25 cirurxías en determinados momentos.

Subcontratacións a través dun Centro Especial de emprego

O representante da CIG afirmou ademais que se están a realizar subcontratacións por medio dun Centro Especial de Emprego da propia ILUNION, e co mesmo nome, co coñecemento da Xerencia do CHUS -que “non fai nada”- a traballadoras con discapacidade para realizar traballos ordinarios e habituais, normalmente substituíndo ao persoal que está de vacacións ou de baixa. Contratos “en precario e con salarios moi por debaixo do convenio colectivo de limpeza do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e sen cobrar pluses por festivos ou noites”, denunciou.

Para Noceda é especialmente grave que isto se faga ademais “sen realizarse unha correcta adaptación dos postos de traballo” o que deriva novamente en sobrecarga de traballo para o conxunto do persoal.

Por iso Noceda exixe que estas traballadoras sexan contratadas directamente por ILUNION, nas mesmas condicións que o resto e cos postos de traballo adaptados ás súas circunstancias.

Factores psicosociais

Na rolda de prensa denunciaron ademais que se realizou, antes do verán, un estudo dos factores psicosociais no que se constatou a elevadísima sobrecarga laboral sen que se adoptara, malia os resultados, ningunha medida.

Tamén denunciaron diferentes cuestións en materia de prevención que se incumpren e que, a pesar dos requirimentos da inspección, non se solucionaron. A este respecto a presidenta do comité sinalou cuestións como instrucións e medios  para a recollida de residuos, a onde van, como e con que se recollen e eliminan ou no relativo a pesos máximos.

Porén a Xerencia do CHUS, segundo denunciaron, non fixo absolutamente nada, malia terse mantido con ela unha xuntanza durante o verán.

Para Noceda o problema deste tipo de contratas públicas está nas baixadas de prezos que ao final se repercuten nas traballadoras e traballadoras sen ter en conta o risco que isto supón tanto para o persoal como, neste caso, para as/os propios doentes.

Diante desta situación xa avanzaron que se van celebrar asembleas de traballadores/as nas que se van valorar as medidas a adoptar, sen descartar, a priori, ningunha.