A plataforma Queremos Galego presenta unha ILP no Parlamento "para unha lingua vital"

Nacional - 29 Set 2026

Representantes das entidades sociais que apoian o Protocolo Lingua Vital, entre eles a CIG, presentaron o pasado 17 de setembro no Parlamento galego unha Proposición de Lei por Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para reverter a emerxencia lingüística que amosan todos os estudos, pero que é reversíbel co compromiso do poderes públicos e das entidades sociais.

Representantes das entidades sociais que apoian o Protocolo Lingua Vital, entre eles a CIG, presentaron o pasado 17 de setembro no Parlamento galego unha Proposición de Lei por Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para reverter a emerxencia lingüística que amosan todos os estudos, pero que é reversíbel co compromiso do poderes públicos e das entidades sociais. 

O texto recolle os principais aspectos dos acordos pola lingua acadados por entidades da lingua mais tamén sindicais, asociación culturais, veciñais, da comunidade educativa, do ecoloxismo ou das persoas consumidoras

O pobo galego non se resigna. Se a lingua galega está viva é porque hai unha sociedade que a defende e actúa para mantela. Mentres a Xunta amosa, por un lado, un suposto interese pola lingua e lexisla, polo outro, contra a súa presenza en ámbitos como os medios públicos, a administración ou a IA, a sociedade ten que mobilizarse en apoio aos acordos unánimes previos arredor da lingua –como o actual PXNLG, a DUDL ou o a CELRM– e ás alternativas que as entidades foron elaborando colectivamente nun proceso que culminou no Protocolo Lingua Vital.

A Iniciativa Lexislativa Popular recolle os principais aspectos dos acordos pola lingua acadados por entidades da lingua mais tamén sindicais, asociación culturais, veciñais, da comunidade educativa, do ecoloxismo ou das persoas consumidoras.

Unha vez admitida a trámite, comezará un proceso de recollida de sinaturas que contará coa implicación de centos de colectivos sociais e de persoas voluntarias, para que en cada vila e localidade de Galiza se poida asinar e apoiar esta proposta para reverter a emerxencia lingüística e facer da nosa unha lingua vital, en todo e para todo.

A CIG denuncia o recente pacto asinado polo PP e o PSdG. Subliña que non lle serve ningún pacto que manteña o Decreto de Plurilingüismo e o veto ao noso idioma nas aulas. Un acordo que deixa nas mans dos centros decidir en que materias segue prohibido o uso do galego e non reforza a súa presenza en etapas tan transcendentais como infantil ou primaria.

Por iso, anima a asinar, mais tamén a participar activamente no proceso de recollida de sinaturas a toda a súa afiliación e nomeadamente a profesorado, familias e alumnado, para que os grupos parlamentarios que deron ese paso rectifiquen, propoñan a inmediata derrogación do Decreto de Plurlingüismo e se apliquen este mesmo curso as principais medidas necesarias para revivir a nosa lingua antes de que sexa demasiado tarde.