Rexistradas 800 sinaturas para pedir a "inmediata convocatoria" da OPE no servizo contra incendios

No marco da campaña pola estabilización do persoal do SPDCIF
Nacional - 24 Xul 2017

As centrais sindicais CIG e CSIF, no marco da campaña iniciada pola estabilización do emprego dos traballadores e traballadoras do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) da Xunta de Galiza, rexistraron 800 sinaturas recollidas entre o persoal laboral do citado servizo, "amosando o rexeitamento ás intencións da Xunta de Galiza de eliminar as prazas de acceso libre da Oferta de Emprego Público correspondente ao ano 2016, que ascenden a 94 prazas".

Así mesmo, CSIF e CIG denuncian o incumprimento do Goberno galego no que atinxe ao acordo de bombeiros forestais e á súa segunda actividade, asinado en setembro de 2016 polas consellerías de Facenda e Medio Rural e a parte social. Nese acordo, lembran recóllese a redución da taxa de temporalidade (que nestes momentos excede o 40% do dispositivo contra incendios), mediante as correspondentes ofertas de emprego público para prazas de persoal laboral no período 2017-2020.

"A prol da estabilidade laboral, demandamos o inmediato cumprimentos dos acordos asinados, que redundarían nunha maior profesionalidade do operativo contra incendios da Xunta", afirman nun comunicado conxunto, no que lembran que moito destes traballadores/as teñen unha experiencia laboral con máis de 20 anos de servizo.

Dende ambas organizacións sindicais quixeron agradecer tamén a participación do persoal do SPDCIF nas accións desenvolvidas nas últimas semanas, e adiantan que "seguiremos mantendo os actos reivindicativos que sexan precisos e necesarios encamiñados na inmediata convocatoria de oposicións a prazas de persoal laboral.