8 de Marzo: se as mulleres paramos, o mundo para

Margarida Corral Sánchez -

Lograr que todas as mulleres paren o que están a facer. Que deixen de producir por unhas horas. Que deixen as tarefas de coidado, que abandonen as fábricas e que lle demostren ao mundo que se nós paramos, o mundo para. Esa é a convocatoria revolucionaria e real que podemos facer

 O 8 de Marzo vai ser unha convocatoria histórica para todas as mulleres da Galiza. Todas, absolutamente todas, con independencia da nosa implicación na folga, conseguimos o obxectivo que perseguiamos: divulgala, que se fale da convocatoria, das razóns para secundala. Mesmo as persoas que traballan á contra, as que critican que non sexa mixta, que apostan por facela dun día enteiro, que esixen que sexa indefinida, as que non queren ou non poden secundala, todas, absolutamente todas coñecen que veña de quen veña o 8 de Marzo haberá FOLGA DE MULLERES. Aí radica o seu éxito.

 Fomos quen de poñer o foco social nunha problemática que moitas de nós denunciamos todos os días das nosas curtas ou longas vidas, pero que socialmente fica demasiado desapercibida e oculta o resto dos días do ano, nin tan sequera cando se achega a conmemoración dun 8 de Marzo. E si, hai convocatorias diversas no país como no Estado. Centrais sindicais nacionalistas convocamos folga baixo a modalidade de paros parciais na Galiza e en Euscadi. Fixémolo convencidas de que é o mellor xeito de garantir que todas as mulleres sen exclusión poidamos participar na convocatoria de PARO INTERNACIONAL DE MULLERES convocado durante a xornada do 8M en centos de países do mundo. E si, aclaro como levo facendo durante meses, que un paro de dúas horas é unha folga. Unha folga amparada legalmente como dereito que temos as traballadoras. Que supón desconto salarial polas horas que se deixen de producir, e que en demasiados casos neste país, supón para as mulleres o desconto de medio día de salario. E claro que moitas desexabamos folga de 24 horas.

 E así o propuxemos en moitas asembleas e organismos da CIG. Mais tamén quero deixar ben claro que se finalmente optamos pola outra fórmula foi por decisión colectiva, tras escoitar o sentir maioritario doutras mulleres que traballan en sectores feminizados e que entendían que só dese xeito podiamos acadar que se sumasen máis mulleres á convocatoria. Porque debemos asumir dunha vez que non todas as mulleres da clase traballadora temos consciencia de sermos ou estarmos oprimidas, nin conciencia feminista, por moito que intentemos con forza achegalas a este movemento emancipador. E a decisión foi debatida e adoptada en organismos mixtos tras debates previos levados a cabo polas mulleres da CIG, no Encontro nacional e asembleas posteriores. Non foi unha decisión dos homes da central, como ás veces escoito por estes lares; eles participaron no debate, mais aceptaron o parecer maioritario das compañeiras. E por vez primeira na historia, o seu papel está a ser de colaboración, axuda e solidariedade, e o noso, protagonista.

 Así que tanto ás compas como aos compas que durante estes días acusan as mulleres da central de asumiren convocatorias timoratas, que, por favor, veñan a coñecer a realidade que se move no país, nas panadarías, nos comercios, nas farmacias, nas fábricas da conserva, no téxtil, nas escolas infantís e nos centros de día, en bares e restaurantes, e poderiamos seguir citando centros de traballo onde a precariedade é unha rotunda realidade. Mulleres que coñezo ben porque as atendo diariamente, lévolles as denuncias cando lles denegan as reducións de xornada, cando as acosan, cando lles pagan menos que aos compañeiros, cando lles modifican a xornada... Porque negocio con elas os plans de igualdade, os protocolos de prevención e actuación ante o acoso, para as traballadoras vítimas de violencia machista, porque vou con elas aos xuízos contra a patronal, porque as acompaño en problemáticas que van máis aló do laboral. Porque sei que non poden facer folga de 24 horas tampouco nos coidados. Porque a realidade é esa. Moitas de nós non podemos conciliar senón é coa axuda doutras mulleres. E outras tantas non temos quen o faga, ou non confiamos os coidados de persoas dependentes a persoas descoñecidas, ou non nolo podemos permitir, simplemente.

 E si, compañeiras, se deixamos de falar dun mundo irreal decatarémonos de que é moito máis real convocar un PARO INTERNACIONAL DE MULLERES. Lograr que todas as mulleres paren o que están a facer. Que deixen de producir por unhas horas. Que deixen as tarefas de coidado, que abandonen as fábricas e que lle demostren ao mundo que se nós paramos, o mundo para. Esa é a convocatoria revolucionaria e real que podemos facer. E dígoo porque teño ás costas centos de quilómetros, asembleas, actos, debates e moitas conversas con traballadoras deste país que me dan algo máis de solvencia que algunhas outras persoas que con todo o dereito a opinar, faltaría máis, non saben ben desta realidade. E por se algunha outra persoa o dubida, son feminista. Non máis. Non menos. Igual que calquera outra que se defina e se identifica como tal. Coas miñas contradicións e os meus erros. Formo parte do movemento feminista galego. Parte activa. En xornadas militantes de case 24 horas (de 19 horas, que poderían ser 24 de contabilizar os debates que dou en soños e pesadelos). E non vou caer no erro de criticar as compañeiras da CUT, da CNT, de CCOO, UGT ou do STEG porque elas saberán o que están a dar á loita.

 Eu si sei das horas que as mulleres da CIG levamos dado desde o mes de novembro, moito antes de que no país se falase da folga, do importante debate que demos cos homes da nosa central, e do que eles están a dar á folga, máis, cando hai organizacións que fan chamamento aos homes a facer “folga de mulleres”! E estou desexando que pase o 8 de Marzo para poder descansar e desconectar desta mediática que me abafa e me desgasta. Porque despois do 8M as opinadoras e opinadores esqueceranse de que a problemática segue aí: a precariedade, as discriminacións, a violencia e o machismo. Mais moitas de nós, silenciadas de novo, farémoslle fronte. Porque para algunhas, todos os días son 8 de Marzo.

 

[Ferrolterra, 7 de marzo de 2018]

__________________________________________________________________________

Margarida Corral Sánchez é secretaria confederal de muller da CIG

Volver