28 de Xuño, Día do Orgullo LGTBIQ: unha data de transgresión, denuncia, reivindicación e combate

A CIG reivindica a vixencia da loita LGTBIQ, medio século despois da revolta de Stonewall

Nacional -

Un ano máis, a central nacionalista reitera o seu compromiso e a súa aposta pola igualdade social, a visibilidade da diversidade afectivosexual e a non discriminación.

Declaración da CIG

Hai 49 anos, na madrugada do 28 de xuño de 1969  tivo lugar no Stonewall Inn, un bar do barrio Greenwich Village, de Nova Iorque, unha revolta contra os abusos e persecucións das forzas policiais contra as persoas LGTBI, e que supuxo o inicio dunha loita visíbel tamén nas rúas, unha loita de clase e de xénero, que posibilitou a formación dunha comunidade unida e combativa contra todas as  barreiras e discriminacións que afectan ás persoas que defenden a diversidade sexual, ou que se identifican como gais, lesbianas, trans, bisexuais, intersexuais.

O capitalismo pretende facer desta data unha celebración consumista, desposuíndoa do seu carácter político e transgresor

Aínda que o capitalismo pretenda facer desta data unha celebración consumista, desposuíndoa do seu carácter político e transgresor, o 28 de xuño é un día de denuncia, de reivindicación e de loita:

- De denuncia das agresións contra as persoas que exercen unha disidencia de xénero, afectiva ou sexual diferente á heteronormativa.

- De reivindicación da diferenza, da diversidade, de orgullo e de dignidade.

- De loita e de combate contra as discriminacións que sofren as persoas LGTBIQ nas escolas, nos traballos, nas rúas, nos lugares de ocio.

Unha vez máis, este 28-X denunciamos:

•    As discriminacións e vulneración de dereitos que sofren as persoas LGTBIQ na Galiza e que fan do noso país a sexta comunidade do Estado español cun maior número de delitos de odio por orientación ou identidade sexual, segundo datos do último Informe sobre incidentes relacionados con delitos de odio, do Ministerio do Interior.

•    As discriminacións tanto no eido laboral (vulneración do dereito á intimidade nos procesos de selección, non renovación de contratos, acoso, dificultades na promoción, denegación de prestacións e permisos á parella, despedimentos...), como no social, e mesmo no ámbito educativo desde idades moi temperás (agresións, insultos, invisibilización, illamento, acoso e ciberacoso...), que sofren moitas galegas e galegos pola súa opción afectivo-sexual ou pola súa identidade de xénero.

 •    A estigmatización e os estereotipos que segue a conter o Plan galego anti VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) 2015-2018, pois a pesar das denuncias e esixencias de que fose modificado, segue a vincular a homosexualidade cun maior consumo de drogas ou cunhas prácticas sexuais proclives a contraer sida.

•    Que a carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde vincula  os  tratamentos de reprodución humana asistida (RHA) á existencia dun trastorno documentado da capacidade reprodutiva, constatada tras un protocolo diagnóstico, ou tras a ausencia de consecución de embarazo despois dun mínimo 12 meses de relacións sexuais con coito vaxinal sen emprego de métodos anticonceptivos, excluíndo por tanto, as mulleres lesbianas da posibilidade de ser nais.

Galiza é a sexta comunidade cun maior número de delitos de odio por orientación ou identidade sexual

 •    Que a nova lei educativa, a LOMCE, impide termos un sistema educativo propiamente galego, público, gratuíto, laico, científico, coeducativo e democrático; imposibilita un tratamento adecuado da diversidade afectivo sexual no ámbito educativo e, por tanto, fica lonxe o obxectivo de acadar unha educación igualitaria e respectuosa coa diversidade de opcións sexoafectivas e de identidade.

•   Que a Organización Mundial da Saúde só anunciou un cambio de  denominación e clasificación patolóxica das persoas trans, pero non está a proceder á súa despatoloxización, considerándoas aínda persoas enfermas.

•    Que a autodeterminación do xénero libre de imperativos patolóxicos é un dereito humano fundamental recoñecido polo Parlamento Europeo. É só a propia persoa quen pode definir a súa identidade de xénero sen necesidade de unidades clínicas de “Trastornos de Xénero” compostas por especialistas en psiquiatría e psicoloxía que a diagnostiquen. O feito de existir unha “unidade de referencia” centralizada para as crianzas e adolescentes trans no Hospital Clínico de Santiago reforza a excepcionalidade, a patoloxización e a segregación social das mesmas, negándolles os servizos de saúde no seu entorno e xerando desprazamentos innecesarios para recibiren servizos médicos posíbeis en calquera centro de especialidades ou hospital comarcal.  

Por todo o exposto, esiximos ao goberno da Xunta:

•    Que  garanta os dereitos humanos, a plena cidadanía, a calidade de vida, a inclusión social e a saúde das persoas trans e intersexuais desde a infancia e adolescencia, incluíndo o tratamento clínico integral de reasignación de sexo no catálogo de prestacións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

•    O acceso á reprodución asistida no sistema sanitario público galego por parte daquelas mulleres que así o soliciten, teñan ou non parella, sexan lésbicas ou bisexuais.

Hai que promover un ensino laico e de calidade que integre a dignificación e o recoñecemento das diferentes opcións sexuais e a diversidade familiar

Esiximos a defensa perante as institucións do Estado do recoñecemento da maternidade das nais non xestantes naquelas parellas de mulleres que así o desexen, independentemente da técnica de reprodución empregada e sen necesidade de contraer matrimonio ou faceren mais trámites que os correspondentes a unha parella heterosexual.

•    Esiximos a aprobación dunha Lei Galega de Identidade de xénero que garanta a autodeterminación do xénero e a despatoloxización das persoas trans, eliminando a esixencia de diagnósticos psicolóxicos ou psiquiátricos para o acceso a servizos de saúde dedicados, sensibilizados e de calidade, e establecendo políticas específicas de inserción laboral, inclusión social e sensibilización en todos os ámbitos.

•    Dotación orzamentaria que permita poñer en marcha á Lei de Igualdade 2/2014 de 14 abril pola igualdade e non discriminación de persoas LGTBI en Galiza,  e o Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero, facendo as modificacións oportunas na lexislación vixente co obxecto de estabelecer un réxime sancionador, incluíndo a protección integral contra os delitos de odio, axilizando as denuncias e a protección das persoas afectadas, así como formación transversal en diversidade a todos os colectivos implicados (persoal sanitario, persoal do ensino, operadores xurídicos, forzas e corpos de seguridade do estado).

•    Esiximos medidas dirixidas ás realidades específicas das mulleres lésbicas, bisexuais, transexuais e intersexuais dentro das políticas de xénero e de loita contra as violencias machistas.

•    Esiximos que calquera política en materia de diversidade teña en conta as realidades e necesidades das persoas migrantes e racializadas, especialmente no caso das mulleres LBTI migrantes e racializadas.

•    Esiximos que toda política en materia de diversidade deixe de ser capacitista e de ignorar as diversidades funcionais.

Reclamamos a aprobación dunha Lei Galega de Identidade de xénero que garanta a autodeterminación do xénero e a despatoloxización das persoas trans

•    Esiximos que todas as persoas, independentemente da súa orixe, do seu estado civil, ou da situación legal na que se atopen, poidan ser atendidas nos servizos públicos de saúde e teñan cubertos os seus tratamentos médicos, sen que teñan que facer alusión ás súas prácticas sexuais.

•    Que promova un ensino laico e de calidade que integre a dignificación e o recoñecemento das diferentes opcións sexuais e a diversidade familiar, educando na liberdade para enfocar a vida persoal e sexual de cada quen, a través da visibilidade desta realidade diversa nas materias educativas, impulsando e apoiando aquelas producións culturais que inclúan a realidade LGTBI para potenciar referentes positivos da homosexualidade, bisexualidade, transexualidade e intersexualidade, poñendo especial fincapé na súa divulgación nos centros de ensino infantil, medio e superior.

•    Programas de  prevención da LGTBIfobia, e de asesoramento LGTBI, dirixidos aos departamentos de orientación dos centros educativos e mesmo ás asociacións de nais e pais, combinando con campañas específicas para a prevención e erradicación do acoso escolar LGTIfóbico.

•    A consulta e participación das organizacións LGTBI da Galiza na creación do Observatorio Galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, e no propio órgano unha vez constituído, con voz e voto.

Compromiso e a aposta pola inclusión real e efectiva

A nivel laboral, reclamamos a erradicación das actitudes homo/lesbo/bifóbicas/transfóbicas, instando a adoptar medidas e protocolos de prevención e actuación ante o acoso por diversidade afectivo/sexual en todas as empresas e na administración pública, que eviten calquera tipo de discriminación no acceso e mantemento do emprego, que eviten e persigan o acoso laboral, propiciando a igualdade de oportunidades e de trato de todo o persoal

Desde a CIG reiteramos un ano máis o noso compromiso e a nosa aposta pola diversidade, a igualdade social, a visibilidade e a non discriminación e sumámonos ao orgullo pola diversidade afectivo sexual e de xénero, e á loita LGTBIQ facendo un chamamento a participar en todas aquelas actividades, concentracións e mobilizacións organizadas polos distintos colectivos arredor do 28 de xuño.

28 de xuño de 2018

Volver