28-X, Día do Orgullo LGTBIQ: unha data de denuncia, reivindicación e combate

A CIG reivindica a vixencia da loita LGTBIQ, medio século despois da revolta de Stonewall

Nacional -

A CIG reitera o seu compromiso e a súa aposta pola igualdade social, a visibilidade da diversidade afectivo sexual e a non discriminación. Ao tempo, a central sindical denuncia a hipocrisía do Partido Popular que pese a contar cunha Lei pola igualdade e non discriminación de persoas LGTBI en Galiza, permitiu que a organización ultracatólica Hazte Oír percorrera Compostela co “bus laranxa” espallando a súa mensaxe de xenreira contra o colectivo trans.

DECLARACIÓN DA CIG

Na madrugada do 28 de xuño de 1969  tivo lugar no Stonewall Inn, un bar do barrio Greenwich Village, de Nova Iorque, unha revolta contra os abusos e persecucións das forzas policiais contra o movemento LGTBI, e que supuxo o inicio dunha loita visíbel tamén nas rúas, unha loita de clase e de xénero, que posibilitou a formación dunha comunidade unida e combativa contra todas as  barreiras e discriminacións que afectan ás persoas que defenden a diversidade sexual, ou que se identifican como gais, lesbianas, transexuais, bisexuais, intersexuais....

O 28 de xuño é un día de denuncia, de reivindicación e de loita. De denuncia das agresións contra as persoas que exercen unha disidencia de xénero, afectiva ou sexual diferente a heteronormativa. De reivindicación da diferenza, da diversidade, de orgullo e de dignidade. De loita e de combate contra as discriminacións que sofren as persoas LGTBIQ nas escolas, nos traballos, nas rúas, nos lugares de ocio.

Por iso, desde a CIG, unha vez máis este 28-X denunciamos:

•    As discriminacións e vulneración de dereitos que sofren as persoas LGTBIQ na Galiza e que fan do noso país a sexta comunidade do estado español cun maior número de delitos de odio por orientación ou identidade sexual.

•    As discriminacións tanto no eido laboral (vulneración do dereito á intimidade nos procesos de selección, non renovación de contratos, acoso, dificultades na promoción, denegación de prestacións e permisos á parella, despedimentos...), como no social, e mesmo no ámbito educativo desde idades moi temperás (agresións, insultos, invisibilización, illamento, acoso e ciberacoso...), que sofren moitas galegas e galegos pola súa opción afectivo-sexual ou pola súa identidade de xénero.

•    A estigmatización e os estereotipos que segue a conter o Plan galego anti VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) 2015-2018, pese as denuncias e esixencias de que fose modificado, segue a vincular a homosexualidade cun maior consumo de drogas ou cunhas prácticas sexuais proclives a contraer sida.

•    Que a Carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde vincula  os  tratamentos de reprodución humana asistida (RHA) á existencia dun trastorno documentado da capacidade reprodutiva, constatada tras un protocolo diagnóstico, ou tras a ausencia de consecución de embarazo despois dun mínimo 12 meses de relacións sexuais con coito vaxinal sen emprego de métodos anticonceptivos, excluíndo por tanto, ás mulleres lesbianas da posibilidade de ser nais.

•    Que a nova lei educativa, a LOMCE, impide termos un sistema educativo propiamente galego, público, gratuíto, laico, científico, coeducativo e democrático; imposibilita un tratamento adecuado da diversidade afectivo sexual no ámbito educativo e, por tanto, fica lonxe o obxectivo de acadar unha educación igualitaria e respectuosa coa diversidade de opcións sexoafectivas e de identidade.

Por todo o exposto, esiximos ao goberno da Xunta:

•    Que  garanta o dereito á protección da saúde das persoas transexuais, incluíndo o tratamento clínico integral de reasignación de sexo no catálogo de prestacións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

•    O respecto á diversidade das persoas cuxa identidade rexistral non coincide coa súa identidade de xénero.

•    O acceso á reprodución asistida no sistema sanitario público galego por parte daquelas mulleres que así o soliciten, teñan ou non parella, sexan lésbicas ou bisexuais.

•        Dotación orzamentaria que permita poñer en marcha á Lei de Igualdade 2/2014 de 14 abril pola igualdade e non discriminación de persoas LGTBI en Galiza,  e o Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero, facendo as modificacións oportunas na lexislación vixente co obxecto de estabelecer un réxime sancionador, incluíndo a protección integral contra os delitos de odio, axilizando as denuncias e a protección das persoas afectadas, así como formación transversal en diversidade a todos os colectivos implicados (persoal sanitario, persoal do ensino, operadores xurídicos, forzas e corpos de seguridade do estado).

Esiximos que todas as persoas, independentemente da súa orixe, do seu estado civil, ou da situación legal na que se atopen, poidan ser atendidas nos servizos públicos de saúde e teñan cubertos os seus tratamentos médicos, sen que teñan que facer alusión ás súas prácticas sexuais.

•    Que promova un ensino laico e de calidade que integre a dignificación e o recoñecemento das diferentes opcións sexuais e a diversidade familiar, educando na liberdade para enfocar a vida persoal e sexual de cada quen, a través da visibilidade desta realidade diversa nas materias educativas, impulsando e apoiando aquelas producións culturais que inclúan a realidade LGTBI para potenciar referentes positivos da homosexualidade, bisexualidade, transexualidade e intersexualidade, poñendo especial fincapé na súa divulgación nos centros de ensino infantil, medio e superior.

Que se aprobe unha Lei Galega de Identidade de xénero que garanta o recoñecemento e a existencia da comunidade transxénero, a través da posta en marcha de medidas no ámbito educativo, sanitario e xudicial.

•    Programas de  prevención da LGTBIfobia, e de asesoramento LGTBI, dirixidos aos departamentos de orientación dos centros educativos e mesmo ás asociacións de nais e pais, combinando con campañas específicas para a prevención e erradicación do acoso escolar LGTIfóbico.

Un ano máis, a CIG reitera  o compromiso e a aposta pola igualdade social, a visibilidade e a non discriminación"

 •    A nivel laboral, a erradicación das actitudes homo/lesbo/bifóbicas/transfóbicas, instando a adoptar medidas que eviten calquera tipo de discriminación no acceso e mantemento do emprego, que eviten e persigan o acoso laboral, propiciando a igualdade de oportunidades e de trato de todas e todos os traballadores.

Desde a CIG reiteramos un ano máis o noso compromiso e a nosa aposta pola igualdade social, a visibilidade e a non discriminación e sumámonos ao orgullo pola diversidade afectivo sexual e de xénero, e á loita LGTBIQ facendo un chamamento a participar en todas aquelas actividades, concentracións e mobilizacións organizadas polos distintos colectivos en torno ao 28 de xuño.

28 de xuño de 2017

Volver