28 de Xuño: celebrar a diversidade, defender os dereitos, combater o odio!

A CIG chama a participar nas mobilizacións convocadas para este domingo nas sete cidades
Nacional - 25 Xun 2026

Ás portas dun novo 28 de xuño, no contexto mundial de auxe do fascismo, é preciso unirnos como comunidade para garantir os dereitos que conquistamos a base da nosa loita. Por iso, a CIG fai un chamamento a toda a súa afiliación a saír ás rúas unha vez máis e a celebrar a loita, o orgullo e a existencia. Celebremos os avances e combatamos os retrocesos. Porque conmemorar o 28 de xuño segue a ser un acto de resistencia.

57 anos despois do movemento popular en resposta á represión, ás redadas e ao asedio da policía estadounidense ás persoas trans, travestis, homosexuais e lesbianas marxinalizadas que frecuentaban o local Stonewall Inn, milleiros de persoas seguimos enchendo as rúas de todo o mundo esixindo igualdade de oportunidades e dereitos para todas as persoas, con independencia do seu xénero, orientación sexual, identidade ou expresión de xénero e características sexuais.

Se o pasado 17 de maio desde a CIG reivindicamos  a igualdade de dereitos e respecto para as persoas homosexuais, bisexuais, trans, intersex, asexuais, cuir, de xénero fluído etc., denunciabamos as discriminacións, o acoso e outras situacións de violencia por parte daquelas persoas que declaran ser parte do colectivo, parecelo ou simplemente apoialo e defendelo, e lembrabamos que aínda hoxe en día, algúns países a diversidade afectivo/sexual segue a estar penada con prisión (mesmo con pena de morte); hoxe, ante unha nova celebración do 28 de xuño, instamos a visibilizar as vivencias diversas  e a esixir o dereito a vivir en liberdade e con dignidade para todas as persoas.

Compromiso activo da CIG

Conscientes de que a diversidade sexual e de xénero debe ser contemplada como tal na esfera social, lexislativa, educativa e laboral, desde a CIG amosamos, unha vez máis, o noso compromiso activo e a nosa firmeza no combate contra  o heteropatriarcado e a LGBTI+ fobia.

Desde o noso Departamento de Igualdade prestamos un servizo de información e atención integral en materia de dereitos LGBTI+ a todas as persoas que o precisen, a través do cal impartimos tamén formación e asesoramento á representación sindical, instamos a incluír na negociación colectiva cláusulas relativas á diversidade, esixir a negociación e aplicación de protocolos de prevención e actuación ante o acoso que contemplen tamén o acoso lgtbifóbico, así como a empregar unha linguaxe inclusiva (alén do binarismo), ou a presentar denuncias de delitos de odio e violencia no traballo relacionadas coa diversidade afectivo sexual ou a pertenza ao colectivo.

Entre os materiais que elaboramos están a Guía de uso dunha linguaxe inclusiva e respectuosa coa diversidadecoa intención de que todas as persoas se vexan reflectidas na nosa lingua sen estigmas, procurando garantir o seu emprego de xeito igualitario, aludindo a outro tipo de identidades de xénero alén do binarismo e erradicar termos discriminatorios; o Protocolo para a prevención e actuación fronte ao acoso laboral, sexual, por razón de sexo e de xénero, orientación sexual, identidade de xénero, expresión de xénero e características sexuais; así como o Protocolo de acompañamento a persoas trans, as Cláusulas de diversidade para incluír na negociación colectiva e os Plans de igualdade LGBTI+.

Medidas declarativas en troques de cambios reais

Neste 28 de xuño temos que denunciar o desinterese do Goberno galego en modificar a Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galiza, adaptando o contido as novas normas e definicións, dotándoa de recursos eficientes e de medidas sancionadoras.

Pola súa banda, o Goberno do Estado español e as organizacións partícipes do diálogo social continúan avalando a fraude que representa o Real Decreto 1026/2024 que desenvolve a lei 4/2023, de 28 de febreiro, para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI. Varios anos despois da súa posta en marcha, todo o avance previsto na aplicación da lei no ámbito laboral reduciuse a medidas simplemente declarativas nos convenios e non, como se agardaba, na negociación de medidas de cambio real, con propostas deseñadas conforme a realidade concreta de cada empresa tras realizar unha análise previa da situación nestas, como estaba previsto inicialmente.

Combater a LGBTI+fobia

Somos conscientes das agresións e discriminacións que sofren as persoas traballadoras que non se identifiquen cunha sociedade cisheteropatriarcal. Desde a CIG esiximos que se censure, se persiga e se castigue a LGBTI+fobia, debemos erradicala con medidas educativas que conciencien da existencia dunha natureza e dunha sociedade diversa, non binaria, e que as institucións non só se lembren da causa unha vez ao ano, senón que contribúan día a día  a construír novas narrativas.

En palabras da secretaria Confederal de Igualdade, Margarida Corral, “a única “conduta inmoral que pode xerar desorde público é permitir a existencia de comportamentos homofóbicos e transfóbicos”. Insiste en que é preciso posicionarse publicamente coa causa e conquistar espazos, “porque por desgraza aínda hoxe temos que escoitar discursos de odio por parte de líderes políticos, relixiosos e doutras persoas con influencia social ou mediática”. Por iso hai que responsabilizar a todas as persoas que cometen este tipo de violencia contra a liberdade de ser e existir. 

Loita interseccional

Como sindicato de clase, comprometémonos coa loita interseccional, conscientes de que a relación entre a orientación sexual, a identidade de xénero e a loita de clases baséase nunha premisa fundamental: a opresión das persoas traballadoras e que esta se combate de xeito conxunto.  A loita de clases garante o respecto aos dereitos fundamentais, e iso inclúe un contorno laboral libre de discriminación, a defensa das persoas trans no emprego e o dereito a vivir a propia identidade sen perder o sustento económico.

A discriminación baséase moitas veces en manter divisións que benefician a un sistema de desigualdade social, polo que facer da diversidade un tema central na loita sindical e obreira fortalece a toda a sociedade.

Non podemos esquecermos o que querían aquelas persoas que iniciaron o movemento: o dereito a existencia antes de calquera outra cousa. Porque a partir do dereito de existir orixínanse todos os outros dereitos: ter acceso a emprego, saúde, educación, lecer, amar,  ter crianzas, casar, etc. Porque non se pode conseguir dereitos sen antes ser recoñecidas como persoas.

Participa nas mobilizacións do 28X

A CIG chama a participar nas mobilizacións convocadas por diversos colectivos en Galiza,  con motivo da conmemoración do 28 de xuño, Día Internacional do orgullo LGTBI+:

  • A Coruña, domingo 28 de xuño, ás 19:30h, Praza de Ourense
  • Ferrol, sábado 27 de xuño, ás 12h, Praza Amada García
  • Compostela, domingo 28 de xuño, ás 12h, Praza 8 de marzo
  • Lugo, domingo 28 de xuño, ás 20h, Praza Horta do Seminario
  • Ourense, domingo 28 de xuño, ás 19h, Praza de Bispo Cesáreo
  • Pontevedra, sábado 27 de xuño, ás 20h, Parque das Palmeiras
  • Vigo, sábado 27 de xuño, ás 20h, Praza Fernando Católico