28-S: seguimos loitando polo dereito a un aborto legal, seguro e gratuíto

A Marcha Mundial das Mulleres denuncia a imposibilidade de realizar un aborto terapéutico na rede sanitaria pública galega
Nacional - 28 Set 2017

Con motivo da conmemoración este 28 de setembro, do Día de  Acción Global por un aborto legal, seguro e gratuíto, a Marcha Mundial das Mulleres (da que forma parte a CIG) e outros colectivos feministas realizaron diferentes accións na Coruña, Vigo, Ferrol e Compostela para reivindicar o dereito ao aborto libre, seguro e gratuíto como un dereito fundamental das mulleres e aínda pendente de construción

Nas mobilizacións denunciouse a ineficacia do sistema, "incapaz de garantir  que as mulleres poidan interromper o seu embarazo na sanidade pública galega, de balde, acompañadas se así o desexan polas súas amizades máis próximas ou pola súa familia".

A este respecto, a secretaría de muller da CIG, Margarida Corral, lembrou a tentativa do Partido Popular para recortar a insuficiente lexislación sobre interrupción voluntaria do embarazo que só se puido frear grazas ás mobilizacións e presións do movemento feminista. Aínda así, a lei aprobada polo PP supuxo introducir a obriga de contar co consentimento das/os proxenitoras/es para as menores de 18 anos, mais pola contra non contén nin unha soa medida dirixida a protexer as mulleres.

"Nin sequera nos supostos recollidos na lexislación actual se garante un aborto seguro e gratuíto"

Corral engade que nin sequera nos supostos recollidos na lexislación actual se garante un aborto seguro e gratuíto, expondo o caso das mulleres que cada ano vén vulnerados os seus dereitos reprodutivos ao precisar interromper o seu embarazo no segundo trimestre por causas euxenésicas. "Se hai dous anos denunciabamos que se desposuía a estas mulleres do seu dereito a ter a mesma atención que nun parto, sen posibilidade de anestesia epidural, e sen garantir que foran atendidas durante todo o proceso por persoal especializado, ou que tiveran o expulsivo asistido nun paritorio e non no cuarto de ingreso, agora sucede que todas as mulleres son derivadas de urxencia a unha clínica madrileña coa que o SERGAS ten concerto".

Acción da MMM en Ferrol.

Isto supón unha nova vulneración de dereitos, xa que non se ten en conta a situación económica, laboral e familiar das mulleres, as cales van ter que facer fronte aos gastos da viaxe e da estadía, tendo que desprazarse en poucas horas a máis de cincocentos quilómetros de distancia para realizar unha IVE que deberan poder facer en Galiza, xa que entra dentro dos supostos legais.

Fronte a isto, reivindicou "a necesidade e urxencia de garantir o noso dereito a tomar decisións autónomas e informadas e a acceder aos medios e métodos que aseguren a nosa saúde sexual e reprodutiva na nosa área sanitaria. Somos nós ás que nos compete elixir a nosa orientación e actividade sexual, sobre o número de fillas e fillos a ter e o seu intervalo. E temos dereito a non sufrir violencia ni tratos inhumanos ou degradantes no ámbito sexual e reprodutivo".

"As mulleres seguiremos loitando mentres non sexamos quen de acadar o dereito a decidir sobre os nosos corpos"

Por iso, neste 28 de setembro, a secretaria confederal de muller da CIG volveu demandar da Xunta de Galiza que poña en marcha as medidas que sexan precisas para garantir que en toda a rede pública sanitaria galega realicen interrupcións voluntarias do embarazo; que se humanice e dote de medios e garanta un parto respectado na sanidade pública, así como o acceso ás técnicas de reprodución asistida ás que desexen ser nais (con independencia de se teñen parella ou da súa orientación sexual) na rede pública de saúde.

De igual xeito, a CIG pide que a información que reciban as mulleres previa á manifestación do seu consentimento non proveña de entidade antiabortistas, senón dos propios servizos de saúde; que se remate coa obxección de conciencia na sanidade pública; e se reforce o papel dos Centros de Orientación Familiar xunto co desenvolvemento do Programa de Saúde da Muller en Galiza.

A central sindical defende tamén que a educación sexual e reprodutiva, que teña en conta a diversidade afectivo/sexual, debe  formar parte do currículo académico desde o ensino medio e a necesidade de realizar periodicamente campañas formativas e informativas sobre métodos anticonceptivos nos centros de ensino superior e universitario. E que restitúa o dereito das mozas a elixir se queren interromper o seu embarazo, xa que só a elas lles compete esta decisión.

"As mulleres seguiremos loitando mentres non sexamos quen de acadar o dereito a decidir sobre os nosos corpos. Esiximos a quen ten a responsabilidade de garantir os dereitos á cidadanía, tanto os civís, como os culturais, os sexuais e os reprodutivos, que o faga, non que os restrinxa", aseverou Corral.

Dous anos despois, sen respostas da Xerencia

Hai dous anos, mulleres da Plataforma en Defensa do Aborto da Coruña (agora integradas na Marcha Mundial das Mulleres) denunciaban diante da Xerencia da área sanitaria da Coruña como se estaban a incumprir os protocolos internacionais sobre a atención ás mulleres que teñen un aborto no 2º trimestre da xestación, instando as autoridades responsábeis a que tomasen as medidas oportunas para garantir unha atención integral e de calidade.

A pesares das mobilizacións realizadas e dos numerosos testemuños de mulleres relatando os seus casos, "a administración non fixo nada para dar remate a esta situación".  Mais ben á contra, "en pleno 2017, as mulleres da nosa área sanitaria que decidan interromper o seu embarazo por causas euxenésicas (por malformación fetal ou perigo para a vida da muller) terán que facelo en Madrid, porque na Coruña xa non se realizan este tipo de intervencións".

Así o explicaban diante do Hospital de Doentes do CHUAC, a onde representantes da coordinadora local da Marcha Mundial das Mulleres acudiron esta mañá para rexistrar unha solicitude de reunión co novo xerente, "agardando que desta volta si teñamos unha resposta". Nesa xuntanza, o colectivo quere transmitir ao novo xerente a preocupación en relación á situación que seguen a atravesar as mulleres da comarca tanto pola falta de persoal nos centros de orientación familiar como pola imposibilidade de realizar interrupcións do embarazo na rede pública de saúde galega.

Un escrito semellante rexistrou esta mañá tamén a Marcha Mundial das Mulleres na xerencia da área sanitaria de Ferrol.