Camiño do Día da Patria Galega, chamamos a clase traballadora galega a participar en todas as mobilizacións convocadas ao logo deste mes, pero de forma especial as previstas en Compostela para o sábado 25 de Xullo.
Desde a CIG, no que levamos de ano, promovemos numerosas folgas e mobilizacións nas que a clase traballadora galega estamos protagonizando loitas importantes na defensa dos nosos dereitos; como clase traballadora, pero tamén, como nación, como pobo que queremos decidir sobre os nosos recursos, o noso desenvolvemento, as nosas condicións laborais e salariais. Loitas pola igualdade real, por ter máis dereitos socias, por revitalizar o noso idioma, porque o galego é lingua vital.
Galiza é unha nación cunha realidade económica, produtiva e social propia, polo que debemos contar cun ámbito galego propio de negociación colectiva, de regulación das condicións de traballo e de protagonismo da clase traballadora nas decisións que afectan ao noso futuro
Todas estas reivindicacións están postas en relación ao marco económico, político e social no que damos a loita na que estamos en cada momento, sexa por convenios colectivos xustos, por ter postos de traballo con salarios dignos, por ter mellores servizos públicos ou polo dereito a ter unha vivenda digna xa.
Temos que ter presente en todo momento que as nosas loitas non son só a reivindicación de melloras económicas, laborais e salariais. O noso obxectivo é resolver no inmediato reivindicacións, pero enmarcado nun proceso de acumulación de forzas, de facer poder sindical para tamén construír poder popular. Á hora de discutir o rumbo da sociedade é decisivo acumular forza social para confrontar contra un sistema que impón unha relación de dependencia económica e política de Galiza consagrada na Constitución española e no Estatuto de Autonomía.
Galiza é unha nación cunha realidade económica, produtiva e social propia, polo que debemos contar cun ámbito galego propio de negociación colectiva, de regulación das condicións de traballo e de protagonismo da clase traballadora nas decisións que afectan ao noso futuro.
Por ese motivo, as nosas reivindicacións laborais, para conquistalas, vanse transformando en reivindicación nacional, porque a defensa do traballo é tamén a defensa da capacidade de decisión de Galiza e de ter un Marco Galego de Relacións Laborais.
No último Congreso reafirmamos, e actualizamos, que a CIG somos un sindicato comprometido na transformación social de Galiza que aposta por facer fronte común con todas as loitas e con todo o tecido social disposto a reunir forzas e reivindicacións. Tecer alianzas nunha axenda galega ante a realidade que temos en Galiza para avanzar en dereitos, igualdade, xustiza e benestar social.
O sindicalismo nacionalista, a CIG, somos a expresión da autoorganización da clase obreira galega en chave nacional, que responde a unha necesidade material e que ten a ver cos nosos dereitos e condicións de vida. Se as principais decisións económicas, industriais, enerxéticas, laborais, salariais ou de investimento se adoptan fóra do país, a capacidade efectiva da clase traballadora galega para defender os seus intereses vese necesariamente limitada.
Estamos metidos de cheo nunhas loitas que se dan nun contexto marcado pola deslocalización produtiva, pola concentración das decisións económicas en centros de poder alleos á realidade galega e pola crecente perda de capacidade de decisión, pero a reivindicación da soberanía non perde actualidade: gaña relevancia como ferramenta para defender o emprego, a industria, os servizos públicos e unhas condicións de vida dignas para a maioría social do país.
A precariedade laboral e o retroceso social imposto polas permanentes políticas neoliberais aprobadas polos gobernos de quenda, ten como aliado o diálogo social, que o sindicalismo español defende con entusiasmo e devoción, mentres branquean medidas que só benefician o capital.
Levan adiante toda unha liña antidemocrática de actuación no que esta alianza, española e do capital, está entregada en manter este sistema, en reforzar a negación da realidade plurinacional do Estado, garantir a unidade do mercado español, recentralizar as relacións laborais e impoñer novos convenios colectivos estatais que desmantelan os convenios colectivos galegos e provinciais.
Un modelo económico e social ao servizo do país
Polo tanto, é preciso conquistar os instrumentos de poder necesarios para que a maioría social de Galiza poidamos decidir soberanamente o noso futuro e construír un modelo económico e social ao servizo do país.
Temos presente que as reivindicacións feitas para Galiza de ter plena capacidade de decidir libremente para avanzar socialmente e gañar dereitos son tamén unha expresión de solidariedade internacionalista que chama por unhas novas relacións internacionais sen explotación, sen guerras nin dependencias, fundamentadas no dereito de autodeterminación, no respecto á soberanía económica e política dos pobos e nacións. Urxe un mundo construído desde a xustiza, a cooperación, a igualdade e a paz.
Vivimos tempos de compromiso, mobilización e folga para gañar as loitas que temos por diante, para irmos construíndo poder popular co que avanzar neste proceso, porque está en xogo que poidamos vivir e traballar dignamente na nosa Terra todas as persoas galegas de nacemento ou de orixe migrante que veñen ao noso país facer a súa vida; porque todas e todos debemos estar xuntos nas loitas para ter máis dereitos, para ter os mesmos dereitos.