Multan con 200 euros a un membro da Executiva Confederal da CIG por poñer unha pota no chan

O sindicalista tivo que sacar a ola de cociña do maleteiro do coche durante un rexistro policial

Santiago -

200 euros por pousar unha pota de cociñar na beirarrúa. Aínda que pareza unha broma, esa é a multa que lle veñen de impor a Renato Núñez, membro da Executiva Confederal da CIG. O máis surrealista do sanción é que o sindicalista tivo que sacar a ola do maleteiro do seu vehículo durante un rexistro policial.

Este feito foi a escusa que atopou a pola Policía Nacional para denuncialo diante do Concello de Santiago, que a pasada semana lle notificaba unha sanción económica de 200 euros por "arroxar á vía unha pota de cociñar de considerábeis dimensións". Unha pota que Núñez tivo que sacar do seu coche durante unha actuación policial na que foi vítima dun trato abusivo e na que se veu retido de maneira inxustificada mentres lle rexistraban o seu vehículo.

Este feitos, hai que lembrar, tiveron lugar nas inmediacións do Hospital Clínico de Santiago, onde o sindicalista acudira a encontrarse cunha membro da Executiva Comarcal da CIG e delegada da CIG-Saúde. Ao final do encontro, achegouse ao seu vehículo e para a súa sorpresa, unha patrulla da policía nacional que pasaba naquel momento pola zona detívose de súpeto e dirixiuse a el para comunicarlle que o ían propor para sanción de tráfico.

A pesar de carecer de competencias nesta materia, os axentes insistiron en comprobar a ITV e o seguro do coche, mantendo en todo momento unha actitude soberbia e de prepotencia. Resulta rechamante que a única persoa á que se dirixiran fora ao representante da CIG cando nos arredores do hospital había ducias de vehículos en dobre fila e mesmo estacionados enriba das beirarrúas.

Dado que o sindicalista evidenciou a situación de acoso que se estaba a producir e así llo trasladou aos axentes, un deles contestou: “deja de montar numeritos...que te conozco bien!!!”. Ante esa resposta, o sindicalista informou aos axentes que ía gravar a conversa co seu móbil. Os policías responderon entón con agresividade, tirándolle o teléfono, retorcéndolle o brazo e tirándoo no chan. Ademais, retivérono á beira do seu coche de maneira inxustificada por un amplo espazo de tempo no que rexistraron o vehículo (momento este no que tivo que sacar a pota de cociña fóra do maleteiro) e dedicáronse a ler documentación interna da CIG que se encontraba no mesmo.

A CIG entende que o abuso sufrido por este compañeiro non é casual, senón que se trata dunha persecución contra a súa persoa e o sindicato que representa.

Volver