155: Un cero á esquerda

Alberto Arregui -

O que fixo o pobo de Catalunya o 1 de outubro é unha heroicidade, un exemplo, algo digno de gabanza, unha lección de dignidade, e a reacción dos líderes da esquerda española descualificando ese referendo conquistado con sangue e bágoas unha indignidade

Catalunya vive unha revolución democrática, entre o abraio e a incomprensión da esquerda española. Nin sequera na Transición se produciu un movemento social destas características; nada do vivido é comparábel polo seu grao de participación popular, extensión xeográfica e temporal e por axuntar rúa e institucións. É un fenómeno propio dunha nacionalidade oprimida que loita polos seus dereitos democráticos e, con ollada equidistante, desde “España” non se pode entender, como non se entende que en Euscadi a clase obreira se organice maioritariamente en sindicatos nacionalistas, ou que a dereita española sexa sempre minoritaria nas urnas, por exemplo.

 Mais en realidade, o fondo do sentimento catalán, é doado de comprender: despois de 40 anos de ditadura e outros 40 de centralismo “democrático”, xa non poden agardar nada do Reino de España nin no democrático nin no social e fixáronse como obxectivo de emancipación conquistar a república catalá, e podemos estar ou non de acordo, pero gañaron o dereito a decidir o seu futuro. O Estado español, herdeiro do franquismo, está descargando toda a artillaría antidemocrática contra o pobo catalán en nome da Constitución.

 O PP decidiu esmagar a rebelión do pobo catalán. Para iso necesitaba a tripla alianza, o de Cs como reedición da Falanxe xa estaba asegurado, mais necesitaba tamén, era imprescindíbel, a submisión do PSOE. Un partido cuns dirixentes que fixeron da traizón cíclica aos seus votantes e parte da súa militancia a súa misión histórica; na transición coa dirección do PCE, mais despois co pacto secreto tras o golpe de estado de febreiro do 81, ou con ZP aceptando as ordes da troika. Agora, que aparentaban recompoñer o partido, responderon sen chistar á chamada dos seus amos, en lugar de coller o leme desaloxando o goberno do PP.

 Nesas condicións a burguesía española, con esas tres carabelas e embarcando tamén a monarquía, decidiu reconquistar o chan patrio a calquera prezo. Fixeron contas e saen gañando cunha aposta: esmagar Catalunya e gañar apoio para unha deriva reaccionaria no resto do Reino de España. É un envite duro, con toda a carne no asador, e algo así só se fai cando se considera que está en perigo o sistema e, unha vez feito, non van a parar en detalles, recortarán a carne da democracia ata os mesmos ósos.

 A norma constitucional que hoxe se aplica non é nova, estaba aí desde 1978. A composición do Senado, que dá maioría absoluta á dereita, tampouco é nova, aceptáronse as súas normas até antes da Constitución, nas eleccións organizadas pola ditadura en 1977. Os parlamentarios do PSOE de Felipe González e Alfonso Guerra votaron a favor de todas estas normas, os parlamentarios do PCE de Santiago Carrillo e Dolores Ibarruri, tamén votaron a favor desta constitución, en ambos os casos por absoluta unanimidade.

 No referendo constitucional de decembro de 1978, eu estaba entre aquelas persoas de esquerdas que rexeitabamos a “carta magna”. E fixémolo por normas como o artigo 155, a concepción do Senado no seu conxunto como cámara para frear a transformación social, a negación do dereito de autodeterminación, o borrado da memoria histórica, o mantemento da monarquía restaurada polo ditador Franco, a trama económica corrupta dun sistema construído sobre a represión e o crime, en definitiva polo mantemento intacto do aparello do Estado dunha ditadura atroz.

 Mais podemos ir máis lonxe, o tipo delituoso de sedición do Código Penal de 1995 que hoxe se aplica para empezar a botar aos cárceres presos políticos, está incluído no que foi chamado o “Código Penal da democracia”, xunto a outros tipos penais reaccionarios, e recibiu o voto favorábel, non só do PSOE, senón tamén do grupo parlamentario de Izquierda Unida, con Julio Anguita á fronte. Nesa época, desde a esquerda marxista, intentamos que IU non cometese ese erro, pero sempre foi unha organización demasiado vertical, de centralismo burocrático (ségueo a ser hoxe) como para que as propostas das bases cambien os plans dos órganos dirixentes.

 Ao xurdir o conflito entre a reclamación de dereitos democráticos por parte de Catalunya fronte ao Estado, existía unha posibilidade de redención histórica da esquerda española. Se usamos este cualificativo político nun sentido moi xeneroso (só admisíbel por razóns históricas) incluímos tamén o PSOE, ademais do PCE (que domina todos os órganos de dirección de IU e os seus cargos institucionais), e a Podemos.

 No último período o PSOE sufrira unha crise esperanzadora, que o levou a rexeitar o achegamento ao PP e, aínda que agora pareza mentira, Pedro Sánchez foi posto para cumprir os desexos das bases socialistas de acabar co goberno do PP, abrindo o camiño a un entendemento da esquerda.

 É evidente a mudanza de ciclo político que se produciu desde a ilusión á frustración tras a incapacidade de manter o eixe de acción nas mobilizacións e non saber poñerse de acordo a tempo, tanto nas candidaturas electorais, como nas alianzas de goberno, o que permitiu que o PP volvese á Moncloa. A resaca adoita ser proporcional á bebedeira, segundo din.

 A vitoria de Pedro Sánchez non anunciaba un futuro, era o último reflexo dun impulso do pasado. É todo un síntoma da gravidade que para o réxime do 78 e o propio Estado burgués español representa este conflito, pois o partido socialista se inmola na pira da defensa da orde burguesa, do mesmo xeito que fixo na transición (xunto ao PCE). Iso reforza o poder e deixou co paso cambiado os dirixentes de Unidos Podemos que basean todas as súas perspectivas en soñar cun goberno de coalición co PSOE, algo imposíbel, agás que renunciasen non a unha parte, senón a case todos os seus principios programáticos. Só cabe a opción teórica dunha ruptura do PSOE, pois unha parte decisiva dese partido é irrecuperábel para unha alternativa de esquerdas. Xa non é só o “susanismo”, é tamén o sector de Pedro Sánchez, que endexamais aceptará un goberno que inclúa no seu programa o dereito de autodeterminación, e sen iso non pode haber goberno de esquerda.

 O PCE e IU, levaban un tempo, desde a chegada de Garzón (unha crise noutras coordenadas mais cunha semellanza histórica coa do PSOE), falando de “revolución democrática”, “recuperar as rúas”, “organizar o conflito” (sen se decatar do cambio de ciclo político primeiro, e sen se adaptar a ese cambio despois), mais ante os primeiros sons de ‘Els Segadors’ e o anuncio dun referendo para proclamar a República catalá, convertéronse no que PIT autodenominaría “un partido de orde”, chamando a respectar a legalidade en xeral, a orde constitucional en particular e agochar, máis unha vez, a loita de clases e as revolucións, para as substituír polo pacto social (“dialogo, consenso, pacto, acordo”) co goberno do PP.

 Podemos non ten un pecado orixinal que lavar, como partido non estaba na Transición, aínda que a meirande parte dos seus cadros proveñen do PCE e beben nas mesmas fontes eurocomunistas e posmarxistas. Mais ao non ter o lastre dun aparello dun partido esclerotizado, podía ter unha gran marxe de manobra que estragou ao sucumbir a ese aire centralista tan madrileño, de pensar que é na capital do reino onde se debe decidir o que se faga en Catalunya.

 A esquerda foi incapaz, até o de agora, de ocupar os dous terreos que lle correspondían, nos que adquirise un papel determinante, en Catalunya e no Reino de España. Ao deixar ese baleiro, refórzase un proceso tan natural en política como na natureza, o baleiro é ocupado por outra forza, na nación oprimida polo nacionalismo democrático, na nación opresora polo nacionalismo reaccionario. A maior responsabilidade do reforzamento de ambos os nacionalismos é, por esa orde, dos dirixentes políticos agrupados arredor de Sánchez, Iglesias e Garzón. Agora mesmo, en lugar de protagonizar a loita e estar dispostos a encabezala se o goberno da Generalitat claudica, a esquerda, neste algarismo político, está a ser un cero á esquerda.

 Desde o punto de vista programático, e teórico, requírese moito espazo para contestar a todas as vaguidades, lugares comúns e xeneralidades que dixeron, para xustificar a súa aversión á loita presente do pobo catalán, pero chama a atención a debilidade das súas construcións. Pretender xustificar con “obreirismo internacionalista” o rexeitamento ao dereito de autodeterminación é como rexeitar a loita polas melloras salariais no nome da consigna socialista de “de cada cal segundo as súas posibilidades e a cada cal segundo as súas necesidades”, é dicir, a oferta dunha abstracción impracticábel fronte a unha opción de realidade concreta. Dicir que hai burgueses nesta mobilización como argumento, sería como dicir que non defendemos o dereito ao divorcio, xa que o casamento e a institución familiar, ademais de ser patriarcal, reproduce as relacións de dominio da sociedade capitalista. O máximo da inmersión no nacionalismo español é dicir que o pobo catalán defende os seus dereitos democráticos porque é “máis rico”, cun argumento así deberiamos abandonar a loita por calquera mellora social ou política en calquera dos países chamados desenvolvidos. En definitiva, escusas de cátedra, en lugar de análise marxista e compromiso.

 Claro que a hipotética independencia non resolverá os problemas sociais do pobo mais, deixando á marxe a obviedade de que menos aínda os resolveu a dependencia, iso sábese perfectamente nas rúas cheas de vida que bolen de aspiracións transformadoras, non necesitan que desde Madrid se explique, sábeno. O que fai falta é poñerse ao choio, non dar leccións desde a barreira, senón darlle á loita o maior contido posíbel de clase, como fixeron os estibadores, os bombeiros, o ensino, e agora os traballadores do sector da comunicación e, en boa medida, mesmo os propios mossos d`esquadra.

 O que fixo o pobo de Catalunya o 1 de outubro é unha heroicidade, un exemplo, algo digno de gabanza, unha lección de dignidade, e a reacción dos líderes da esquerda española descualificando ese referendo conquistado con sangue e bágoas unha indignidade, que conduce a que desde Catalunya se poña un cero á esquerda.

 Se entendesen a idea da Revolución Permanente, que foi elaborada por Marx e Engels e defendida, entre outros, por Rosa Luxemburg, Lenin e Trotsky, comprenderían que unha revolución por obxectivos democráticos, se medra, formula obxectivos de transformación social nunha concatenación lóxica, dialéctica, pois as liberdades perséguense para poder defender necesidades materiais, e esa é unha tarefa que só se pode completar adoptando unha perspectiva de clase traballadora, é dicir, un programa de transformación socialista da sociedade que inclúa o dereito de autodeterminación, mais que persiga o control público e democrático dos resortes económicos da sociedade.

 Aínda estamos a tempo de cambiar de rumbo, sexamos capaces de comprender que para sermos escoitados polo pobo catalán, temos que estar de xeito conxunto coa súa causa democrática, que para frear a burguesía española debemos loitar xuntos que, en definitiva, a súa loita é a nosa loita, a súa derrota será a nosa e, se vencen, será unha vitoria común.

 

[Artigo tirado do sitio web El Diario, do 31 de outubro de 2017]

Volver