Seguimento do 100% no segundo día de folga nas auxiliares de Navantia

Os traballadores/as das contratas poñen en valor que "esta é unha loita decidida polo persoal"

Ferrol -

A segunda xornada da folga nas auxiliares de Navantia segue e ser un éxito, rexistrando un seguimento absoluto e cun paro total na actividade dos estaleiros. Dende CIG-Industria poñen en valor o ánimo e a vontade amosada polos traballadores e traballadoras por manter o paro até lograr os seus obxectivos, a pesar das presións das subcontratas e a principal e do papel desmobilizador que están a xogar CCOO e UGT.

A este respecto, o secretario comarcal da CIG-Industria, Vicente Vidal, apuntaba que na xornada de onte, as empresas difundiron comunicados "nos que pouco menos vaticinaban o afundimento do naval e a comarca a causa do seguimento total que está a ter a folga". Unha reacción que non deixa de ser rechamante tendo en conta que a patronal de siderometal non emitiu comunicados públicos deste calibre, a pesar das sete xornadas de folga desenvolvidas no sector entre xuño e xullo. "É un claro intento de amedrentar o persoal e meterlles presión para que non secunden o paro", valorou Vidal.

Ademais, segundo se puido saber, a dirección de Navantia presentou denuncia na comisaría contra o bloqueo na actividade. Decisión que foi interpretada polo persoal "como un intento de atallar a loita pola vía da represión e a forza policial". Fronte a estas ameazas, o propio persoal das auxiliares respondía esta tarde en rolda de prensa destacando que esta é unha folga decidida polos traballadores/as en asembleas para reclamar o cumprimento dos acordos salariais.

"Por moito que anden dicindo por aí, isto non é unha cuestión de siglas. E con independencia dos medios que usen o próximo luns, pedímoslle aos traballadores/as dos estaleiros que se posicionen do lado que se teñen que posicionar. Espero que a xente de Navantia se lembre de cando nos pararon a nós e estean ao noso lado", afirmaba visibelmente emocionado Miguel Soto, do comité de Electrorayma, en relación á posibilidade da presenza policial nas portas das factorías para facilitar a entrada ás instalacións.

Aproveitaba tamén para facer un chamado á participación a aquelas persoas que non están en activo pero que agardan incorporarse nalgunhas das contratas, "porque o que estamos reclamando son unhas condicións de obrigado cumprimento para todas as empresas".

Dar estabilidade ao persoal

Electrorayma é unha das empresa que deixou de aplicar os acordos. Mais esta non é unha folga só do persoal das compañías incumpridoras, senón do conxunto dos operarios e operarias da industria auxiliar, de quen están en activo e daqueles que se poidan incorporar nos próximos meses. "Este é un sector moi volátil e hoxe podemos estar nunha contrata que cumpre, pero mañá igual nos toca buscar traballo nunha que non cumpre e tes que negociar de cero e individualmente as túas condicións salariais", criticou Soto.

Para evitar esta inestabilidade, equiparar condicións entre unhas auxiliares e outras e evitar a competencia desleal foi que se asinaron os acordos de 2001. E por iso, unha das reivindicacións da plataforma sindical para a negociación do convenio do metal da Coruña era incorporar estes acordos ao articulado do convenio e darlle así marco legal. Demanda na que finalmente CCOO e UGT cederon.

A este respecto, Ramón Alfonzo, desmentiu as afirmacións que  esta mesma mañá facían representantes das dúas centrais sindicais, aseverando que o preacordo do convenio recolle compromisos sobre incorporar os acordos. "Isto non é verdade", afirmou amosando copia do recollido no preacordo.

Temor a uns acordos rebaixados

Lembrou que a necesidade de convocar folga xurdiu a proposta dos traballadores/as no marco das asembleas que a CIG estaba a celebrar para explicar os motivos polos que non vai asinar o convenio provincial e co anuncio por parte de CCOO e UGT de que ían convocar a mesa do naval para negociar os acordos. "Pero esa mesa non recibe ningún tipo de convocatoria e ante o temor a que se reproducira un acordo como o de metal, sen dar explicacións ao persoal e rebaixado, saíu adiante a proposta da folga, aínda que fora en solitario pola CIG, e que foi apoiada masivamente nas asembleas", sinalou.

De feito, antes de rexistrar a convocatoria, a patronal chamaron á CIG a unha reunión na que amosaron disposición a falar de diversas cuestións, "pero na que xa nos dixeron que vir a pedir o cumprimento dos acordos ao 100% está de máis".

Abundando nesta cuestión, Vicente Vidal lamentaba a postura de CCOO e UGT neste conflito, desentendéndose da decisión dos traballadores/as de ir á folga e sentando onte mesmo a negociar nunha mesa coas empresas, "presuntamente para melloras as condicións laborais do persoal,  mais asegurando ao tempo que os acordos salariais son inasumíbeis".

Así as cousas, os traballadores e traballadoras das auxiliares continúan adiante coa folga até conseguir garantías de que todas as empresas aplicarán os acordos de 2001 e sen rebaixas económicas.

Volver