A representación sindical da CIG e de ELA en Iberdrola denuncia o despedimento dunha traballadora en Galiza o pasado 25 de Novembro, coincidindo co Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e reclama a súa readmisión. O caso súmase a unha serie de conflitos laborais relacionados coa perda de dereitos, o deterioro das condicións de traballo e a falta de diálogo coa empresa, polo que as centrais sindicais demandan unha resposta unitaria fronte á política laboral da compañía.
O despedimento produciuse nunha xornada dedicada a rexeitar expresamente todas as formas de violencia contra as mulleres, malia o que a compañía non tivo en conta o grave impacto persoal, profesional e familiar que esta decisión pode provocar.
Mentres a compañía obtén beneficios netos de 7000 millóns de euros ao ano, o persoal afronta unha situación de incerteza sobre os seus dereitos, as condicións laborais e a continuidade dos empregos
A dirección da Conca do Sil, con presenza directa no ámbito de traballo da compañeira afectada, non realizou até o momento ningún pronunciamento público sobre o sucedido, polo que as centrais sindicais demandan explicacións e unha aclaración sobre o coñecemento e a participación da dirección local nesta decisión. Este caso enmárcase nun contexto de crecente preocupación polo deterioro das relacións laborais en Iberdrola e pola acumulación de medidas que están a reducir dereitos e empeorar as condicións do persoal.
Entre as principais problemáticas que padece o persoal atópase a retirada da segunda tarifa eléctrica ao persoal xubilado, a perda de poder adquisitivo -que a representación sindical cifra nun 24 % respecto da evolución do IPC-, o peche e perda de empregos no Centro de Operación de Conca (COC) da Rúa de Valdeorras e a pretensión empresarial de aplicar o artigo 41 do Estatuto dos Traballadores/as para modificar substancialmente as condicións de traballo do persoal adscrito ás Centrais Hidroeléctricas de Bombeo. A estas cuestións súmanse as denuncias relativas ao incumprimento das disposicións do convenio colectivo e das normas que regulan os servizos de retén e as quendas de traballo.
A representación sindical considera especialmente contraditorio que estas decisións se produzan nunha compañía que obtén beneficios netos de 7000 millóns de euros ao ano, mentres o persoal afronta unha situación de incerteza sobre os seus dereitos, as condicións laborais e a continuidade dos postos de traballo.
Readmisión da compañeira
Ante esta situación, esixen a readmisión da compañeira despedida e a apertura dunha vía de diálogo que permita resolver o conflito. Así mesmo, fan un chamamento ao conxunto das organizacións sindicais estatais para impulsar unha resposta coordinada e unitaria, xa que a dimensión dos conflitos acumulados require deixar atrás as actuacións illadas e avanzar cara a mobilizacións conxuntas, sen descartar a posibilidade de convocar unha folga indefinida.
Finalmente, reclámanlle á dirección de Iberdrola que dea explicacións, asuma responsabilidades e rectifique unha decisión que afecta non só á traballadora e á súa familia, senón tamén á confianza e ás relacións entre a empresa e o conxunto do persoal.