Halago presenta un ERE extintivo que deixaría na rúa a todo o persoal tanto en Compostela como en Oímbra

Os traballadores/as iniciaron este mércores as mobilizacións, que continuarán nos próximos días

Compostela -

A empresa Halago Alimentaria (continuadora da planta de Panrico-Donuts no polígono do Tambre) fixo chegar onte ao comité de empresa a documentación coa que pretende xustificar un ERE extintivo que provocaría o despedimento do 100% do persoal tanto na planta de Compostela como na distribuidora de Oímbra (Ourense).

O persoal, que xa tiña acordado iniciar mobilizacións, concentrouse esta mañá diante da empresa, no polígono do Tambre e continuará con mobilizacións, ás 11:00 horas, hoxe xoves, día 5, diante da Xunta de Galiza, en San Caetano; o día 9 novamente no Tambre e o día 12, outra vez en San Caetano.

Segundo explicou no decurso da concentración o secretario comarcal da CIG de Compostela, Anxo Noceda, “dunha primeira lectura da documentación aportada pola empresa para xustificar o ERE extintivo dedúcese que a súa pretensión é pechar definitivamente os centros de traballo de Compostela e de Oímbra”.

Noceda asegura que ao igual que aconteceu coa documentación aportada para o ERTE que se impuxo aos traballadores o pasado ano, e que foi anulado xudicialmente, “a documentación está ateigada de xeneralidades, inconcrecións e nin sequera aporta datos que a lexislación establece como obrigatorios”.

Por iso agarda a que na primeira xuntanza do período de consultas, que terá lugar o vindeiro día 9 ás 11 da mañá, por parte dos representantes da empresa e/ou do administrador concursal se clarifiquen todos os datos referentes “a este despropósito”.

Hai máis dun ano a empresa Halago Alimentaria (continuadora da planta de Panrico no Polígono do Tambre) entrou nunha continuada e permanente diminución da súa produción e, polo tanto, da súa carga de traballo. Tras o ERTE, anulado xudicialmente, e o inicio hai dous meses dun proceso concursal que parece paralizado, os/as 30 traballadores/as que conforman o cadro de persoal de Halago-Compostela acaban de coñecer cal pretende a empresa que sexa o seu futuro.

Para as centrais sindicais con presenza no seu comité –CIG e CCOO- existen enormes dúbidas sobre os movementos económicos e financeiros desta empresa, tanto pola contabilidade entregada por Halago á representación sindical, como polo importante e escasamente xustificado volume de negocio desta mercantil coas súas empresas vinculadas no Norte de Portugal ou pola participación de socios desta Empresa noutras sociedades nas que sucesivamente se substitúen uns a outros.

A modo de exemplo sinalan que no mes de abril, e no marco das negociacións do ERTE, segundo as informacións da empresa, as perdas a 30 de novembro de 2015 eran duns 290.000 euros. Unha cifra que nas contas rexistradas de 2015 se eleva a case 1'3 millóns de euros. “Preténdesenos facer crer que nun só mes (decembro de 2015) as perdas incrementáronse nun millón de euros ou, dito doutro xeito, decembro xerou 3 veces mais perdas que o conxunto dos outros 11 meses”.

Chama tamén a atención que do total do volume de compras desta empresa preto do 50% (6'4 millóns de euros) anual fose realizado coas empresas vinculadas de Portugal (Milteica e Pastelnor cuxo accionariado está copado pola suma de Halago máis os socios de Halago).

Máis rechamante aínda resulta que esa porcentaxe do 50% se incrementase a preto do 80% (6'3 millóns) no ano 2015, ao case non sufrir merma respecto a anos anteriores. Ano este no que porén, e no seu conxunto, a partida de compras viuse reducida en preto dun 40%, ascendendo a pouco máis de 8 millóns de euros. Do mesmo xeito, chama a atención das organizacións sindicais que haxa diferentes empresas nas que se producen sucesivas altas e baixas de administradores con relacións familiares directas.

Demandan que se investiguen os movementos económicos

Dado que tanto os movementos económicos como a actuación empresarial, cando menos, ofrecen dúbidas que merecen e deben de ser clarificadas, e dado que nestes momentos a Empresa esta inmersa nun Proceso de Concurso de Acredores, CIG e CCOO demandan da Administración de Xustiza que, se non o fixo xa, indague os diferentes movementos económicos -así como a súa legalidade- que se puideran estar a producir entre estas Empresas, ou outras que poidan aparecer a raíz deste proceso concursal.

Así mesmo chaman a atención da Consellaría de  Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galiza, diante da que se concentrarán este xoves día 5 e o vindeiro día 12 de xaneiro, a fin de que desde as súas capacidades legais vele por que se clarifique unha situación que tamén podería ocasionar perdas a diferentes administracións. Máxime tendo en conta que da clarificación desta situación vai depender tanto a continuidade dun proxecto empresarial (que baixo os seu diferentes nomes) forma parte da historia industrial da cidade de Compostela como, no seu defecto, a contía económica que os/as traballadores/as vaian percibir.

Volver