Halago Alimentaria: despropósito e improvisación empresarial ou novo Marsans

O persoal iniciará protestas en xaneiro, porque desde finais de outubro nin hai actividade produtiva nin proxecto alternativo

Compostela -

Hai máis dun ano a empresa Halago Alimentaria (continuadora da planta de Panrico no Polígono do Tambre) entrou nunha continuada e permanente diminución da súa produción e, polo tanto, da súa carga de traballo. Tras un ERTE, anulado xudicialmente, e o inicio hai dous meses dun proceso concursal que parece paralizado, os/as 30 traballadores/as que conforman o cadro de persoal de Halago seguen sen saber que vai a ser do seu futuro.

CIG e CCOO explican que o persoal non sabe se lles agarda o despedimento da totalidade da plantilla ou, pola contra, se se vai plantexar algún plan que viabilice total ou parcialmente este proxecto empresarial; cal, no caso dos despedimentos, vai ser a contía das súas indemnizacións; se estas van ser, como mínimo, as que percibiron os seus ex-compañeiros/as de Panrico ou, pola contra, se se van ver abocados a percibir as súas indemnizacións e salarios adebedados do FOGASA.

Para as centrais sindicais con presenza no seu comité –CIG e CCOO- existen enormes dúbidas sobre os movementos económicos e financeiros desta empresa, tanto pola contabilidade entregada por Halago á representación sindical, como polo importante e escasamente xustificado volume de negocio desta mercantil coas súas empresas vinculadas no Norte de Portugal ou pola participación de socios desta Empresa noutras sociedades nas que sucesivamente se substitúen uns a outros.

A modo de exemplo sinalan que no mes de abril, e no marco das negociacións do ERTE, segundo as informacións da empresa, as perdas a 30 de novembro de 2015 eran duns 290.000 euros. Unha cifra que nas contas rexistradas de 2015 se eleva a case 1'3 millóns de euros. “Preténdesenos facer crer que nun só mes (decembro de 2015) as perdas incrementáronse nun millón de euros ou, dito doutro xeito, decembro xerou 3 veces mais perdas que o conxunto dos outros 11 meses”.

Chama tamén a atención que do total do volume de compras desta empresa preto do 50% (6'4 millóns de euros) anual fose realizado coas empresas vinculadas de Portugal (Milteica e Pastelnor cuxo accionariado está copado pola suma de Halago máis os socios de Halago).

Máis rechamante aínda resulta que esa porcentaxe do 50% se incrementase a preto do 80% (6'3 millóns) no ano 2015, ao case non sufrir merma respecto a anos anteriores. Ano este no que porén, e no seu conxunto, a partida de compras viuse reducida en preto dun 40%, ascendendo a pouco máis de 8 millóns de euros. Do mesmo xeito, chama a atención das organizacións sindicais que haxa diferentes empresas nas que se producen sucesivas altas e baixas de administradores con relacións familiares directas.

Demandan que se investiguen os movementos económicos

Dado que tanto os movementos económicos como a actuación empresarial, cando menos, ofrecen dúbidas que merecen e deben de ser clarificadas, e dado que nestes momentos a Empresa esta inmersa nun Proceso de Concurso de Acredores, CIG e CCOO demandan da Administración de Xustiza que, se non o fixo xa, indague os diferentes movementos económicos -así como a súa legalidade- que se puideran estar a producir entre estas Empresas, ou outras que poidan aparecer a raíz deste proceso concursal.

Así mesmo chaman a atención da Consellaría de Traballo da Xunta de Galiza a fin de que desde as súas capacidades legais vele por que se clarifique unha situación que tamén podería ocasionar perdas a diferentes administracións. Máxime tendo en conta que da clarificación desta situación vai depender tanto a continuidade dun proxecto empresarial (que baixo os seu diferentes nomes) forma parte da historia industrial da nosa cidade como, no seu defecto, a contía económica que os/as traballadores/as vaian percibir.

Anuncian mobilizacións para xaneiro

En demanda da clarificación desta situación e dunha solución digna para os/as traballadores/as de Halago é polo que estes acordaron iniciar unha campaña de mobilizacións que comezarán con concentracións os días 4 e 5 de xaneiro as 11:00 horas. O primeiro dos días diante da sede da empresa no Polígono do Tambre e o segundo, diante da Xunta de Galicia.

Volver