Guerra civil en Venezuela?

Ana Esther Ceceña - 06 Xul 2017

A Venezuela, que é un elo principalísimo do corredor enerxético mundial, estáselle facendo unha guerra; mais en Venezuela non hai guerra. Venezuela é un escenario de loita entre a construción da paz e a guerra

As guerras do século XXI teñen a particularidade de se semellaren ás mobilizacións por dereitos cidadáns. A longa experiencia do Pentágono en intervencións e políticas de disciplinamento en todos os continentes e en todo tipo de situacións, levou a concibir as guerras de xeitos moi distintos ás empregadas, con maior ou menor éxito, en épocas pasadas (tan próximas como as do último século XX). As catástrofes climáticas ou humanitarias son hoxe un dos denominados riscos ou ameazas á seguridade que permiten a mobilización de tropas e a súa intervención en territorios extranacionais, tal como ocorreu en Haití co terremoto de 2010 e onde o Comando Sur de Estados Unidos que ocupara a praza, cando decidiu retirarse, deixou instalada a Misión de Nacións Unidas (MINUSTAH). A intervención humanitaria produciu unha ocupación militar que logo de sete anos deixa un lamentábel saldo de violacións de dereitos humanos e conculcación do dereito á autodeterminación do pobo haitiano.

 Mais se cadra o máis novo das intervencións deste século é o seu carácter reptante. Avanzan a rentes do chan de xeito silencioso, coándose entre a xente, comendo os tecidos comunitarios e sementando medo, confusión e incerteza. O estourido vén despois. Primeiro lamínanse as bases dos vínculos sociais, os que fan a “ xente” ser “pobo” cun sentido de suxeito explícito, así como as bases do entendemento colectivo ou sentido común, a través dun coidadoso traballo de socavamento simbólico, bombardeado desde os medios masivos de transmisión de datos e imaxes.

 Isto vén pasando desde hai tempo e xa non soa novo, malia que propiamente é un modo de facer a guerra que só se sistematizou no século XXI, combinado coa estratexia de espectro completo (abranguer todas as dimensións da organización social e da xeografía) e coa idea de aplicar todos os mecanismos simultaneamente e sen repouso.

 Esta modalidade de dominar, ou de facer a guerra, ten como inspiración o estudo do comportamento dos sistemas complexos, que se constituíron de xeito natural, e máis particularmente o das abellas. A asimilación do comportamento das abellas deriva nunha estratexia de ataque ao modo dun enxame: todos ao mesmo tempo pero de diferentes xeitos e desde direccións distintas. Gran parte da forza do ataque provén da confusión que se xera pois o atacado non identifica tan doadamente de onde vén a ofensiva, e tampouco ten repouso como para observar ou pensar con coidado como se defender dela. Máis que un enxame o que se desprega é unha rede ou un conxunto de enxames: atacan as subministracións, a capacidade de compra, a mobilidade, os servizos básicos, a tranquilidade no barrio, a organización comunal, os sentidos comúns, e todo nunha modalidade similar á que se desata cando alguén bate nun panal de abellas. Segundo David Faqqard, oficial da Forza Aérea de Estados Unidos, “implica un ataque converxente por moitas unidades”. É un modo de facer unha guerra que non parece tal, pero que cando xa está é absolutamente abafadora.

 Métodos como estes, coas súas particularidades e escalas, foron usados en Libia e Siria. Sempre aproveitando e encirrando as contradicións xa existentes e levándoas a un nivel de confrontación absoluta, que propicia a introdución de forzas adicionais (forzas especiais de mercenarios), de operacións encubertas ou mesmo de bombardeos do exterior, que non só elevan a tensión senón que garanten o acaparamento dos lugares estratéxicos (pozos petroleiros, portos, pasos ou estradas). Xeralmente estas intervencións combínanse tamén con algúns ataques estrepitosos e fraxilizadores, como incendios de infraestruturas básicas ou de hospitais (maternidades, como en Venezuela), para ademais crear sensación de indefensión.

 Crear “situacións de guerra” (Ceceña, ALAI 495 e 500) como estas é altamente rendíbel. En xeral, como os ataques son súbitos e contundentes (e relativamente inesperados), permiten o apoderamento dos recursos ou territorios valiosos que regularmente se seguen explotando en beneficio do atacante. Adicionalmente, nesta situación, hai unha constante e crecente necesidade de armas e outros bens, entre os que se contan alimentos básicos ou medicamentos, e que teñen que ser adquiridos no exterior polo socavamento de condicións de produción interna, en caso que existisen. É un bo negocio desde todos os ángulos.

 A venda de armas non é un asunto menor. Só Arabia Saudita adquiriu 110,000 millóns de dólares en armas para se consolidar como eixe da chamada OTAN árabe e o novo equipo gobernante de Estados Unidos multiplicou as súas presións en diversos foros para inducir a compra de armamento que provén das súas fábricas, ou as de Israel.

 A guerra é o modo máis rendíbel de disputar territorios, riquezas, rutas, ganancias e espazos de poder, e é un modo altamente eficiente de impoñer disciplinas.

Entre a paz e a guerra

 Por iso ninguén se sorprende se escoita dicir que Venezuela é a Siria de América, pero esa é unha afirmación temeraria. En Siria hai unha guerra propiamente dita, con armas, bombas, desprazados, asasinados, disputa de territorios e todos os derivados dunha situación de confrontación armada aberta con múltiples frontes e unha enorme complexidade que devén do feito de que Siria é o epicentro dun conflito bélico que involucra unha zona moi ampla que abrangue  a rexión do Medio Oriente e unha parte de Europa e do norte de África. Aínda máis, a guerra en Siria é unha manifestación da disputa entre Estados Unidos, a coalición potencial ou velada entre Rusia, Irán e China, e quizais unha Europa en proceso de reconstitución, co involucramento diferenciado de case todos os estados dos arredores, configurando un escenario de potencial guerra mundial.

 A Venezuela, que é un elo principalísimo do corredor enerxético mundial, estáselle facendo unha guerra; mais en Venezuela non hai guerra. Venezuela é un escenario de loita entre a construción da paz e a guerra. Tres elementos moi importantes permitiron deter a guerra:

1) o proceso venezolano está sendo defendido nas rúas e os barrios polo pobo organizado; a revolución bolivariana é do pobo;

2) o proceso de construción da chamada unidade cívico-militar levou a unha imbricación que compromete a ambas as partes cunha defensa diferenciada pero compartida do que queda baixo a etiqueta da revolución bolivariana, e que neste caso é entre outros a defensa da vida;

3) mentres máis se tensa o conflito venezolano e máis se destaca como obxectivo derrotar o presidente Maduro, máis parece estarse creando un goberno colectivo que sostén pero dilúe a figura presidencial e outorga maior solidez á representación do estado.

 Estes tres elementos xogando xuntos xeraron a posibilidade de enfrontar a guerra sen facer a guerra; de enfrontar a violencia con organización comunitaria; de inventar na práctica cotiá milicias de paz. O proceso, sen dúbida, desgasta. Pero tamén indubidabelmente se fortaleceu e radicalizou. Manter unha prolongada situación de asedio e violencia sen usar as armas nin para defensa persoal é un signo de altísima conciencia e responsabilidade tanto dos corpos de seguridade do estado como dos civís en pé de loita. Venezuela é hoxe o limiar e á vez o dique da extensión das guerras doutros continentes cara a América e un punto de definición estratéxico do estourido, ou non, dunha terceira guerra mundial.

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 3 de xullo de 2017]