Grupo Pescanova impón de maneira unilateral o inicio da quenda de noite na fábrica de Arteixo

A empresa incumpre a normativa sobre modificacións das condicións laborais

Arteixo -

O Grupo Pescanova vén de impoñer, de maneira unilateral e sen a negociación correspondente, o inicio da quenda de noite no centro de traballo de Arteixo. A medida foi comunicada ao comité de empresa o pasado venres 21 de xullo e ten efectos a partir deste mesmo luns. Dende o comité e as centrais sindicais con representación (CIG, CCOO e UGT) quérese denunciar "a prepotencia coa que está a actuar a empresa para impoñer este cambio, posto que nin sequera cumpriu os requisitos sobre modificacións substancias das condicións laborais, regulados no Estatuto dos/as Traballadores/as".

Entre outras cuestións, a empresa ten a obriga de habilitar un período de consultas co comité para valorar os motivos da apertura da nova quenda de traballo, o tempo estimado de duración da medida, o persoal que se destina á mesma, ou as condicións económico-laborais nas que se pon esta quenda. "Obrigas que a empresa está a incumprir de xeito manifesto", sinalan.

Ademais, engaden, "nun alarde de absoluta soberbia e prepotencia, a dirección incumpre o acordo asinado en setembro de 1996 para a fábrica de Arteixo, e rexistrado daquela na Consellaría de Traballo, no que se estipula expresamente que as quendas de fabricación nocturna serán cubertas por persoal eventual ou por persoal fixo voluntario". Até agora, nos períodos puntuais en que a empresa precisou habilitar a quenda de noite, sempre se respecto este acordo e a mesma foi cuberta con traballadores/as voluntarios/as.

Actitude "soberbia e de prepotencia"
Tras recibir a comunicación, o comité e as tres centrais solicitaron unha reunión urxente coa empresa, á que asistiu exclusivamente o xefe de recursos humanos da fábrica de Arteixo e a xefa de produción.  "Ambos acudiron á xuntanza nunha actitude de soberbia e prepotencia e cun evidente descoñecemento da legalidade a cumprir diante dunha modificación como a que pretenden levar adiante", subliñan.

A única resposta que a representación da empresa ofreceu nesa reunión foi que "si ou si" van implantar a quenda de noite e nin sequera foron capaces de explicar os motivos que levan a abrir esta nova quenda ni por canto tempo estará operativa. Dando como única razón para tomar esta medida "que da organización da empresa se encargan eles" e que haberá nova quenda nas condicións e termos que consideren.

Comité a centrais sindicais lamentan esta actitude tanto por parte da dirección do centro de traballo como por parte da dirección do Grupo Pescanova, "que nin sequera tivo a consideración de facer acto de presenza ou dar explicacións ante feitos deste calibre". Por outra banda, subliñar que a notificación desta nova medida chega unha semana despois asinarse o novo convenio colectivo para o centro de traballo de Arteixo.  

Así as cousas, dende a representación social vanse iniciar todas as medidas legais necesarias para enfrontar esta ou calquera outra imposición que veña da empresa.

Volver