Grecia destruída e ameazada en todas as frontes

Christina Komi - 01 Xun 2018

Grecia é hoxe o laboratorio da latinoamericanización de Europa, o territorio dunha aplicación actualizada do que se chamou a «terapia do shock».

 Grecia coñece hoxe en día a peor etapa da súa historia. O helenismo, como cultura, como lingua, como legado dun modo de vivir que se chamo «democracia» -desde a Antigüidade até Bizancio e de aí… malia os 450 anos de ocupación otomá- até a época moderna, nunca estivo tan preto como hoxe á súa desaparición. Desaparición tanto das conciencias como do mapa. O berce da democracia esta hoxe en día humillada, amarrada a cadea perpetua por unha «débeda» fraudulenta, e, igual que unha árbore abatida, esta á mercé dos leñadores.

 Dez anos de recesión económica (desde 2008), oito anos de memorando e de cesión voluntaria da nosa soberanía nacional a organismos supranacionais (FMI, BCE, CE), oito anos de crecente austeridade, de confiscación da fortuna publica e privada, e 340.000 millóns de euros contabilizados como «débeda publica» xustificando así empréstitos enormes dos cales nin sequera o 10% chegaron a forman parte do orzamento nacional porque foron directamente a salvar os bancos alemáns e franceses da creba.

 Voces serias, de economistas, profesores e analistas atrevéronse a revelar a verdade: o que se chamou «débeda pública» non foi senón a débeda privada do sistema financeiro e bancario globalizado, causada pola súa propia burbulla especulativa, e a «crise» de Grecia, artificialmente fabricada, coa manipulación de datos estatísticos, foi en realidade unha opción política dos comisarios europeos, banqueiros e outros representantes dos intereses das multinacionais. Porén, a gran maioría dos cidadáns, gregos e dos demais países europeos, pegados nos seus televisores, viven no engano alimentado polas mentiras mediáticas dunha propaganda cultural moi sutil que cambia o sentido das palabras. Grecia é hoxe o laboratorio da latinoamericanización de Europa, o territorio dunha aplicación actualizada do que se chamou a «terapia do shock».

 Entre 2008 e 2012, as múltiplas manifestacións masivas do pobo grego foron duramente reprimidas. Entre 2008 e 2018 houbo cinco mudanzas de goberno, un referendo traizoado (en 2015) e unha abstención do 60% nas últimas eleccións, que serviron para lexitimar o goberno actual (SYRIZA-ANEL). Esta alianza é a última excrecencia dunha clase política corrupta, que gañou cunha pequena porcentaxe (en realidade só o 13 % dos chamados a votar) e que esta terminando hoxe a tarefa sucia dos gobernos anteriores: a liquidación total do país.

 Esta traizón perpetrouse non só ao pobo grego senón a todos os pobos europeos por unha «nova esquerda», tan amábel e humanitaria como o lobo disfrazado da Carapuchiña Vermella…

O goberno SYRIZA-ANEL, despois de ceder a soberanía nacional (entregando absolutamente todos os recursos do solo, do subsolo, do aire, dos mares, a mans dunha oligarquía principalmente estranxeira) está expoñendo hoxe en día Grecia ao gravísimo perigo dunha amputación territorial, ultima etapa dunha alta traizón á patria.

 O Ministro de Asuntos Exteriores non practica ningún tipo de política exterior. Vímolo en YouTube bailando e bébedo do brazo dos seus homólogos de Skopje ou de Turquía, pero non o vimos contestar ningún dos golpes e ameazas que o país recibe en todas as frontes por parte dos gobernos destes países veciños. Tampouco non o vimos asumir actos de soberanía nacional nos territorios gregos ameazados.

 Cando o pobo grego espera que o Primeiro Ministro, o Ministro de Defensa ou o Ministro de Relacións Exteriores, saian a pronunciar discursos en momentos críticos para a nosa soberanía, o que fala é o actual Embaixador dos EUA en Atenas, o Sr J. Piat (o mesmo que estaba de embaixador en Ucraína cando comezou a guerra civil). Este señor, hai un mes, dixo, coma se fose profeta, que lamenta moito os momentos difíciles que terán que vivir nos próximos tempos dous países veciños: Grecia e Turquía ambos membros do OTAN…

 Entrementres, Grecia xa cedeu o mar Exeo ás forzas do OTAN (desde 2015) baixo o pretexto de ser «incontrolábel polas forzas nacionais» ante o fluxo migratorio, e agora a OTAN está reforzando as súas bases existentes en Creta e noutras illas do Exeo.

A pesar de que Grecia é membro da OTAN non se pediu a reunión do consello de seguridade, nin se opuxo obxeccións ao uso do país como unha nación accesoria dos EUA, expoñendo así a Grecia, estupidamente, aos contraataques provenientes do Medio Oriente, deixando paso libre para que EUA, desde Grecia, mande os seus mísiles e as súas bombas ás zonas de guerra en Siria.

 Enténdese así que a falta dunha política exterior independente, por parte do réxime de Atenas, ten gravísimas consecuencias sobre a estabilidade e a paz na toda a rexión dos Balcáns e do Mediterráneo oriental. Expoñerei aquí brevemente de que xeito este goberno entrega o país, sen máis, aos que atentan contra a súa integridade territorial.

Fronte Norte: Skopje

 O termo «Macedonia» é en si mesmo un vehículo do irredentismo dun territorio multiétnico e multingüístico -composto por albaneses, eslavos e romaneses- situada no sur da ex-Iugoslavia. A partir do uso por parte deste país do nome helénico, que de feito é idéntico ao da provincia grega limítrofe, está fabricando unha inexistente «identidade macedonia», unha igualmente inexistente (desde o punto de vista lingüístico) «lingua macedonia» e unha igualmente inexistente (desde o punto de vista canónico) «igrexa ortodoxa macedonia». O resultado será que nun tempo non moi afastado estaremos fronte á reivindicación dunha «unificación » dunhas supostas «dúas Macedonias».

 Hoxe en día fálase da «solución» ao «problema do nome» desta formación. Pero entre todos os nomes posíbel (como o de Democracia Balcánica Central, de Democracia de Bardar e tantos outros que permitirían unha identificación exacta deste Estado dado lugar á multiplicidade cultural dos seus pobos) suscítase con afán e furia o nome de «Macedonia», desde centros externos como o Aleman European Center for Minority Issues, cuxas publicacións reciben xeneroso financiamento por parte de G. Soros e da súa «Open Society Foundation». En oposición a toda verdade histórica, lingüística, cultural e nacional, o uso deste nome por Skopje leva á usurpación da identidade nacional e da conciencia histórica helénicas.

 Se o asunto desta usurpación leva xa anos sen «solución», o goberno de SYRIZA propón con urxencia «solucionalo» agora mesmo, dando, de paso, o visto e prace a unha «solución» que serve intereses alleos en detrimento dos de Grecia.

 A «solución» ao problema do nome do país lindeiro non é de ningunha urxencia para Grecia. E tampouco é un agasallo para os habitantes de Skopje, xa que fundar a súa existencia nunha mentira isto levará tarde ou cedo á disolución este Estado: nesta época da fragmentación voraz só resistirán os Estados nacionais enraizados en firmes bases identitarias e con fonda conciencia histórica. En realidade, a «solución» úrxelle á OTAN que, na súa tentativa por cercar militarmente Rusia (violando as promesas feitas a Gorbachov en 1989), desexa incluír, en xullo do 2018, este Estado entre os seus membros e isto non se pode facer senón cun nome recoñecido erga omnes, é dicir válido fronte a todos.

 Úrxelle tamén a Alemaña e ao European Center for Minority Issues -que segue a tradición alemá de procura de «minorías» no continente europeo, como fixo nos anos 1930- e úrxelle ao «filántropo» G. Soros, gran defensor dun novo mapamundi globalizado.

 O día en que tal «solución» se leve a cabo e se este país entra na OTAN sen obxeccións por parte de Grecia (que pode poñer un veto evocando a violación das promesas feitas a Rusia en 1989, como tamén esixir como condición previa a entrada de Chipre na OTAN, cousa que Turquía nunca aceptará) sucederalle a Grecia o mesmo que lle está sucedendo con Albania desde que se fixo membro da OTAN (2016).

Fronte Noroeste: a Albania de Edi Rama

 De feito, en 2016, Albania fíxose membro da OTAN, sen que o goberno SYRIZA-ANEL opuxese ningunha obxección, sen impoñer ningunha condición previa, como debería ter feito para protexer os intereses nacionais de Grecia. É dicir:

- Non se iniciaron as debidas negociacións bilaterais para a definición da Zona Exclusiva Económica (ZEE) grega no mar Xónico; mar riquísimo, segundo revelan investigacións recentes, en recursos do subsolo submarino.

- Non se tomaron medidas para a protección da minoría grega en Albania.

- Deixar que o goberno albanés mentise reivindicando “a existencia dun minoría albanesa” en territorio grego.

Como resultado destas graves omisións do réxime, Grecia esta hoxe baixo presións de todo tipo por reivindicacións por parte do expansionismo do Primeiro Ministro Edi Rama que aspira á construción dunha «Gran Albania». Estas reivindicacións súas están apoiada pola Turquía de Erdogan, que contribúe co seu xeneroso apoio cando se trata de danar os intereses de Grecia.

Fronte Leste: a Turquía de Erdogan

 Mentres o réxime de Atenas se ocupa de como desposuír os cidadáns gregos, unha guerra silenciada entre Grecia e Turquía está a levar a cabo con crecente intensidade durante os últimos 3 anos.

 Centos de violacións do espazo nacional aéreo grego cada mes, miles de horas de persecución dos avións turcos polos pilotos militares gregos sen que endexamais recibisen a debido e agardada orde de derrubar os avións intrusos. Pola contra, tras horas de persecución, os avións gregos terminan por caer. O último caeu o mes de abril preto da estratéxica illa de Skyros, o piloto (Giorgos Baltadoros) morreu en combate contra o invasor mentres os medios e o goberno falaron dun incerto «accidente» sen dar a coñecer as conclusións da investigación do médico forense.

Desde 2015 até hoxe, en violación do dereito internacional e do dereito marítimo, miles de barcos turcos inchábeis traen, de xeito ilegal, miles de persoas de Asia e de África ao territorio grego. Ao mesmo tempo, centenas de persoas por día atravesan por terra a fronteira desde Turquía cara a Grecia na zona do río Ebros. O equilibrio poboacional das illas do Dodecaneso e noutras zonas do país, sobre todo fronteirizas, está perturbado, o que leva á transformación das nosas belísimas illas en cárceres de detención de persoas de todo tipo.

 O dereito internacional estipula a entrega de documentos aos que se identifican polo Alto Comisario da ONU como refuxiados, para que sigan a súa viaxe cara a Alemaña, Francia, Inglaterra, EUA… Con respecto aos que non se identifican como tales e que son, a consecuencia, inmigrantes ilegalmente transportados imponse a súa volta ao país que os manda, é dicir, a Turquía. En oposición a estes principios, o réxime actual estableceu en Grecia unha situación moi perigosa, coas instrucións e as bendicións da UE que, por unha banda, cede xenerosas «axudas» de millóns de euros ao señor Erdogan e, doutra banda, financia o señor Tsipras (500 millóns de euros en 2016) para que manteña a toda esta xente pechada en campos de concentración en Grecia.

 Esta situación está levando a sociedade grega, xa pobre e humillada, á implosión con violencia, conflitos, caos interno e o abandono destas zonas polos seus habitantes entregando o territorio ao que desexe ocupalo… O señor Erdogan non esta moi lonxe disto.

 As súas ambicións polo mar Exeo vólvense cada vez mais explícitas e todo acto ofensivo queda sen resposta por parte do réxime de Atenas. Erdogan está violando o Tratado de Lausanne do 1923 que define as fronteiras turcas, dobremente: cara ao Sur invadindo a Siria (cometendo o xenocidio dos kurdos en Afrin) e polo Oeste cara a Grecia. En febreiro do 2018, un, o desembarco de militares turcos na pequena illa grega de Imia; dous, o impedimento exercido por forzas turcas que entraron na Zona Económica Exclusiva de Chipre para investigar os xacementos do subsolo; e tres, as declaracións de Erdogan e dos seus ministros sobre a «gran reconquista» dos territorios otománs, é dicir, a invasión do mar Exeo e de Tracia.

 Pero alén das palabras e declaracións, co permiso oficial do réxime de Atenas, Turquía está levando a cabo exercicios de desembarques con armas, no territorio grego das illas do Dodecaneso.

 Canto falta para que un destes desembarques se realice non como un exercicio senón que como unha ocupación en illas como Samos, Chios, Limnos, Leros ou Lesbos, sen a etiqueta de «adestramento»?

 Ao tolerar simulacros de invasión por un exército inimigo no territorio grego, o goberno de SYRIZA-ANEL abstense de fomentar calquera tipo de actividade económica ou militar grega nas devanditas zonas, é dicir, calquera acto que permita corroborar a soberanía nacional grega nestas terras e mares ameazados. De verdade, cómpre preguntarse se habería outro xeito, máis doado e compracente, para ceder territorio grego ao inimigo sen dicir nin chío?

 Para completar o panorama desta Grecia indefensa e traizoada por este réxime, engadimos que desde principios de marzo dous militares gregos capturados polo exército turco, probabelmente nunha trampa, están ilegalmente detidos no cárceres turco de Andrianoupoli acusados de espionaxe. O réxime de Atenas, no canto de resolver o problema de xeito dinámico e defender os detidos, aceptou deseguido a versión de Erdogan e afirmou publicamente, e sen ter ningunha proba, que os dous militares gregos se introduciron «por erro» no territorio turco.

 Por cuestións de brevidade detéñome aquí e pecho sinalando que o articulo 138 do Código Penal grego prevé a pena de morte e de cadea perpetua para os que entreguen aínda que sexa un ferrado de territorio nacional. E este debe ser o destino dos gobernantes deste réxime.

 Malia a súa situación económica e dunha intoxicante propaganda mediática cuxo propósito é impedir toda esperanza, o pobo grego saíu á rúa o 5 de xullo do 2015 (para votar NON ao referendo), o 21 do xaneiro e o 4 de febreiro pasados (500.000 de persoas en Thessaloniki e 1.500.000 en Atenas) e de novo á Praza de Sintagma de Atenas, o recente 13 de maio 2018, co obxectivo de impedir o desmembramento territorial do país, de derrubar o réxime actual dunha ditadura parlamentaria, e de devolver o país á democracia e á orde constitucional.

 O artigo 120 da Constitución grega estipula claramente: «o respecto da Constitución helénica confíase ao patriotismo dos helenos que teñen dereito e deber de resistir por todos os medios contra o que intente abolila de xeito violento». E así será!
____________________________________________________________________________
Notas
(1) O despoxo chámase «axuda», a destrución «salvación», o retroceso «progreso» etc, etc.

(2) Refírome ao libro de Naomi Klein.

(3) Cito aquí un cartel de protesta que resume ben a situación : «Os nosos aeroportos están en mans alemás, os nosos trens en mans italianas, a nosa auga en mans francesas, os nosos portos en mans chinesas e todo o resto en mans dos especuladores locais».

(4) Para a historia , ver https://www.youtube.com/watch?v=3oyO9zpOFYU&feature=youtu.be https://www.youtube.com/watch?v=0lqTeDsU8SM&feature=youtu.be https://www.youtube.com/watch?v=TblwAgkXK9Q&feature=youtu.be

(5) Desde 1982 o dereito marítimo internacional define a ZEE de cada país a 12 millas da costa. Esta lei internacional aínda queda se concreción por parte da clase política grega, para definir as Zonas Marítimas.

(6) Violando así: o Convenio Internacional sobre busca e salvamento marítimo, 1979; o Convenio da ONU para o Dereito Marítimo, 1982; as regras do Organismo Internacional de Navegación.

(7) O Alto Comisario de la ONU para os Refuxiados dá as cifras seguintes: para 2014 o número dos refuxiados e inmigrantes que entraron en Grecia era de 34.442; para 2015 eran 856.723, dos cales o 85% provenientes de Turquía, se trata de un 2362% de aumento nun año. E así segue a cousa…

(8) A ONU e Amnistía Internacional sinalaron o perigo varias veces, desde 2016: «Grecia non pode soportar tanta cantidade de inmigración».

(9) A comunidade internacional non se mostra moi sensíbel verbo destas violacións. O goberno de SYRIZA tampouco.

____________________________________________________________________________

[Artigo tirado do sitio web Kritica, do 16 de maio de 2018]