A plataforma Galiza pola Paz convoca unha manifestación en Vigo o vindeiro 30 de maio en rexeitamento do desfile das Forzas Armadas españolas. Así o anunciaron este xoves ás portas do Concello vigués cunha acción simbólica coa que chaman a unha mobilización masiva (ás 12:00 horas dende Vía Norte) fronte a un desfile que tachan de “exaltación obscena do militarismo” no actual contexto de auxe belicista.
“Este desfile é un intento de branqueamento do belicismo e de xustificación do aumento do gasto militar, que vai en detrimento da nosa calidade de vida”, afirmou en declaracións ao medios a voceira da plataforma, Marta Romero, acompañada do tamén portavoz, Rafa Vilar, e dun cento de persoas que representan ás organizacións e entidades que conforman Galiza pola Paz.
Baixo o lema ‘Paz e soberanía. Nin guerra, nin OTAN nin gastos militares. Non ao desfile militar’, a plataforma busca expresar o “firme compromiso do pobo galego e vigués” con valores como a paz e o antimilitarismo “fronte aos tambores de guerra” no mundo. “Queremos denunciar esa maquinaria de guerra posta en marcha polo imperialismo que está dinamitando o dereito internacional e esnaquizando diferentes nacións e países”, reivindicou Vilar, poñendo o exemplo da Palestina, Líbano, Iemen, Irán, Venezuela ou a ameaza actual sobre Cuba.
Dende a plataforma alertaron ademais do rearme na Unión Europea, con máis de 800.000 millóns de euros destinados a “alimentar a guerra” e non a seguridade ou a defensa. Acusaron ao Goberno español e galego de “complicidade” con esa escalada bélica e do gasto militar que, advertiron, está a significar unha maior carestía da vida con repercusións no día a día. “Todos eses recursos teñen que destinarse a gasto social, a defender as pensións, o ensino e a sanidade pública ou a dependencia”, subliñaron.
Unha escalada bélica que, para Galiza pola Paz, nos encamiña a unha “guerra global” que van pagar as clases populares e traballadoras. “Seremos os pobos quen poñamos os nosos corpos e as nosas vidas en risco, non os que deciden dende despachos”, denunciaron, expresando tamén a solidariedade cos pobos agredidos hoxe no mundo polo imperialismo.
Por estes motivos, a plataforma fixo un chamamento a encher as rúas de Vigo o vindeiro 30 de maio para “contestar a esa deriva militarista cunha aposta por unha paz xusta e duradeira, que respecte a soberanía dos pobos, unha orde internacional baseada en normas e regras, e un dereito internacional digno de tal nome que hoxe está sendo dinamitado polas potencias imperialistas”.