Galiza Nación: Vía Galega diante do “Día da Patria”

A plataforma social anima a pendurar a bandeira galega de balcóns e xanelas

Nacional -

A Plataforma social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza, Vía Galega, vén de emitir un comunicado sobre a celebración do Día da Patria, data na que convidan á mobilización social en defensa dos nosos dereitos nacionais e na que animan a pendurar a bandeira galega de balcóns e xanelas.

Galiza é unha das máis antergas nacións do continente europeo. A nosa dilatada historia así o acredita, desde a antigüidade até os nosos días.

En tempo contemporáneo foron as mulleres e homes das Irmandades da fala quen, cen anos atrás abriron unha nova etapa a favor do recoñecemento nacional de Galiza, no marco da I Asemblea Nacionalista Galega (Lugo, 1918). Conformando os piares dun país de noso, moderno e avanzado. Un país soberano, política e economicamente, cunhas institucións ao servizo dos intereses obxectivos e lexítimos das clase populares, da maioría social.

E foron as Irmandades da Fala as que na súa II Asemblea Nacionalista, por volta de 1919, decidiron en Compostela que cada 25 de xullo fose o “Día de Galiza” ou “Día da Patria”. Día da Patria celebrado durante o tempo republicano, tempo no que as clases populares proclamaron o Estado galego de 1931, e ininterrompidamente ao longo do exilio. Data recuperada na terra polo nacionalismo, en plena ditadura franquista, a partir de 1968.

Hoxe, como desde o primeiro terzo do s.XX, a sociedade galega celebra esta data reivindicando que Galiza é unha Nación. Un feito ratificado oficialmente diante do IX Congreso de Nacionalidades Europeas, reunido en Berna (Suíza) en 1933.

Desde VIA GALEGA, Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza, facemos un chamamento a favor da mobilización social arredor do Día da Patria e da reivindicación nacional da Galiza. Animando a que se pendure en balcóns e xanelas a bandeira galega e saudando as mobilizacións que se organicen con motivo destas sinalada data.

Volver