Galiza manifestarase o vindeiro 5 de xuño, Día do Medio Ambiente, baixo o lema “Temos Alternativa!”, por un modelo enerxético xusto e sustentábel e por unha enerxía por e para o pobo. A Coordinadora Eólica Así Non , conformada por máis de 180 entidades e plataformas ecoloxistas, veciñais, sociais, culturais, sindicais de toda Galiza fixo un chamado hoxe, en rolda de prensa, a toda a sociedade galega para que participe na gran mobilización social que partirá ás 12:00 horas desde a Alameda compostelá e rematará na Praza do Obradoiro onde se dará lectura o manifesto.
Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, as entidades convocantes desta gran mobilización de ámbito galego queren chamar a atención sobre a necesidade de rachar co modelo tradicional de produción e consumo de enerxía para acadar unha transición ecolóxica e unha descarbonización da economía socialmente xusta e ecoloxicamente viábel, en contraposición co actual modelo imposto pola Xunta e do Estado español.
Desde a Coordinadora Eólica Así Non advírtese de que o actual modelo de transición no eido enerxético só responde aos intereses das grandes corporacións da enerxía e que non contribúe a superar o reto climático, pois segue apostando polo espolio do territorio, a fragmentación de hábitats, a perda de biodiversidade e por unha produción intensiva e centralizada da enerxía que somete cautiva á sociedade.
Soberanía enerxética
Por iso o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, reclamou “soberanía sobre os nosos recursos” fronte “ao espolio enerxético” e unha planificación eólica “con fins socioambientais e ao servizo do país”. Lembrou que as galegas e galegos levamos décadas “soportando o agresivo e duro impacto da implantación de instalacións de xeración de electricidade” e denunciou que agora aturamos o maior número de aeroxeradores e de potencia instalada por habitante e por quilómetro cadrado en todo o Estado.
Nese sentido afirmou que “8 de cada 10 concellos galegos teñen algunha instalación de xeración eléctrica” e que malia ocuparmos tan só o 6% da superficie do Estado español, “Galiza produce o 14% de toda a potencia eólica estatal”.
O secretario xeral da CIG inisistiu en que Galiza xa cumpre cos obxectivos europeos e estatais de xeración eléctrica renovábel para 2030 porque “conseguimos cubrir a nosa demanda total de enerxía eléctrica con fontes renovábeis propias en 2020” e porque, ademais, “exportamos cada ano arredor do 30% da electricidade que se produce”.
Denunciou que, porén, o subministro eléctrico “ao pobo, ás empresas e industrias galegas segue a ser dos máis caros do Estado” e que o modelo enerxético imposto “pretende perpetuar o papel de Galiza como subministradora de materias primas baratas”, destinada a “satisfacer a demanda de territorios libres de instalacións eólicas e grandes consumidores do Estado, como Madrid, sen resultar en ningún caso beneficioso para a poboación galega, nin de termos unha tarifa eléctrica máis barata”.
Diante desta situación Carril reclamou o dereito do pobo galego “á explotación do vento en Galiza, como recurso natural de carácter público”; un modelo enerxético planificado por, para e desde a sociedade galega e “non dirixido polas grandes empresas, o oligopolio das eléctricas, coa conivencia dos gobernos”.
Un modelo, dixo, “que retire das mans das grandes corporación enerxéticas a exclusividade do dereito a producir; que favoreza o autoconsumo, a promoción e creación de comunidades enerxéticas locais; que permita recuperar para o público os aproveitamento de xeración eléctrica próximos a caducar; que manteña no dominio público a propiedade do vento” e que, polo tanto, “outorgue dereitos de explotación do recurso, a través de concesións administrativas e poña fin ao procedemento de simple autorización administrativa e sen ningún tipo de límites e control ás empresas beneficiadas”.
Moratoria dos proxectos eólicos
Un ano despois de que a coordinadora Eólica Así Non conseguise congregar a milleiros de persoas na Praza do Obradoiro para reclamar a moratoria dos proxectos eólicos en tramitación e unha nova planificación eólica, seguimos teimando na necesidade urxente de adoptar estas medidas, pero ademais apelamos a un cambio de modelo enerxético que se enfronte á lóxica do crecemento capitalista, que rache a dependencia entre o aumento do consumo da enerxía e a mellora do noso benestar social. Un cambio de rumbo cara un sistema no que a enerxía sexa concibida como un dereito fundamental da sociedade, que poña o interese público e a protección da natureza por diante do lucro e da especulación e que outorgue aos poderes públicos e á sociedade un papel activo na planificación e na toma de decisións.
Os 9 principios dun modelo enerxético xusto e sustentábel
O manifesto titulado “Temos Alternativa!” asinado por máis de 180 entidades de todo o país enumera 9 principios nos que se debería fundamentar o novo modelo enerxético para ser xusto e sustentábel, e para dar servizo por e para o pobo, e que se resumen a continuación.
A alternativa enerxética que se promove por parte deste gran movemento social sitúa a protección da Natureza e da biodiversidade como piar básico da transición ecolóxica e por diante da implantación caótica de enerxías renovábeis, como principal forma de resiliencia fronte o cambio climático, tanto en terra como en mar (principio 1 ). Debe ser coherente coas directivas europeas de protección ambiental, polo que necesariamente ha de contemplar a ampliación dos espazos naturais protexidos como Rede Natura, así como a preservación dos caladoiros de pesca e dos corredores ecolóxicos de especies migradoras (principio 2 ), as cales deben prevalecer sobre o impulso de novos proxectos de produción intensiva de enerxía renovábel, máxime cando non existe unha planificación racional e ordenada destes aproveitamentos industriais no territorio.
Un modelo enerxético xusto e sustentábel tamén debe coidar e valorar o patrimonio cultural que nos outorga identidade (principio 3 ), tanto material como inmaterial. A actual invasión eólica supón a ameaza de cando menos o 30% do noso patrimonio material. E tamén condiciona o futuro de actividades tradicionais e estratéxicas do país ligadas ao sector agroalimentario e pesqueiro que proporcionan alimentos básicos para a poboación. Un modelo enerxético alternativo debe ser compatíbel co dereito dos galegos e galegas a acadar a súa soberanía e seguridade alimentaria (principio 4 ).
Apostamos por un modelo que prime o aforro e a eficiencia fronte o aumento da capacidade de xeración enerxética (principio 5 ), e instamos ás institucións públicas a cumprir co principio comunitario “eficiencia enerxética, primeiro”. Reducir a demanda enerxética e favorecer a eficiencia son, per se , unha fonte de enerxía e a mellor forma de acadar a soberanía enerxética e abaratar o prezo da luz, que en 2022 bateu o seu récord en 700€MWh.
Eólica Así Non aposta por un modelo enerxético no que Galiza deixe de ser espoliada enerxeticamente e teña soberanía para decidir sobre os seus propios recursos (principio 6 ), de cara a acadar a autosuficiencia enerxética e a construír un modelo de xeración distribuída e de autoconsumo, no que o pobo e a administración pública teñan dereito a participar na xestión directa da demanda e na xeración eléctrica.
Mais para conquirir os anteriores obxectivos, debemos deseñar unha nova planificación eólica e enerxética con fins socioambientais e ao servizo do país (principio 7 ) que garanta un proceso de transición ecolóxica ordenado, racional e equilibrado, e participado pola sociedade. O principio 8 do manifesto “Temos Alternativa!” apela pola derrogación das “leis de depredación” e por un modelo enerxético no que se garanta a participación pública fronte aos recortes dos dereitos democráticos, que a propia Xustiza recoñeceu como ilegais en recentes sentenzas.
Por último, apelamos ao principio de precaución para preservación da saúde pública (principio 9 ) no proceso de implantación de novas instalacións de xeración eléctrica ou sobre as que xa están instaladas próximas a núcleos de poboación, así como a favorecer estudos serios e rigorosos sobre o impacto na saúde destas infraestruturas.
Adhire o teu colectivo ao manifesto “Temos Alternativa”!
A marcha do Día do Medio Ambiente en Santiago de Compostela está convocada por todas as entidades e organizacións que ao longo de 2021 se sumaron á Coordinadora Eólica Así Non , superando a día de hoxe as 180 entidades . Desta volta, únense tamén ás entidades convocantes da mobilización do 5 de xuño a Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, xurdida do manifesto de Burela e da loita do sector do mar fronte a eólica mariña, e a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, que reúne a meirande parte das comunidades de montes veciñais afectadas pola actual implantación da enerxía eólica.
O manifesto “Temos Alternativa!” permanecerá aberto ata o venres 3 de xuño a novas adhesións de colectivos, entidades ou plataformas que apoien o modelo enerxético proposto por Eólica Así Non e a manifestación do vindeiro día 5 de xuño en Santiago de Compostela. As entidades e colectivos poderán achegar o seu apoio a través do seguinte formulario: bit.ly/adhesions5X
Manifesto: bit.ly/manifesto5X
Cartaz: bit.ly/cartaz5X