Galiza lidera a subida do paro no conxunto do Estado no mes de decembro

O noso país rematou o ano cun total de 205.914 persoas inscritas no Servizo Público de Emprego

Nacional -

Galiza rexistrou o maior incremento do paro en termos absolutos do Estado español en decembro ao contabilizar 2360 persoas máis anotadas nos servizos públicos de emprego con respecto a novembro, o que sitúa a cifra total de parados/as en 205.914. A subida foi do 1,16%, mentres que na media estatal baixou un 2,29% (86.849 desempregados/as menos). Dende a CIG alertan que continúa a medrar a precariedade, ao tempo que baixa a duración dos novos contratos: só o 7,5% foron indefinidos.

O noso país foi, xunto a outras tres comunidades, un dos poucos territorios onde medrou o paro en decembro con respecto ao mes anterior, liderando esta subida en termos absolutos. En termos relativos supuxo o terceiro maior incremento, só superado por Nafarroa e Cantabria. Deste xeito, o ano remata en Galiza con 205.914 persoas anotadas nos servizos públicos de emprego.

O paro unicamente descendeu no sector servizos, pero tan só un 0,69%, cando na media estatal a baixada neste sector foi do 2,57%. No conxunto do Estado o descenso nos servizos permitiu compensar os incrementos que se rexistraron tanto en industria (0,81%) como na construción (2,28%) e rematar así o ano cun 2,29% menos de parados/as.

Só baixa nos servizos

No caso de Galiza, se ben no sector servizos descendeu o desemprego un 0,69%, este cativo descenso e o forte incremento do paro tanto na industria (5,52%) como na construción (8,61%) fixeron que a suba global do paro no mes de decembro fose do 1,16% (2360 desempregados/as máis).

Tan só o 7,5%   dos contratos rexistrados neste período foron indefinidos
Aínda que este ascenso do desemprego non foi demasiado elevado, neste período rexistráronse un total de 71.080 contratos nas oficinas do SEPE en Galiza; o que evidencia a forte rotación e a escasa duración dos novos contratos. Así, tan só o 7,5% estiveron acollidos a algunha das modalidades de contratación indefinida.
 
Con todo, a pesar da subida do paro aumentou a afiliación á Seguridade Social un 0,5% no último mes, o que se explica pola escasa duración dos contratos e pola alta rotación, que fai que varios traballadores/as compartan un mesmo emprego ao longo do ano. Isto fai que medre a afiliación á Seguridade Social, pero a costa de precarizar o mercado de traballo.
 

Cada vez máis precariedade

Diante disto, o secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Miguel Malvido, amosa a súa preocupación non só porque siga a medrar o desemprego senón tamén pola cada vez maior pracariedade existente no mercado de traballo. “Non só aumentan as persoas sen emprego, senón que as que o teñen atópanse cada vez nunha situación máis precaria”, denuncia.

Por isto incide na necedidade de que se derroguen as reformas laborais aprobadas polos Gobernos do PSOE e do PP, “que a parte de non servir para crear emprego afondaron na súa precarización e na perda de dereitos e de condicións de vida da clase traballadora”. Neste senso, Malvido lebrou que a central vén de poñer en marcha unha campaña de mobilizacións orientada a recuperar os dereitos laborais e sociais roubados ao longo destes anos que contempla unha primeira manifestación nacional o vindeiro sábado 28 de xaneiro en Santiago de Compostela. O obxectivo da marcha, que arrincará da Alameda ás 12.00 horas, é tamén a defensa do sistema público de pensións.

 

Volver