Comunicado conxunto dos comités
Os Comités de Empresa de Ferroatlántica de Cee-Dumbría-Centrais e o Comité de Empresa de Ferroatlántica de Sabón, ante o anuncio feito pala Dirección de Ferroatlántica da venda das Centrais Hidroeléctricas do Grupo en Galicia, queremos manifestar o seguinte:
1.- A nosa oposición frontal a este proceso de venda e segregación. A empresa Ferroatlántica explota recursos naturais de Galiza, beneficiándose de concesións públicas supeditadas ao mantemento e xeración de postos de traballo, así como da declaración de utilidade pública para a expropiación de terreos para a construción das Centrais Hidroeléctricas.
As actividades de xeración de enerxía eléctrica e de fabricación de ferroaleacións forman unha unidade produtiva única. A vinculación de ditas actividades, que forman un todo, é unha obriga legal imposta pola Xunta de Galiza; así mesmo está ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza con data 9/5/1996 e do mesmo xeito polo Tribunal Supremo con data 18/10/2001.
Recentemente foi aprobada en sede parlamentaria, por unanimidade, unha proposición non de lei para evitar a segregación das actividades. Do mesmo xeito aprobouse, tamén por unanimidade, unha declaración institucional por parte da Deputación da Coruña. Así mesmo, os Concellos da comarca aprobaron dita declaración en sesión plenaria.
2.- É firme e decidida a nasa unión para reclamar a Ferroatlántica que, por unha banda, desista das súas intencións de venta das Centrais e, por outra, que calquera Plan Industrial, inversións e, polo tanto, xeración de emprego futura, non estean supeditados en ningún dos casos á venda das Centrais.
Neste sentido reclamamos de novo que o proceso de fabricación de silicio calidade fotovoltaica (Silicio FerroSolar) se leve a cabo integramente en Galiza, pois tanto os recursos naturais galegos explotados pola empresa como as axudas recibidas dende o IGAPE e outros organismos públicos, reportáronlle a Ferroatlántica importantes recursos económicos durante os últimos 15 anos, invertidos en l+D+i para a consecución do proxecto FerroSolar.
Por todo o exposto,
Exiximos da Xunta de Galiza que, dunha vez, asuma as súas responsabilidades e competencias como goberno, respectando o marco legal e non permitindo unha posíbel segregación das actividades produtivas e de xeración de enerxía. Así mesmo, demandamos que poña en marcha as actuacións necesarias para garantir o mantemento dos postos de traballo, para o cal solicitamos de novo ser recibidos á maior brevidade polo Presidente da Xunta de Galiza.
Por último, demandamos da Presidencia da Empresa que poña fin as intencións de venda das Centrais Hidroeléctricas de Galiza, se ateña á legalidade vixente ao respecto e ademais, de forma rotunda, que cumpra ca anunciado o pasado 19 de Setembro de 2016, en canto a construción dunha nova planta en Sabón para a fabricación de Silicio Solar.