"Fronte ás mentiras do PP, a única realidade é que na Mariña temos menos e peores servizos sanitarios"

Nova xornada de mobilizacións no Hospital da Costa e os centros de saúde da comarca

Burela -

Persoal sanitario e veciños/as da Mariña continuaron este mércores coas mobilizacións en rexeitamento á modificación da Lei de Saúde de Galiza que, entre outras cuestións, suprime as áreas sanitarias da Mariña, Monforte, O Barco e O Salnés, centralizando os servizos e afastando a atención sanitaria da cidadanía. As concentracións desenvolvéronse tanto no Hospital da Costa como nos centros de saúde da comarca, pois a atención primaria é unha das grandes esquecidas pola Consellaría.

Neste senso, dende a CIG-Saúde da Mariña denuncian que nos últimos catro anos a atención primaria ficou abandonada, sen ningún investimento nas obras necesarias en moitos centros de saúde e con falta de recursos humanos tamén en moitos deles. "E o que xa non é de recibo é afirmar que a falta continuada e prolongada de especialistas en pediatría (en moitos casos por non cubrir sequera as baixas) se debe a unha cuestión de modelo".

Até o centro de saúde de Viveiro achegáronse ducias de usuarios e usuarias que quixeron enviar unha mensaxe clara ao delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, quen recentemente asegurou que coa nova lei a Mariña terá "máis e mellores servizos". "É un mentirán xa que a única realidade, a única verdade, é que temos menos e peores servizos", aseveran dende CIG-Saúde.

Área sanitaria propia

Nesta liña, a Xunta de Persoal incide na necesidade de que A Mariña sexa un área sanitaria propia, sen depender de Lugo como ocorre na actualidade, que xestione os recursos humanos, materiais, de infraestruturas e coordine a atención especializada coa atención primaria.

Unha xerencia de área sanitaria próxima, con funcións de identificación de necesidades de saúde, planificación e xestión asistencial, de saúde pública e saúde laboral e socio-sanitaria. Isto posibilitaría un modelo integral “que favoreza o coñecemento dos problemas de saúde da súa zona e, ao mesmo tempo, a eficacia e a continuidade da atención, co lóxico beneficio para os usuarios e usuarias”.

Volver