Francia: Novo Maio do 68 con Macron?

Germán Gorraiz López - 12 Mai 2017

A instancias da Patronal francesa e coa oposición dos principais sindicatos do país, o Executivo de Macron promoverá a reforma do mercado laboral, que implicará a progresiva implantación do despedimento libre sen indemnización; a optimización do funcionariado público  e o atraso da xubilación aos 67 anos unido á perda do poder adquisitivo dos traballadores e a unha drástica redución dos subsidios sociais

Tras ser elixido Enmanuel Macron Presidente da República Francesa, tentará catalizar o chauvinismo dos franceses restaurando o atavismo da Grandeur, doutrina que conxugaría o culto á independencia económica, política e militar de Francia coa consolidación da misión da Nación e da cultura francesa no mundo. Para iso, procederá á implementación dun poder de corte presidencialista que converterá os seus asesores nunha auténtica camarilla de poder oficioso (emulando o Partido Gaullista, movemento que cubría un espectro moi amplo desde o centroesquerda até a extrema dereita e no que os seus dirixentes foron correas de transmisión subordinadas á cúpula gaullista). Igualmente, poderiamos asistir á reedición dos plebiscitos de De Gaulle en forma de referendos para aprobar temas como o atraso da xubilación, a optimización dos recursos da Administración, a saída de Francia das estruturas militares da OTAN e a entrada en vigor da Directiva de Retorno para os inmigrantes, o que lle valerá o apoio incondicional da dereita francesa á hora de aplicar leis que rozarán a inconstitucionalidade.

Control da inmigración ilegal e aplicación da Directiva de Retorno

 Na súa obsesión por controlar a inmigración ilegal e tras a creación do Ministerio de Inmigración e Identidade Nacional,o ex-presidente Sarkozy conseguiu en xuño do 2008 que a Eurocámara aprobase “a Directiva de Retorno”, eufemismo baixo o que se agochaba un fondo recorte dos dereitos humanos dos inmigrantes (bautizada por Evo Morales como “A Directiva da Vergoña”) e aplicarase a “nacionais de países non comunitarios que estean en situación ilegal nun Estado membro da Unión Europea e non estean amparados por unha solicitude de residencia ou asilo” (migrantes económicos). A instancias da Comisión Europea, intensificarase a súa aplicación no Trienio 2017-20120 e os seus efectos serán dramáticos pois calcúlase que nos vinte e sete países da Unión Europea viven entre 4 e 8 millóns de inmigrantes indocumentados (dos que case tres millóns serían de países andinos pobres ou golpeados por conflitos como Perú, Colombia, Ecuador , Bolivia e Paraguai) e a aplicación da expulsión masiva orixinaría serios problemas de viabilidade económica (sobre todo en Ecuador e Bolivia cuxas remesas de inmigrantes supuxeron no 2007 o 10% do PIB) e cuxo retorno anticipado podería supoñer unha debacle económica e social para os devanditos países.

Neoliberalismo e Programa de Estabilidade

 O exiguo crecemento económico do 1,3% en 2017 será incapaz de evitar que a taxa de desemprego supere de novo a barreira do 10% (10,3% en marzo do 2017), a débeda externa escale até os 6 billóns de €, a débeda pública supere os 2 billóns de € (96% PIB) moi por riba do 60% estipulado pola CE e o gasto público prosiga por taxas desbocadas (56% do PIB), Fillon, presionado por Bruxelas, implementará unha política económica neoliberal (Programa de Estabilidade) que incluirá un recorte brutal de 20.000 millóns de € no gasto público, unha baixada de impostos de 50.000 millóns de € e unha drástica redución de 500.000 funcionarios. Así mesmo, a instancias da Patronal francesa (MEDEF) e coa oposición dos principais sindicatos do país galo (CFDT,CGT e FO), o Executivo de Macron promoverá a reforma do mercado laboral, que implicará a progresiva implantación do despedimento libre sen indemnización; a optimización do funcionariado público (redución de 500.000 postos e aumento da xornada laboral así como a instauración da xornada laboral mínima de 45 horas semanais) e o atraso da xubilación aos 67 anos unido á perda do poder adquisitivo dos traballadores e a unha drástica redución dos subsidios sociais (prestación por desemprego, axudas á natalidade, pensión e viuvez). Como consecuencia de todo o anterior, asistiremos á agudización da fractura social do país que obrigará a amplas capas da poboación (nomeadamente os “sen teito”, os “sen papeis” e os desherdados das banlieus) a dependeren en exclusiva da beneficencia, ficando así diluídos os efectos benéficos das clásicas medidas sociais (redución de impostos, suba das prestacións por desemprego e discriminación positiva na inserción laboral e no dereito a voto nas eleccións locais dos inmigrantes) pola crúa realidade económica. Todo iso provocará a radicalización dos outrora aburguesados e submisos sindicatos de clase (CGT, CFDT e FO), o que implicará frecuentes rebentos de conflitividade laboral xuntamente co extraordinario auxe dos grupos antisistema, que aplicarán técnicas de guerrilla urbana para poñer en xaque as forzas de seguridade francesas e teledirixirán as revoltas estudantes para reeditar o Maio do 68.

Política exterior

 Macron asumirá o poder decisorio en Defensa e Exteriores que pasarán a ser "dominio reservado do Presidente" e adoptará un enfoque "activista" en asuntos internacionais, involucrándose persoalmente e tendo "o compromiso coa intervención humanitaria" e o aumento do peso específico de Francia na xeopolítica mundial como eixes vertebradores da súa política exterior", co que a política doméstica quedará reducida a un simple instrumento da política exterior que sirva de catalizador dos valores da Grandeur.

Distanciamento de EEUU

 A implementación da quinta fase do proxecto de EEUU do Escudo de Mísiles Antibalísticos (DAM) sería vista por Macron como unha perda da soberanía europea (revivindo o proxecto de Kennedy de Partnership entre os EUA e Europa para fornecer ao Reino Unido de mísiles Polaris de xullo de 1962), polo que poderiamos asistir á saída de Francia das estruturas militares dunha OTAN inmersa nunha grave crise de identidade, (emulando a De Gaulle en 1966) Así mesmo, non se podería desbotar a instalación por EEUU no Pirineo navarro dunha bases de rádares (Gorramendi) para escoitar os murmurios do Elíseo así como unha posterior campaña argallada conxuntamente con Rusia e China para substituír o patrón dólar polo ouro (reeditando a sutil xogada de enxeñaría financeira de De Gaulle de mediados dos 70). Cómpre lembrar que, desde De Gaulle, a resistencia ao liderado estadounidense foi un factor da política exterior de todos os presidentes franceses, polo que aínda que asistamos ao final da lúa de mel de Hollande con Obama debido á crise da espionaxe da NSA, a discrepancia será só formal, como se comprobou co apoio de De Gaulle a Estados Unidos na Crise dos Mísiles de Cuba (1962) e no seu posterior retorno á disciplina do Pacto Atlántico en 1969).

Mantemento da “Force de Frappe”

 Aínda que a responsabilidade das forzas armadas estea compartida polo Presidente e o Primeiro Ministro segundo a Constitución Francesa de 1958, un decreto de 1962 só atribúe ao Presidente a capacidade de autorizar o uso de armamento nuclear. Cómpre lembrar que a “Force de Frappe” naceu en 1960 como consecuencia da proclamación da V República Francesa polo Xeneral De Gaulle, e foi concibida como un dos elementos chave da independencia económica, diplomática e militar do país fronte ás dúas grandes potencias EEUU-URSS enfrontadas na Guerra Fría e que na actualidade e, a pesar do anuncio do ex-presidente Sarkozy de reducir o arsenal atómico francés até as 300 cabezas nucleares, basea parte da súa poder na utilización de submarinos nucleares balísitcos (SSBN) clase Redoutable e Triomphant I, despois de que a finais do pasado século se retirasen todos os mísiles nucleares de medio alcance baseados en terra (IRBM modelos SSBS S3) e mísiles nucleares de curto alcance (SRBM) modelo Plutón.

O novo Eixe Berlín-París

 Tras as próximas eleccións presidenciais en Alemaña, poderiamos asistir ao robustecemento do Eixe Franco-Alemán como froito dunha tardía reafirmación das soberanías nacionais francesa e alemá (revivindo o Tratado do Elíseo entre De Gaulle e Adenauer (1963)). A devandita entente franco-alemá conxugará os acordos preferenciales enerxéticos con Rusia coa revitalización da enerxía nuclear e o extraordinario desenvolvemento das enerxías renovábeis e será o referente político-económico europeo do próximo quinquenio, non sendo desbotábel o redeseño dunha nova cartografía europea que supoñería a liquidación da actual Unión Europea e a súa substitución pola Europea dos Seis (Francia, Alemaña, Bélxica, Luxemburgo, Holanda e Austria), ficando o resto de países europeos periféricos e emerxentes gravitando nos seus aneis orbitais. Igualmente, asistiremos a un achegamento político a Rusia (rememorando a viaxe de De Gaulle a Moscova, en 1966) que se plasmaría na Ratificación da Política de Boa Veciñanza coa Rusia de Putin, mediante o asinamento de acordos preferenciais para asegurar o fornecemento de gas e petróleo rusos e incrementar os intercambios comerciais, debido á dependencia enerxética francesa (o 21% das importacións de petróleo e o 40% de gas proceden de Rusia) e o 40% do comercio exterior ruso realízase coa UE).

Pragmatismo nas relacións comerciais con China e América Latina

 O aumento do déficit comercial da economía francesa, forzará a París a unha política de pragmatismo económico que quedaría plasmado no inicio de negociacións para o asinamento dun acordo global para fortalecer uns intercambios comerciais que representan o 18% do total do comercio exterior da UE (rememorando o pragmatismo visionario de De Gaulle ao recoñecer a China comunista en 1964), pois China é o principal subministrador de produtos á UE. Así mesmo, as relacións con Iberoamérica virán marcadas polo pragmático económico e os acordos bilaterais para a venda de produtos militares e o traspaso de tecnoloxía aos países sudamericanos, sendo as novas relacións entre Bolivia e Francia un claro expoñente de como ideoloxías aparentemente antagónicas se fusionan en prol do interese económico (rememorando o apoio de De Gaulle a algunhas empresas que proveron de infraestructura para a construción do metro en México e Chile), relacións económicas que se intensificarán especialmente con Brasil tras a súa asunción do papel de “xendarme dos neoliberais” en Sudamérica.

Revitalización da Francophonie

 Respecto de África, asistiremos a unha gradual substitución do tradicional colonialismo paternalista (De Gaulle) polo dun neocolonialismo que baixo a epígrafe de “garante dos Dereitos Humanos” continuaría esquilmando os recursos naturais, especialmente uranio, platino,cobalto, manganeso, ouro e diamantes ademais do mediático coltán, aproveitándose dos endémicos conflitos tribais e rutineiros golpes de Estado e en feroz competencia con EEUU, Rusia , China e resto da UE. Para rematar, asistiremos á creación dunha sociedade subsidiada nos territorios do ultramar francés espallados por África, Oceanía e América co obxectivo de asegurar a paz social e poder preparar un novo modelo de economía autoxestionaria que permita “reflotar os devanditos territorios do subdesenvolvemento e a dependencia da metrópole”, tra a previsíbel repetición dos disturbios acontecidos en 2009 na illa de Guadalupe e que se estenderían por efecto mimético até a veciña illa de Martinica, de novo baixo o lema “contra a carestía da vida”. A nova estratexia de París pasaría pois pola substitución do tradicional colonialismo paternalista francés por unha relación interpares da metrópole coas súas antigas colonias, pondo así final ao endémico tratamento por parte dos sucesivos gobernos franceses dos territorios de Ultramar como colonias en lugar de territorios con representación parlamentaria, xurdindo posteriormente un neocolonialismo que intentará a revitalización da Francophonie como ente político e económico no escenario mundial no horizonte do 2020, filla do atavismo da Grandeur.

 

 [Artigo tirado do sitio web Alainet, do 9 de maio de 2017]