Foro de São Paulo: novos debates do cambio de época

Katu Arkonada -

Do mesmo xeito que en 1990, o Foro naceu nun escenario tremendamente complexo. En 2018 o foro reunirase en Cuba noutro momento complexo. Da fin da historia á fin do ciclo progresista é o relato que queren impoñer. Queren (re)impoñer unha versión tecnocrática da política, deixando como moito espazo para un progresismo light

 Guerra de posicións. Ese concepto gramsciano é o que mellor ilustra a situación continental despois do cambio de época inaugurado polo comandante Hugo Chávez en 1998, que levou a que unha esquerda aglutinada no Foro de São Paulo, que até ese ano só gobernaba (iso si, desde 1959) a Cuba socialista, pasase a xestionar até 11 gobernos latinoamericanos (Venezuela, Arxentina, Brasil, Uruguai, Bolivia, Ecuador, Nicaragua, O Salvador, Honduras, Paraguai e un Perú que comezou con signo progresista e terminou cun claro carácter conservador). Porén, tras unha ofensiva de carácter conservador, foi perdendo pola vía electoral (Arxentina) ou dos golpes de Estado (Honduras) e parlamentario-xudiciais (Paraguai ou Brasil) as posicións conquistadas. Outras veces a contrarrevolución chegou desde dentro, como é o caso de Ecuador, onde a dereita nin sequera tivo que gañar electoralmente o correísmo para se facer co poder.

 A recente vitoria do uribismo en Colombia e do lopezobradorismo en México, xunto cos vaivéns xudiciais en torno á liberación de Lula en Brasil, todo iso en menos dun mes, ilustran á perfección esa especie de empate catastrófico en que se atopa América Latina, empate entre os proxectos progresistas e os intentos de restauración conservadora.

 É neste contexto que entre o 15 e 17 de xullo se celebra o 24 Foro de São Paulo na Habana, Cuba. Un foro ideado por Fidel Castro e Lula da Silva aló por 1990, cando caía o mundo e se impuña a fin da historia. Foro que sempre recolleu no seu seo as correlacións de forza existentes en cada país e momento histórico. Á fin e ao cabo, diso trata a política. Por iso tampouco non é casualidade un FSP na Cuba post Castro, con Díaz Canel como presidente, e o PCC, de Raúl, de anfitrión do evento.

 E todo iso nun momento de crise.

 Crise do capitalismo que só pode seguir o proceso de acumulación profundando o espolio, nun proceso de financeirización da economía, con Trump e o Brexit poñendo en xaque a globalización neoliberal, e China e Rusia facendo xaque mate ao mundo unipolar.

 Crise do imperialismo, que así e todo continúa a súa ofensiva en todo o planeta, facendo o único que sabe facer, e aproveitando tamén erros alleos. No caso de América Latina e o Caribe, cambiou o inimigo externo, Cuba por Venezuela, pero continúan as mesmas vellas prácticas nun novo taboleiro de xogo.

 Crise política da que non se salvan nin os gobernos de esquerda nin os de dereita. Agora mesmo o escenario continental ten incendios en Nicaragua, O Salvador, Ecuador, Brasil, Colombia e Arxentina.

 Do mesmo xeito que en 1990, o Foro naceu nun escenario tremendamente complexo. En 2018 o foro reunirase en Cuba noutro momento complexo. Da fin da historia á fin do ciclo progresista é o relato que queren impoñer. Queren (re)impoñer unha versión tecnocrática da política, deixando como moito espazo para un progresismo light.

 Para iso a ofensiva mediática, xudicial e mesmo relixiosa é abafadora. Queren vencer culturalmente e contan para iso coa potencia de lume mediática, co avance da dereita evanxélica entre os sectores populares e a ferramenta do lawfare cando é necesaria, especialmente contra os líderes da esquerda.

 Os riscos son grandes, a fiestra de oportunidade que supuxo o FSP, tal como a define o politólogo e ex diplomático cubano Roberto Regalado, un dos seus fundadores, pode abrirse, pero tamén pecharse, co risco de que do posneoliberalismo se pase a unha socialdemocracia con características latinoamericanas.

 Por iso os desafíos desta edición do Foro de São Paulo son se cadra os maiores na historia desta ferramenta de confluencia e unidade para a esquerda latinoamericana.

 Todo iso no medio dun proceso de integración en retroceso: un Alba ralentizado, unha Unasur en crise e unha Celac estancada.

 E con debates vellos, pero que necesitan de novas respostas, como a relación partido-movemento-goberno-Estado. Para iso é imprescindíbel o diálogo coas novas forzas de esquerda e/ou progresistas latinoamericanas, desde Nuevo Perú a Colombia Humana, da Frente Amplia de Chile a Morena de México.

 E, sobre todo, repensar os límites dos proxectos progresistas construídos até o momento. Repensar os límites para se catapultar cara a adiante na edificación dun proxecto novo e máis ambicioso que xa ten un punto de partida, o Consenso da nosa América, documento de proxeccións para un programa político de acordos da esquerda, os partidos e movementos populares de América Latina e o Caribe.

 E, sobre todo, unidade, a que proclamaba Fidel Castro no seu discurso na clausura do cuarto Foro de São Paulo celebrado na Habana o 24 de xullo de 1993: Vexan como malia a diversidade de organizacións temos un gran número de puntos en común e loitas en común, e esa declaración, que pode ter unha coma máis e unha coma menos, unha palabra máis e unha menos, unha que nos satisfaga máis e outra que nos satisfaga menos, é practicamente un programa de loita.

 

[Artigo tirado do xornal mexicano La Jornada, do 15 de xullo de 2018]

 

Volver