Folga no gran comercio téxtil da provincia da Coruña o 10 de decembro contra a imposición do convenio estatal impulsado pola patronal ARTE

Suporía un grave retroceso nas condicións laborais e salariais que xa ten recoñecidas o persoal de empresas como Inditex, H&M, Mango ou Primark
A Coruña - 05 Dec 2025

O próximo 10 de decembro, a CIG e UGT teñen convocada unha xornada de folga no comercio téxtil da provincia da Coruña en rexeitamento ás pretensións da patronal ARTE (integrada polas grandes empresas do sector como Inditex, Mango, H&M, Primark, Cortefiel, Kiabi, Uniqlo, etc.) de impoñer un convenio de ámbito estatal con peores condicións que as recollidas no convenio provincial de comercio vario.

Os termos nos que se está a negociar en Madrid suporían un grave retroceso e unha marcha atrás nas condicións económicas e laborais do persoal ao impoñer salarios máis baixos (entre 2.000 e 3.000 euros anuais menos), eliminar calquera concepto retributivo ligado á antigüidade e á permanencia, reducir nas licencias, suprimir a voluntariedade do traballo nos domingos e festivos, introducir maior flexibilización nos calendarios e horarios e recortar incluso o complemento que se percibe nas situacións de incapacidade temporal.

Centralizar a negociación colectiva 

O intentos de centralizar a negociación colectiva iniciáronse hai máis de dous anos, logo das grandes compañías constituír unha nova patronal, ARTE. Este movemento, ademais, produciuse pouco despois da histórica loita levada adiante polas traballadoras das tendas de Inditex na provincia da Coruña, que rematou coa sinatura dun acordo con substanciais melloras económicas e laborais que a multinacional estendeu logo a todos os seus centros de traballo.

A centralización da negociación colectiva implicaría laminar a CIG da comisión negociadora, cando a central nacionalista ten unha representación maioritaria ou moi cualificada nas unidades de negociación existentes, que son os convenios provinciais.

Este convenio de ámbito estatal tamén suporía neutralizar ou conxelar durante anos as melloras laborais e salariais que as traballadoras de territorios como Galiza ou Euskal Herria conseguiron introducir nos convenios provinciais a través da loita e da mobilización; e ao tempo, esta gran patronal tamén busca desmobilizar as traballadoras e traballadores do sector.

Diante deste ataque frontal aos dereitos laborais e salariais xa conquistados e ao dereito a ter unha negociación colectiva próxima onde as traballadoras e traballadores teñen capacidade de decidir e incidir, o persoal das empresas que integran ARTE acordou de urxencia unha convocatoria de folga para o mércores 10 de decembro.

Neste día está fixada a próxima reunión da comisión negociadora e con esta folga, as traballadoras queren evidenciar o seu rotundo rexeitamento ao despropósito que significaría o convenio estatal e evitar que se materialice a súa sinatura.